Sainete do lume na montaña de Ourense
“Os seres humanos son naturalmente propensos
a crer virtuosos aos seus semellantes; isto é precisamente o que da tanta vantaxe
aos impostores e aos estafadores.”
Ferdinando
Galiani
A sucesión dos tráxicos acontecementos incendiarios
rexistrados en Galicia o pasado mes de agosto tivo un triste foco iniciático.
Cando compuxemos aquelas “reflexións dun incendiario” coas que dabamos inicio a
este blog, sabíamos da gravidade dese
foco. Prendido no arredado lugar do Acebral, pronto as lapas gatuñaron aos
cumes da Serra de Queixa para, desde o alto do Seixo, primeiro como fume e
despois como labaradas nocturnas, petar no ánimo dese incomprensible e fuxidío
colectivo incendiario. Tal como Mordor cando invocaba á maldade na triloxía
fantástica de Tolkien, deseguida prenderon focos no Castro de Escuadro (Maceda)
e Paredes (Montederramo) para, uns días máis tarde, arrincar outros lumes en
Larouco ou A Mezquita. Convertido o sudeste do país nunha grande pira,
aparecerían novos lumes máis arredados, en terras do Avia, do Ribeiro ou Deza.
Ao lembrar este foco que prende a mecha sabemos que as probabilidades de que
nos equivoquemos de persoa son mínimas cando pensamos nunha en concreto que
habita a zona e ten vacas na serra. A inexistencia de probas impide o progreso
de calquera denuncia. Pero si podemos sinalar o sistema que permite que isto
aconteza. E iso vamos tratar de facer nesta entrada.
As vacas a pastar no
queimado deste verán 2025
Os montes públicos
O denominado Macizo Central, que
pode ser macizo pero non central, abrangue as montañas de Queixa (concello de
Chandrexa de Queixa, comunmente coñecido na zona simplemente como Queixa),
Cabeza Grande (Manzaneda ou, máis ben, Maceda de Trives) e Invernadeiro, Val de
Cerveira e Cenza (Castrelo do Val e Vilariño de Conso). Engadiríamos, tamén, os
montes da cabeceira do río Navea ou de Edreira (Laza). Trátase dunha inmensa
zona de montaña, boa parte dela incluída en Rede Natura, con poucas,
esparexidas e pequenas aldeas que se dedicaron, de sempre, á pastoricia de
ovellas e cabras, dando lugar a unha das culturas máis singulares do país,
sendo o Entroido unha das manifestacións máis coñecidas dese conxunto de trazos
culturais e antropolóxicos derivados directamente desa economía e forma de vida
pastoril. Nesa extensión toda hai tres
montes públicos que suman case 8.000 hectáreas: Prada (Manzaneda, 2.166 has.),
Serra Mixta de Queixa (Chandrexa de Queixa, 4.955 has.) e A Edreira-As Nabuíñas
(Laza, 603 has.). Son propiedade dos concellos citados e xestionados pola Xunta
de Galicia. Aquí é onde reside “la madre del cordero” e será o que
trataremos de explicar. Pero antes, unha pouca de “historia recente”.
“Botáronnos do monte”
“Antes eramos moitos na serra. Había curros abertos por todos lados e
xuntábaste cos de máis cerca. Tamén andaba xente coas vacas, movéndoas deiquí
para alí. Xa despois cando veu o Fraga eramos menos, pero aínda así había máis
de dez ou doce curros na serra con pastor. Empezaron os veterinarios a facer
visitas seguido. Había un, así rubio, ese era o peor. Mandaron matar miles de
ovellas e cabras. De resultas deso quedamos na serra catro, como quen di.”
Este é o
relato que se escoita sobre o gran control veterinario da tuberculose que se
impulsou na serra nos anos noventa. Acababa Fraga de aterrar na Xunta e os ecos
da súa promesa de rematar cos incendios, que viñan de calcinar case 200.000
hectáreas en 1989, aínda se sentían de cando en vez na prensa. A persistencia
dunha actividade pastoril que mantiña vivo o manexo do pasto a través da
aplicación de queimas na fin do inverno era incómoda para o nacente Servizo de
Defensa contra Incendios Forestais (con todo, e así o demostra o tempo, resulta
ser o manexo máis eficaz e de mínimo custe para enfrontar a ameaza de grandes e
catastróficos lumes como os deste verán):
“Primeiro viñan os veterinarios, aquel Rubio, que era
o peor de todos. Despois andaban seguido atrás nosa os de Medio Ambiente.
Quitáronnos do medio, afundiron a máis dun e abandonáronse moitos curros.
Quedou a serra para os das vacas. Sen nós polo medio, encheron o monte de vacas
e xa non andaban atrás delas. Elas andan por libre. E os das vacas andan por aí
como se fosen agora os donos da serra.”
