Incendios e fauna en perigo (e IV): o lobo (Isabel Barja)
Alberto Fernández-Gil, nacido en Bilbao, doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Oviedo cunha tese que versa sobre ecoloxía, comportamento e conservación de dúas das especies máis características da Cordilleira Cantábrica, o oso pardo e o lobo, é un dos naturalistas ibéricos que maior experiencia ten en estudos de ecoloxía de montaña. Pero, polo seu traballo na Estación Biolóxica de Doñana (CSIC), tamén participou en proxectos de investigación e conservación ao longo de Africa, Asia e América. Froito da longa traxectoria de estudo e de traballo de campo, ten un coñecimento extraordinario, non só da paisaxe e xeografía física da Cordilleira Cantábrica, senón tamén dos seus elementos e mecanismos ecolóxicos fundamentais. Esa experiencia tenlle permitido explorar especies asociadas aos hábitats de montaña que tan ben coñece, como as perdices charrelas. Sempre obxectivo, e crítico cando se debe ser crítico, é un honor abrirlle as portas de IncenDiario.
Resposta
(R). Que eu saiba, non se abordou ningún traballo para avaliar o efecto dos incendios
sobre a perdiz charrela, nin sobre os seus efectos demográficos, nin sobre o
seu comportamento ou sobre a súa ecoloxía espacial ou trófica. Con todo, inmediatamente
despois dos incendios de verán do ano 2025 se detectaron perdices en áreas de
matogueira próximas aos incendios, xeralmente a menor altitude que a utilizada
habitualmente nos últimos anos. Até onde eu sei, esas aves non voltaron ser detectadas
nesas localidades, o que era de esperar, xa que nesas zonas a competencia coa
perdiz común pode ser intensa, ao non ser o óptimo para as charrelas.
Ante a
alta vulnerabilidade de todas as poboacións ibéricas de charrelas, parece necesario
e urxente un estudo que estableza o rango de ocupación da especie, ao menos na área
cantábrica, que á a que máis sufriu tras os incendios de 2025 (Figura 1), e avaliar
a perda de hábitat e os seus potenciais consecuencias demográficas.
(P). No incendio que afectou unha área moi interesante para a
conservación da especie, como o Parque Natural do Lago de Seabra e as montañas
do macizo de Pena Trevinca, a superficie queimada estimouse en máis de 24.000
hectáreas. Trátase dunha zona na que a Junta de CyL levaba moitos anos
efectuando traballos de mellora de hábitat e seguimento demográfico. A pesar diso,
no se publicaron informacións sobre o estado da especie na área.., Sábese realmente
algo?
(R). Si,
publicaron recentemente un traballo (Palacios et al., 2024), aínda
que, tras ler o artigo, os resultados sobre a demografía das perdices tras o
manexo do hábitat (básicamente rozas de matogueira, ás veces incluso mediante o
uso do lume) non parecen tan claros como os autores pretenden. Por certo, dos 15
autores que asinan o traballo, 12 pertencen á administración rexional da Junta
de Castilla y Léón, incluíndo directores xerais e xefes de servizo. Sen
menoscabar os resultados do traballo, o artigo, sobre todo polo mantido no
resume e na discusión, parece un exercicio de propaganda un tanto descarado.
(P). Ante o previsíbel impacto das alteracións do hábitat reprodutor das charrelas
debido ao lume, sostiñades a necesidade de suspender todo tipo de actividade cinexética.
No relativo á caza menor, por canto tempo cres que habería que vedar tamén a
caza de perdiz común ou, mellor incluso, non cres que a caza desta especie en
zona de cría de charrelas debería estar proibida, para evitar confusións?
(R). Si,
desde logo, a actividade de caza menor debería esta completamente proibida no
ámbito de ocupación das charrelas na Cordilleira Cantábrica e áreas da contorna.
A confusión coa perdiz común é real (e podo testemuña-lo de primeira man, tras a
miña experiencia en Cantabria, onde a finais dos 80 levamos a cabo un traballo
sobre o hábitat e a demografía das perdices charrelas e comúns (Llamas et al., 1990);
de feito, só son facilmente identificábeis mediante o uso de binóculos), e con
toda seguridade, supón a morte cada ano de decenas de charrelas, algo perfectamente
evitábel, e que a dinámica das charrelas non pode, con toda probabilidade,
soportar.
(P). Segundo informes específicos, os episodios de tormentas secas serán
máis habituais neste tipo de áreas de montaña ao longo dos veráns dos próximos
anos. Que medidas preventivas se poderían impulsar para minorar os efectos dos
incendios que se poidan desencadear por raios? Cres que puntualmente e de forma
localizada se poderían planificar queimas controladas?
(R). Os
raios apenas supoñen o 5% das causas de incendios en España, e son na práctica
a única causa natural de incendios; o resto é de orixe humana (MITECO, 2025), e é aquí
onde hai un amplo marxe de mellora na eficacia, tanto en vixiancia e
prevención, como en extinción. Creo que todo tipo de lumes, incluídas as queimas
controladas, deberían ser excluídos e proibidos no noso país, xa que sempre, no
100% dos casos, se acaba producindo perda de solo, algo que no nos podemos
permitir baixo ningún concepto. Puntualmente e sempre a pequena escala, parece
máis pertinente levar a cabo rozas de matogueiras que queimas “controladas”.
(P). Consideras que se deberían mobilizar moitos máis recursos económicos
para abordar políticas innovadoras en materia de prevención de incendios?
