O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro
Na anterior entrada fixemos un
breve comentario sobre a pequena industria que existía no país arredor da produción de madeira nobre de
árbores frondosas autóctonas. E citabamos a importancia e relevancia alcanzada por
algún dos serradoiros galegos, como o de Moneixas, propriedade de Manuel
Riádigos, finado hai xa anos. E como a administración galega, esa dominada polo
Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG, deixaba esmorecer un recurso de
enorme potencialidade, experiencia e coñecemento.
Como muitas veces vale máis unha
imaxe que mil palabras, recuperamos aquí un vídeo que se gravou hai xa case 20
anos. E aproveitamos para vos apresentar a extensión no YouTube deste IncenDiario, que ha levar por nome Canal
IncenDiario. Con certa periodicidade incorporaremos material audiovisual
que consideremos interesante para mellor comprender algunhas das ideas que
defendemos neste humilde blog.
No vídeo do que falamos, que leva
por título Historias forestais, aparecen
dous exemplos de serradoiros, un de castiñeiro e o outro de piñeiro. O primeiro
é o serradoiro que había en Moneixas, Lalín. Comandado por Manuel Riádigos, Carriento, dese pequeno emprazamento
febril saía a mellor madeira de castiñeiro traballada e preparada para un
variado conxunto de aplicacións e novas transformacións. E a ese serradoiro ía
dar a madeira seleccionada de mellor calidade do país e, para que o volvan ler
os da Banda das Carrachas, do Estado Español todo. A pasividade desa caste de
funcionariado da obediencia debida, que enchen o papo cando proclaman que no
monte hai sitio para todo, demostra que realmente están pola descomposición do
país e a súa entrega a cachos ás multinacionais da celulosa. Iso tamén o tiña
claro Emilio Carbia, propietario do serradoiro de piñeiro que había no Lombao,
en Ames, e que declaraba abertamente neste vídeo como “un señor de Ferrol” se
ocupou de cargarse os serradoiros de piñeiro, en alusión a Juan Fernández,
Conselleiro de Industria con Fraga Iribarne.
“Where you go, ash and cinders form the afterglow..” Iso dicía-nos o enorme Jerry Cantrell en Afterglow. A pesar de toda esa enorme
miríade planctónica funcionarial, a luz dalgunhas persoas ha brillar por muitos
anos.
Moi interesante o contades
ResponderEliminarConcordo.
Grazas, polo gran traballo que fas
ResponderEliminarA vos, que estades aí e apoiades..!
Eliminar