Uso ilegal dos montes públicos
Recentemente aprobáronse dous
documentos técnicos de grande interese. Son os denominados “Plan de Aproveitamento Silvopastoril do
Monte de Utilidade Pública “Serra Mixta de Queixa” Concello de Chandrexa de
Queixa” e “Plan de Aproveitamento
Silvopastoril do Monte de Utilidade Pública nº 103 “Dehesa de Prada” Concello
de Manzaneda” (2023). Durante decenios estes montes públicos de propiedade
municipal e xestión autonómica careceron de instrumentos técnicos que
permitisen, asegurasen e perpetuasen un aproveitamento por adxudicación
competitiva, legal e sustentábel. Por tanto, ata o ano 2023 houbo neses montes
un desinterese, abandono e inacción institucionais protagonizados sempre pola
Consellería de Medio Rural, coa complicidade da Consellería de Medio Ambiente,
que é a que debe velar polo bo estado de conservación da Rede Natura 2000.
A pregunta inmediata, derivada desa
ausencia de documento de xestión, é como se adxudicaban os dereitos de pasto.
Como, a quen e en que condicións se lle adxudicaba o dereito legal de levar a
pastar as vacas a eses montes? Pero o que ten máis substancia é que, atrás
deses dereitos de pasto está o cómputo de hectáreas e os cartos que se poden
percibir das axudas da PAC.
“Os das vacas gobernan a serra e os despachos. Mangonean cos da Xunta,
que lles permiten facer e desfacer.”
O funcionamento está ordenado a
través dun sistema clientelar onde quen manexa e corta o bacallau é o Clube
Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG. Por medio de comisarios políticos locais,
ben relacionados con cargos institucionais medios e estes, á súa vez, con altos
cargos políticos e institucionais, os das vacas controlan quen mete gando na
serra. Na escuridade abisal dese sistema clientelar repártense as hectáreas os xefes
locais, mangoneando cos montes públicos, beneficiándose gandeiros aliñados
politicamente ou desaliñados pero submisos. O Fondo Galego de Garantía Agraria,
o organismo encargado de pagar as subvencións, non encontraba nin xustificación
técnica nin criterios obxectivos de adxudicación legal. Por non encontrar,
dubidamos que encontrase tamén referencia algunha ao cumprimento dos requisitos
legais fundamentais para conceder esas axudas. O cal é ou sería, literalmente,
de gravidade extrema. Porque as fraudes nas declaracións para as subvencións
consistían en incluír parcelas das que non se contaba nin coa propiedade nin
con autorización de aproveitamento. Pero aínda hai máis..
Panorámica da serra
queimada en 2011
Que arda monte público non é o meu problema..
O abandono e persecución
sistemática a que foron sometidos os pastores de ovellas e cabras nesta serra
contrasta coa tolerancia á delincuencia incendiaria. Gandeiros de ducias,
incluso máis dun cento de vacas que se suben á serra en maio e permanecen nela
ata outubro ou novembro, estaban en situación irregular percibindo axudas da
PAC tramitadas daquela maneira por asociacións próximas ao Clube Tangaraño
(Silvanus, Agromacen..). E, cando a situación o precisaba, porque a serra está
xa desprovista das desbrozadoras animais que representaban as miles de cabezas
de cabras e ovellas, cando o mato leñoso se apropiaba dos pastos e dificultaba
o movemento e alimentación das vacas, curiosamente era o momento en que se
declaraban lumes que arrasaban superficies variables. Nos anos 90 e primeira
década do presente século, eses lumes podían queimar varios centos de
hectáreas. Pero conforme avanza o rigor térmico, cando se suceden vagas de
calor e alguén prende nalgún punto da serra onde van as súas vacas, o lume non
cesa ata consumir varios miles de hectáreas. E a eses mesmos gandeiros que
desfrutan dunha situación irregular para levar as súas vacas ao monte público,
a Consellería de Medio Rural non só lles permite pastar no queimado, senón que
lles leva rolos de herba e faille sementeiras para a rápida reposición das
herbáceas. Difícil de cualificar este procedemento sen perder a compostura.
Un sistema probabelmente endóxeno,
tolerado pola Xunta, que reforza o poder político local e que perpetúa un
aproveitamento caracterizado pola falta de sustentabilidade e asentado na
ilegalidade, que provoca incendios recorrentes, que ameaza a seguridade e os
bens materiais de ducias de aldeas da serra e que sostén un aparato de
extinción que da lugar a facturas de enorme gasto público, non pode seguir na
impunidade. Estamos agora mesmo ante incendios impulsados por vagas de calor
recorrentes, que mostran unha voracidade descoñecida. Non existe, efectivamente,
capacidade para controla-los sen previamente despregar un conxunto variado de
medidas preventivas, ordenadas e coordinadas nun plan de prevención de
incendios consecuente. E nesas circunstancias, a opacidade clientelar, o
amiguismo e compadreo e as manobras políticas e institucionais corruptas non
teñen cabida. Porque nunha sociedade que é consciente desas componendas e que
sabe quen está detrás dos lumes, acaban por inocular a pasividade, o que á súa
vez instaura a indefensión e a incapacidade de reacción ante un mundo que
parece abanear. En mans de quen estamos, que foron quen de eliminar un sistema
tradicional que manexaba o monte con maior coñecemento e eficacia, para
empoleirar o peor dos modelos, o máis custoso e ineficiente e, sobre todo, o
máis inmoral e insolidario?


Comentarios
Publicar un comentario