O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro

Na anterior entrada fixemos un breve comentario sobre a pequena industria que existía no país  arredor da produción de madeira nobre de árbores frondosas autóctonas. E citabamos a importancia e relevancia alcanzada por algún dos serradoiros galegos, como o de Moneixas, propriedade de Manuel Riádigos, finado hai xa anos. E como a administración galega, esa dominada polo Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG, deixaba esmorecer un recurso de enorme potencialidade, experiencia e coñecemento.



Como muitas veces vale máis unha imaxe que mil palabras, recuperamos aquí un vídeo que se gravou hai xa case 20 anos. E aproveitamos para vos apresentar a extensión no YouTube deste IncenDiario, que ha levar por nome Canal IncenDiario. Con certa periodicidade incorporaremos material audiovisual que consideremos interesante para mellor comprender algunhas das ideas que defendemos neste humilde blog.

No vídeo do que falamos, que leva por título Historias forestais, aparecen dous exemplos de serradoiros, un de castiñeiro e o outro de piñeiro. O primeiro é o serradoiro que había en Moneixas, Lalín. Comandado por Manuel Riádigos, Carriento, dese pequeno emprazamento febril saía a mellor madeira de castiñeiro traballada e preparada para un variado conxunto de aplicacións e novas transformacións. E a ese serradoiro ía dar a madeira seleccionada de mellor calidade do país e, para que o volvan ler os da Banda das Carrachas, do Estado Español todo. A pasividade desa caste de funcionariado da obediencia debida, que enchen o papo cando proclaman que no monte hai sitio para todo, demostra que realmente están pola descomposición do país e a súa entrega a cachos ás multinacionais da celulosa. Iso tamén o tiña claro Emilio Carbia, propietario do serradoiro de piñeiro que había no Lombao, en Ames, e que declaraba abertamente neste vídeo como “un señor de Ferrol” se ocupou de cargarse os serradoiros de piñeiro, en alusión a Juan Fernández, Conselleiro de Industria con Fraga Iribarne.

“Where you go, ash and cinders form the afterglow..”  Iso dicía-nos o enorme Jerry Cantrell en Afterglow. A pesar de toda esa enorme miríade planctónica funcionarial, a luz dalgunhas persoas ha brillar por muitos anos.





Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario