Incendios e fauna en perigo (e IV): o lobo (Isabel Barja)

Imaxe
Isabel Barja Núñez, nacida en Campobecerros (Castrelo do Val), doutora en Ciencias Biolóxicas e profesora titular do Departamento de Bioloxía da Universidade Autónoma de Madrid. Centra o seu labor de investigación nun amplo número de especies animais e en diferentes disciplinas ou aspectos das ciencias da vida, pero é unha das investigadoras que mellor coñece as interioridades do lobo, desde o seu comportamento trófico e de marcaxe territorial, até as circunstancias que acompañan e provocan elevados índices de estrés na poboación, desenvolvendo un notábel traballo neste último aspecto a través do estudo das oscilacións da presenza de indicadores hormonais debido ás perturbacións humanas. Nacida nunha aínda dinámica aldea da montaña de Ourense á que volta todos os meses, era obrigado e é un placer te-la de convidada. Pregunta (P): Desde hai uns 15 anos, pero especialmente nos derradeiros cinco, vense evidenciando a gravidade que supón a ameaza dos incendios para numerosos territorios e ...

Incendios e fauna en perigo (I): a toupa de río (Jorge González-Esteban)

 

Jorge González-Esteban, biólogo. Nacido en Melgar de Fernamental (Burgos), vive en Navarra. Traballou con numerosas especies de mamíferos, como o visón europeo e outras especies de mesocarnívoros. Pero é principalmente Galemys pyrenaicus a especie que concentrou os seus esforzos de investigación e conservación ao longo das últimas tres décadas, nas que percorreu miles de km de ribeiras fluviais para pescudar na presenza desta especie única a nivel planetario. Aparte de indagar sobre a vida e milagres da toupa de río, ten deseñado uns refuxios artificiais que resultan ser unha especie de puntos de encontro nos que as toupas de río depositan os seus dexectos, fonte de abundante información sobre alimentación, reprodución, xenética,... Sendo como é a especie de mamífero máis singular das existentes na Península Ibérica, Jorge é consciente do abandono no que se encontra e que, quizás, ao longo da próxima década, se non se da un viraxe rotundo á tendencia existente, veremos disiparse as posibilidades de recuperación.



Pregunta: A toupa de río (Galemys pyrenaicus) ocupa tramos dinámicos de pequenos ríos nos que, en xeral, destaca o bo estado de conservación das suas aguas e ribeiras, aínda que haxa quen defenda que “un pouquiño de materia orgánica non lle senta mal”. Lévase comprobando ao longo de moitos anos que os incendios contribúen ao deterioro dos cursos e leitos fluviais, propiciando o descenso da fauna acuática invertebrada da que se alimenta. Podes situar e describir como opera esta incidencia?

Resposta: O efecto inmediato dun incendio de grande intensidade sobre a toupa de río é a morte dos exemplares máis expostos. Temos visto nos grandes incendios de 2025 en Ourense, Zamora, León, Cáceres e Palencia cursos e ribeiras absolutamente destruídos polas lapas. Non resta prácticamente nada. Até as pedras chegan fracturar pola calor. Pero non todos os treitos sofren de igual xeito e parte da poboación de toupa de río sobrevive. O segundo impacto chega despois, coas primeiras chuvas abondosas. Os ríos baixan entón negros. A chuva arrastra solo e borrallo cara os cursos e produce unha mortalidade masiva da fauna acuática. E non se trata só da perda da calidade química da agua. Entra unha enorme carga de sedimentos, os finos saturan os espazos entre pedras e gravas, as avenidas mobilizan o leito e desaparece boa parte da comunidade de macroinvertebrados da que se alimenta a toupa de río. É importante entender que o incendio se produce nas ladeiras, pero os seus efectos terminan concentrándose nas canles. A rede hidrográfica actúa como un colector: recibe e concentra a agua, as cinzas e os materiais erosionados de toda a superficie queimada. Por iso un incendio que afecta a miles de hectáreas pode rematar coa descarga de boa parte dos seus efectos sobre uns poucos quilómetros de río. Durante uns días o curso do río parece un escenario apocalíptico. Despois a vida retorna aos poucos. A cuestión é canto demora a recuperación da estrutura e funcionamento do río e que aconteceu nese tempo cunha especie tan dependente da canle como Galemys.

