Reflexións dun incendiario

 


 Reflexións dun incendiario

        Agosto de 2025. Lumes en Requeixo, O Castro de Escuadro, Mormentelos, Paredes...

“Meu fillo xa vai para 30 anos prendendo lume no monte. Un xa vai vello e non pode ocuparse de todos. Creo que lle adeprendín ben o oficio. Como meu pai fixo comigo, seu pai con el e así ata perderse no tempo. Eiquí sempre se pegou lume no monte para que saíse herba para as vacas”.

“Daquela, antes dos señoritos dos despachos gobernar, prendíamos o lume sempre case no romate do inverno. A terra aínda estaba fría e húmeda. O vento facía bulir as labaradas, pero non marchaban máis alá de onde querías que ardese. Hoxe, se queres ter pasto tes que prender lume no verán, cando o nordés pon a serra para arder”.

 
"Este é o meu territorio. Aqui fago co lume o que me peta" 
O Acebral. Foco orixinal do "lume de Chandrexa de Queixa"



“Eu sempre vivín das vacas. Antes era moi esclavo. Agora vivo da pensión. Pero sempre, sempre, fun de ver primeiro o que ten un de diante. Eu na casa teño o fillo e a muller. A nora e os netos. O das queimas controladas é unha comedia. Eu tamén sei facer deso, comedias. Cando chegou o Fraga quitáronnos de pór lume no monte. Prendíano eles, así esparexido. A cousa foi a pior. Non queren que arda no inverno.. Pois así comemos todos!”.

“Hai que ser un pouco artista para facer ben este oficio. Eu non levo por casualidá 70 anos pondo lume no monte. Antes facíao á vista, todo o mundo lle pegaba lume á faceira, ao lombeiro do monte ou aos brañeiros da serra. Hoxe, se ven o forestal, xa te empapela. Así que hai que ser finos. Eu, cada lume, para min, é como un fillo. Sei o que hai que darlle para que traballe ben e renda o esforzo a facer. Se ven o vento do norte ou de través poño o lume mirando ao sur. Alí onde non se move unha herbiña. Porparo un niño de herbiñas miudiñas, desas que levan os paxaros para pousar no niño e chocar os ovos. Entón, con dous paus, porparo a “encubadora”, chámolle. Cun cú de botella, desas das gasiosas, coloco o cristal mirando para onde sei que vai dar a canícola a medio dia. Se eu marcho, por exemplo ás 10 ou ás 11 da mañán, o sol pasa por alí á unha ou ás dúas da tarde, xa estou eu enchendo o bandullo na casa. E se o vento ven do sur, pois poño o lume no norte. Tamén uso mecha dos chisqueiros de antes, cos que se prendían os cigarros. Fágolle unha cama de lousas, que lle dea un pouco o vento para alimentar a mecha. Si gasto medio metro teño case unha hora para liscar. E teño outros sistemas, debía patentar algúns..! Eso si, se non é pola Manoliña, que xa vai vella a probe, mais da metade dos lumes que puxen non os podería ter posto, porque non daría chegado a eses sitios. Esa besta vale o seu peso.., e como conoce a serra..!”.


“Levo atopado varias veces os forestales. Van de LanRover. Eu dacabalo. Buenos días. Buenos días.. Eu teño moito distinto. Sei por como me miran si andan a esto ou aqueloutro, e si me van dicir algo. Antes metía as vacas no queimado xa no primeiro ano, pero aora é mellor que esperen un pouco máis. Déixoas na nave ou lévoas do lado de onde ardeu. Si me din algo teño tempo a saca-las”.

“Cada tres ou catro anos móntolles o baile. Á noite eso é un lucerío todo. E dando voces os arradios, a berrar: cochebomba de Fradelo, da marcha atrás que te vas esfragar...! Eu pasábao en grande hai trinta anos! E de día co escuadrón! Hai pilotos que saben o que fan. Na vida hai que saber calcular.. Eu calculo a herbiña que vai saír dispós de cada lume. Pos eses pilotos terán que calcular as manobras que fan.. E os políticos dos despachos tamén. Ben saben que eiquí desto, de pegarlle lume ao monte, vivimos uns poucos, pero eles aporveitan para mover ben os cartiños”.

“Eu de mozo ben vin como botaron fóra da Nebuíña aos pastores, hai máis de sesenta anos, para encher aqueles montes de pinos. A algún visitouno a brigadilla. Uns metéronse na casa e déronse ao viño. Outros marcharon para Suíza, para Alemania ou Francia. Eran aínda os tempos da fame. Eu anduven aos pinos daquela, cavando e plantando. E aos torgos.. Pero agora hai moito vicio. E máis neses despachos. A min, con 90 anos.., a min non me foden agora..”.

“Si, o pior de cando veñen facer preguntas é que hai que facer un gasto a maiores na casa. Eu sempre teño un bo xamón, e un queixo de ovella, deses grandes. Algo de viño. Os da Guardia Civil son como os do chiste, o Mortadelo e o Felemón, un ponse serio todo e o outro.. Ay, que bo está este xamón.., e onde dicía que estaba vostede á hora de prenderse o lume..? Os da policia nacional son máis serios, pero andan perdidos, a maioría non se enteran do que hai. O pelado da Xunta, o forestal, ese ben sabe o conto. Anda doente querendo apretarme as carabillas. Pero non da feito, ten moito traballo. Haiche aínda xente bastante por eiquí a prender lume..”.


“Nas aldeas de por eiquí todo o mundo sabe o que hai. Asín foi toda a vida. Os das oficinas que están perdidos, pós hai que recordarllo. Xa para iso están os que están. E asín vai virando a roda. Conozo algunha desa xente de mando. Veñen por eiquí ás paparotas. Saben ben o que fan e o que non fan. Hai que levarse ben con todo o mundo. Eu nunca gustei de alternar moito. Mellor que pensen dun que é un pailán a que anden a cavilar. Así tes as mans libres para o oficio. Non hai máis”.

 Un gandeiro anónimo das serras de San Mamede e Queixa.

11 de agosto de 2025.





































Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Sainete do lume na montaña de Ourense