(R). Si,
desde logo, e isto creo que é asumido e compartido por unha grande maioría da cidadanía.
É un dos principais problemas ambientais, con importantes repercusións
económicas, sociais e emocionais, por non falar do seu efecto na diversidade
biolóxica, e existen múltiples problemas e carencias, ben na vixiancia e
prevención, como en extinción. Precísanse, igualmente, moitos recursos materiais
e humanos para divulgar, sensibilizar e educar sobre as nefastas e múltiples
consecuencias dos incendios en España.
(P). Especies como a choia de bico vermello, a toupa de río ou a perdiz charrela
parecen sufrir un declive difícil de reverter, e aparentan ser moi vulnerábeis aos
efectos dos incendios. Que opinión tes sobre o futuro da súa conservación?
(R). Son
moi pesimista coas perspectivas de conservación da toupa de río, mentres que non
o son tanto coas de charrelas e choias, e explícome. A toupa de río é un endemismo
ibérico, hai moi poucas especies no mundo parecidas, e ademais sufriu un devalo
dramático en só unhas décadas, debido aparentemente ao deterioro dos cursos
fluviais que se ha padecido en tempos recentes. Aínda que os ríos mostran unha
mellora recente en España, e a volta das lontras a moitos dos cursos nos que
desapareceran é unha clara evidencia, non todas as especies fluviais mostran
melloras: é o caso de salmóns, anguías e toupas de río. Mentres que as causas do
deterioro dos dous primeiros están asociadas sen dúbida á sobre-pesca, as da
toupa de río son máis escuras e complexas, pero sen dúbida ten que ver coa
situación de partida anterior, e a que a propia bioloxía da especie non lle
permite adaptarse a novas circunstancias. E os grandes incendios en zonas de
montaña supoñen un enorme deterioro das condicións e calidade dos cursos que
afectan particularmente a esta especie. Así, por exemplo, mentres que os merlos
rieiros (unha especie asociada, que ocupa o mesmo hábitat e consome presas similares)
pode abandonar a zona se esta se deteriora, con toda probabilidade boa parte dunha
poboación de Galemys que ocupe unhas bacías
sometidas a duras arrastres tras lumes severos, vai perecer e acabar
desaparecendo.
Pola
contra, nin choias de bico vermello nin perdices charrelas son exclusivas do
Estado (aínda que as perdices charrelas ibéricas teñen rango de taxón único, neste
caso subespecífico). As choias existen en moitas zonas do paleártico e de Asia
Central, e é probábel que as teña afectado
máis, ao menos en Galiza, as políticas forestais que supuxeron a perda de miles
de hectáreas do seu hábitat a mans de cultivos forestais, que os incendios das
serras. Pola súa parte, as charrelas cantábricas padeceron unha forte regresión
recente, orixinada pola persecución directa, e nos últimos anos, sen mostrar
síntomas de recuperación, por causas máis complexas, asociadas quizás ao
quecemento global (entre outras, maior competencia coa perdiz común, que ten
subido en altitude), pero tamén a un deterioro do ambiente subalpino tanto
cuantitativo (sobre todo por lumes e as infraestruturas asociadas aos labores
de suposta restauración ambiental posterior aos incendios: pistas e devasas en zonas
altas), como cualitativo (máis persoas sobre todo na época critica de reprodución
estival: trekking, competicións
deportivas de montaña, incremento exponencial de paseantes con cans no hábitat
da especie, etc.).
Por outra
parte, bótase moito de menos o coñecemento do grao de variabilidade xenética
das charrelas cantábricas e do seu grao de endogamia, así como a evolución
recente de ambos parámetros, tal e como se ten coñecido recentemente nos lobos
ibéricos, por exemplo, en sendos artigos científicos.
En
definitiva, a miña opinión é que as toupas de río teñen poucas probabilidades
de supervivencia como poboación a medio prazo, mentres que choias e charrelas
afrontan un escenario futuro gris (máis escuro no caso das charrelas), pero non
tan intensamente negro (e non é só unha figura retórica) como a pequena xoia dos
nosos ríos que é Galemys.
Referencias:
Alfaro-Saiz
E, Carmen Acedo, Luis Santiago Cano-Alonso, Manuel Díaz Fernández, Alberto
Fernández-Gil, Javier Fernández-López, Miguel de Gabriel-Hernando, Sonia
Illanas, Javier Naves, Saúl Ordóñez-Gavela, Mario Quevedo de Anta y José Luis
Tellería (Eds.). (2025). Afecciones a la biodiversidad por los grandes
incendios de la cordillera Cantábrica (2025). Informe Técnico. Doi:
10.13140/RG.2.2.26079.52645.
Llamas O,
Fernández-Gil A & Palomero G. (1990). Estudio de las Poblaciones de Perdiz
roja y Perdiz pardilla en Cantabria. Consejería de Ganadería, Agricultura y
Pesca. Diputación Regional de Cantabria. Informe inédito.
MITECO (2025).
Incendios Forestales en España. (1968-2015). Incendios Forestales en España.
Avance Informativo. (2016-2024). Ministerio para la Transición Ecológica y el
Reto Demográfico.
Palacios,
J., Sánchez-García, C., Santos, P., Rodríguez, M., Gutiérrez, J. L., Martínez,
A. & Tizado, E. J. (2024). Population response to habitat management from
an endangered galliform: the Pyrenean grey partridge recovery project in Lago
de Sanabria (2000–2023). Diversity, 16(8), 459.
Comentarios
Publicar un comentario