Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?

Imaxe
  Para entender o flamante contrato do UH-60L Black Hawk asinado pola Xunta coa empresa Airworks Helicopters, de Salamanca, e máis o futuro despregamento deste tipo de aeronaves no Estado Español e no resto da Europa máis afectada e sensibilizada polo desafío dos megaincendios, convén que introduzamos algúns factores e botemos man doutros detalles non banais. Para, posteriormente, centrármonos na análise da eficiencia destes aparellos no combate aéreo dos incendios. Vamos con un deses factores necesarios, pero non suficientes..: o colapso Kamov. O denominado colapso dos helicópteros Kamov en Europa refírese á parálise total e á retirada de servizo destas aeronaves rusas de extinción de incendios a raíz das sancións impostas pola Unión Europea á Federación Rusa. Esta situación provocou unha perda de até o 30% na capacidade de descarga e extinción de incendios forestais en países do sur de Europa, especialmente no Estado Español e Portugal, que dependían enormemente do modelo Kamo...

A Serra de Queixa un ano despois dos lumes

 Varias entradas atrás tentamos dar unha idea de como avanzaba o proceso de recuperación tras incendio na desolada Pena Trevinca. A intención desta entrada é facer o propio coa Serra de Queixa.


Esta serra é parte do máis extenso Lugar de Importancia Comunitaria da Rede Natura 2000 en Galiza, o denominado “Macizo Central”, que xa temos comentado que nen é macizo nen é central. Tampouco é acaído denominar a este grande espazo como “Serra de Queixa”, serra que pode entenderse como aquela que inclúe os montes pertencentes ao concello de Queixa ou Chandrexa de Queixa. Pois o tal “Macizo Central” é un conxunto montañoso que abrangue desde o cume máis alto, Cabeza Grande, situado no concello de Maceda de Trives, até os lombos e cabezos que xa son de Castrelo do Val, Laza ou Vilariño de Conso, incluído a vertente norte e oriental da Serra de San Mamede, boa parte dela xa do concello de Montederramo. Mais a de Queixa é a serra máis importante por extensión.

Foi, como dicíamos nesta entrada, polo Acebral da Mota que se prendeu o primeiro dos lumes que desencadeou o pavor incendiario nese fatídico período de 15 dias de agosto de 2025 que arrasou máis de cen mil hectáreas do país. Ese lume, que condensa e cristaliza a degradación moral e social máis absoluta como resultado do abandono, o caciquismo e a delincuencia incendiaria, daría pé a que se prendese en Montederramo, en Maceda de Trives e en Larouco. A seca, o estrés fisiolóxico da vexetación e as imprudencias darían dimensión á traxedia.

Neste espazo había e hai importantes poboacións de especies da fauna ameazada. Águia Real (3-5 parellas), PerdizCharrela (nº indeterminado de bandos), Toupa de río Galemys pyrenaicus (a mellor poboación, na cabeceira do río Navea), Lobo (non menos de 7 grupos familiares), Choia de bico vermello... Unha boa representación de ungulados silvestres, como Corzo, Cervo, Cabra Brava e Porco Bravo. E, tamén, unha flora e vexetación singular. E non vamos seguir co relatório..

O que queremos destacar hoxe, acompañando a reportaxe fotográfica que incluímos, é un interrogante. Alén de favorecer a retirada da madeira queimada a beneficio das empresas silvícolas, a estas alturas existe algún proxecto de restauración ambiental para este importante espazo da Rede Natura? Teñen os dous “petardos sen mecha” que dirixen as Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural algunha idea ao respeito? Polo de agora, as vacas campan como queren polo queimado, explicitándose, unha vez máis, a vixencia do sistema clientelar nestas terras arredadas da verdadeira democracia de participación e intervención social en pé de igualdade.

O dia 29 de novembro dan-nos cinco euriños para gastar nun cafeíño, disque de democracia. Haberá que aproveitar a oportunidade. Non esquecer como ladran en harmónicos perfectos as dúas “jaurías”, a dos fascistas sen complexos e a dos “goebbelianos” de Feijoo. E lembrar dous nomes que representaron a rebeldía cívica, nun caso, e o teimudo proxecto de construír unha Galiza mellor, distinta e soberana: Maricarmen e Xosé Manuel Beiras. Que a Terra lles sexa leve.    

O que foi o piñeiral ao norte da estación de esquí, inexistente tras o lume e as cortas

Nesta área criou durante anos un dos grupos familiares de lobos destas montañas. Hoxe arrasado, os lobos campan e pasan de longo como fantasmas polo seu antigo fogar 

O que antes era un piñeiral de Pinus sylvestris que albergaba pasteiros naturais intercalados con extensos matos de arandeiras, onde os corzos e os cervos se deixaban ver fuxidíos, só quedan as cepas cortadas, mentres as vacas toman posesión exclusiva do dominio


Procesadoras, auto-cargadoras, camións.. Unha das empresas silvícolas que fai o seu particular negocio cos piñeiros queimados


As pistas e vías de saca multiplícanse, incluso nas poucas áreas ás que non chegou o lume


Que medidas está a tomar a Conselleira Mentireira de M.A. para minimizar o impacto das cortas?





A estrada que sobe á estación de esqui. O que era un extenso piñeiral, hoxe xa é unha paisaxe desprovista de árvores.

As vías de saca causan importantes destrozos. Todo vale para as empresas da madeira


Cabeceira do val glaciar de Prada. No monte medran as pedras..

Nos primeiros dias de outubro de 2026, extensas zonas da parte norte da serra presentan este aspecto desprovisto incluso de herbáceas


As vacas pastan como se non houbese restrición algunha. Asi alimentamos o espiral do lume..



Ladeiras con matogueiras mui boas para corzo e cervo tardarán anos en recuperarse


Na metade sur da serra parece que a recuperación avanza algo máis..

Vista da contorna do encoro da Cenza

Ladeiras da Pereisada que caen cara o encoro das Portas, onde un dia estivo a aldea de Veigas de Camba




























































Comentarios

  1. Grazas polo voso traballo e.por iste magnífico artigo de información e denuncia.

    ResponderEliminar
  2. Deixar facer, deixar pasar. Políticas neoliberais ácratas que estragan os ecosistemas de máis valor do país sen a reacción dunha sociedade a que tanto lle ten.
    Profunda mágoa e incomprensión por tanto desleixo

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro

Incendios e fauna en perigo (e IV): o lobo (Isabel Barja)

Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?