Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?
Varias entradas atrás tentamos dar unha idea de como avanzaba o proceso de recuperación tras incendio na desolada Pena Trevinca. A intención desta entrada é facer o propio coa Serra de Queixa.
Esta serra é parte do máis
extenso Lugar de Importancia Comunitaria da Rede Natura 2000 en Galiza, o
denominado “Macizo Central”, que xa temos comentado que nen é macizo nen é
central. Tampouco é acaído denominar a este grande espazo como “Serra de Queixa”,
serra que pode entenderse como aquela que inclúe os montes pertencentes ao
concello de Queixa ou Chandrexa de Queixa. Pois o tal “Macizo Central” é un
conxunto montañoso que abrangue desde o cume máis alto, Cabeza Grande, situado
no concello de Maceda de Trives, até os lombos e cabezos que xa son de Castrelo
do Val, Laza ou Vilariño de Conso, incluído a vertente norte e oriental da
Serra de San Mamede, boa parte dela xa do concello de Montederramo. Mais a de
Queixa é a serra máis importante por extensión.
Foi, como dicíamos nesta entrada,
polo Acebral da Mota que se prendeu o primeiro dos lumes que desencadeou o
pavor incendiario nese fatídico período de 15 dias de agosto de 2025 que
arrasou máis de cen mil hectáreas do país. Ese lume, que condensa e cristaliza
a degradación moral e social máis absoluta como resultado do abandono, o
caciquismo e a delincuencia incendiaria, daría pé a que se prendese en Montederramo,
en Maceda de Trives e en Larouco. A seca, o estrés fisiolóxico da vexetación e
as imprudencias darían dimensión á traxedia.
Neste espazo había e hai importantes
poboacións de especies da fauna ameazada. Águia Real (3-5 parellas), PerdizCharrela (nº indeterminado de bandos), Toupa de río Galemys pyrenaicus (a mellor poboación, na cabeceira do río Navea),
Lobo (non menos de 7 grupos familiares), Choia de bico vermello... Unha boa
representación de ungulados silvestres, como Corzo, Cervo, Cabra Brava e Porco
Bravo. E, tamén, unha flora e vexetación singular. E non vamos seguir co
relatório..
O que queremos destacar hoxe, acompañando
a reportaxe fotográfica que incluímos, é un interrogante. Alén de favorecer a retirada da madeira queimada a beneficio das
empresas silvícolas, a estas alturas existe algún proxecto de restauración
ambiental para este importante espazo da Rede Natura? Teñen os dous “petardos
sen mecha” que dirixen as Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural algunha
idea ao respeito? Polo de agora, as vacas campan como queren polo queimado,
explicitándose, unha vez máis, a vixencia do sistema clientelar nestas terras arredadas da verdadeira democracia de
participación e intervención social en pé de igualdade.
O dia 29 de novembro dan-nos
cinco euriños para gastar nun cafeíño, disque de democracia. Haberá que
aproveitar a oportunidade. Non esquecer como ladran en harmónicos perfectos as
dúas “jaurías”, a dos fascistas sen complexos e a dos “goebbelianos” de Feijoo.
E lembrar dous nomes que representaron a rebeldía cívica, nun caso, e o teimudo
proxecto de construír unha Galiza mellor, distinta e soberana: Maricarmen e
Xosé Manuel Beiras. Que a Terra lles sexa leve.
Grazas polo voso traballo e.por iste magnífico artigo de información e denuncia.
ResponderEliminarDeixar facer, deixar pasar. Políticas neoliberais ácratas que estragan os ecosistemas de máis valor do país sen a reacción dunha sociedade a que tanto lle ten.
ResponderEliminarProfunda mágoa e incomprensión por tanto desleixo