Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?

Imaxe
  Para entender o flamante contrato do UH-60L Black Hawk asinado pola Xunta coa empresa Airworks Helicopters, de Salamanca, e máis o futuro despregamento deste tipo de aeronaves no Estado Español e no resto da Europa máis afectada e sensibilizada polo desafío dos megaincendios, convén que introduzamos algúns factores e botemos man doutros detalles non banais. Para, posteriormente, centrármonos na análise da eficiencia destes aparellos no combate aéreo dos incendios. Vamos con un deses factores necesarios, pero non suficientes..: o colapso Kamov. O denominado colapso dos helicópteros Kamov en Europa refírese á parálise total e á retirada de servizo destas aeronaves rusas de extinción de incendios a raíz das sancións impostas pola Unión Europea á Federación Rusa. Esta situación provocou unha perda de até o 30% na capacidade de descarga e extinción de incendios forestais en países do sur de Europa, especialmente no Estado Español e Portugal, que dependían enormemente do modelo Kamo...

A dignidade e a vergoña.., un brigadista e un Goberno

 

“A dignidade da natureza humana require que enfrontemos as tormentas da vida.“

Mahatma Gandhi

“Amarga é a pena que nace da vergoña.”

Séneca

 

O encabezamento dunha nova aparecida o dia 19 deste mes de abril no xornal máis lido do país non deixa lugar á dúbida:

 

“ La profesora e investigadora de la Universidad de Oporto experta en incendios forestales, Fantina Tedim, dice que en un incendio extremo no funcionan los recursos de extinción”

Este é o enlace onde se pode ler a entrevista:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosagro/forestal/2026/04/18/gente-debe-involucrarse-aldeas-resistan-mejor-fuego/00031776517462246954209.htm

Hai unhas semanas, a Xunta aprobou o Pladiga de 2026. Sen novidades substanciais. Continuísmo na abordaxe do problema. Non se albiscan intencións de mudar a forma de enfrontar esa nova tipoloxía de incendios. A prevención segue a ser unha focaxe menor, mentres a extinción continúa a mobilizar o maior esforzo de investimento. A pesar dos chamados que desde múltiplas frontes se lle ten feito ao Presidente Pneumático, o único que se ten conseguido é unha aparente mobilización dos concellos para insistir á veciñanza de que ten que limpar as fincas. Aquel anuncio de que a Xunta se encarregaría de xestionar as faixas secundarias parece que non se concretou nin en partidas orzamentares nin en persoal laboral suficientes para executar os labores precisos, que non son poucos.

O lume xa deu aviso este ano. Carballo, Ponteareas e A Laracha viron arder ducias de hectáreas. As temperaturas xa subiron de 27 graos en comarcas como O Ribeiro, Ourense ou Compostela. E aínda non estamos en maio ou xuño.

A inacción é unha das peores eivas dun goberno. Suponse que é o resultado da incapacidade para comprender e, por tanto, a imposibilidade de planificar e actuar. Pero tamén pode ser inacción dolosa, é dicir, non se fai nada porque non se quere facer nada. Porque se prefire o statu quo. E iso supón aceptar os danos e a traxedia.

Recentemente, o xornal La Región publicou unha extensa entrevista con Iago Nogueira, o rapaz de Oimbra que resultou gravemente ferido polo lume no incendio que se desatou nese concello o día 12 de agosto de 2025. O primeiro que se percibe é a dignidade e a enteireza coa que este rapaz afronta o presente. Debe ser unha persoa extraordinaria. O feito de decidir ofrecerse voluntario o día no que non lle tocaba traballar no servizo de extinción, porque descansaba, xa confirma que se trata dun mozo con enorme conciencia da gravidade do lume e das necesidades do rural, comprometido co seu pobo e coa súa natureza. Pero o que sorprende gratamente e a súa determinación para superar a realidade adversa. Demostra a dignidade que tantas persoas ansiamos para este pobo.

Fronte esa entrega e xenerosidade, encontramos o escurantismo e a opacidade, a chantaxe e as coaccións, a falsidade e a mentira, as corruptelas e os compadreos, a incapacidade, a soberbia e a INACCIÓN. En definitiva, a vergoña dun goberno que acabará superado polos feitos. Da sociedade galega, no seu conxunto, depende que esta lacra non nos traia máis desgrazas.   


Deixovos unha xoia, para insistir en que non padecemos nengunha maldición divina. Shawn James e The curse of the fold.







Comentarios

Publicacións populares deste blog

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro

Incendios e fauna en perigo (e IV): o lobo (Isabel Barja)

Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?