P: Na actualidade, o modelo de incendio mudou. Se antes se podían producir máis focos e máis incendios, pero de menor superficie queimada, agora o que predominan son focos que se transforman en enormes e voraces incendios que se propagan afectando decenas de miles de hectáreas. Pódese especular que a erosión resultante nesas enormes superficies poida ter un efecto negativo moito más intenso sobre as canles fluviais e, por tanto, sobre a viabilidade dos núcleos que se conservan de Galemys?

R: A nosa xeración - xa fixen os 60 - medrou vendo arder o monte. O lume formaba parte da paisaxe. Se hoxe estamos a falar del é porque as condicións mudaron. Os lumes de 2025 e 2026 xa non son “os de toda a vida”. Arden agora os montes enteiros, de punta a punta. Non é que os incendios de antes fosen tolerábeis. Ningún o é, os nosos  ecosistemas de montaña non están preparados para arder regularmente. A diferenza reside en que algúns dos últimos incendios alcanzan unha extensión e unha severidade devastadoras. Para a toupa de río hai unha diferenza fundamental entre que arda unha parte dunha bacía e que arda practicamente a bacía enteira. Un incendio localizado pode destruír un treito de río, pero deixar intactos outros sectores, cabeceiras ou tributarios que funcionan como refuxios e permiten posteriormente a recolonización. Cando o incendio afecta a grande parte da bacía, as primeiras chuvas mobilizan cara a mesma rede fluvial os materiais procedentes de miles de hectáreas queimadas e eses refuxios poden desaparecer ao mesmo tempo. Xa non estamos a falar da alteración dun treito, senón de toda a unidade hidrográfica que sostén unha poboación.

E isto acontece no peor momento posíbel para o Galemys. As súas poboacións son hoxe pequenas, están moi fragmentadas e moitas delas se encontran isoladas unhas doutras. Unha especie amplamente distribuída pode perder unha poboación local como consecuencia dunha catástrofe e recuperar posteriormente ese territorio mediante a chegada de animais desde poboacións próximas. Para a toupa de río, esa posibilidade reduciuse enormemente. Durante estes anos temos aprendido algo preocupante: cando desaparece dun río, faino para sempre. Nestas condicións, un grande incendio significa algo máis que unha mortalidade elevada ou unha perda temporal de hábitat: pode provocar a desaparición definitiva dalgún dos poucos núcleos que restan.

O incendio non chega, por tanto, a poboacións saudábeis e continuas, senón a unha especie que xa sufriu unha contracción extraordinaria da súa distribución e que se encontra nunha situación crítica. Chega a unha especie que xa estaba contra as cordas. Por iso, para algúns destes pequenos núcleos isolados, un grande incendio representa o  último cravo no seu cadaleito.

 

P: Os gobernos autonómicos ou o Ministerio para a Transición Ecolóxica están a facer algo na actualidade para comprobar se nas áreas afectadas por incendios, efectivamente, ten desaparecido ou diminuído a poboación da especie?

R: As administracións non están preparadas para afrontar incendios desta magnitude e, moito menos, as súas consecuencias sobre especies nunha situación crítica como a toupa de río. A avaliación dos danos sobre o medio natural costuma chegar tarde e ser parcial, e as medidas de recuperación fican moitas veces pendentes. No caso do Galemys, durante 2026 estanse a realizar traballos para valorar o estado das poboacións afectadas polos grandes incendios do ano anterior. É necesario face-lo, por suposto, pero desgrazadamente é xa traballo forense, traballo de inventario: comprobar que resta despois da catástrofe. O que faltou foi capacidade para actuar unha vez extinguidos os incendios e antes de que chegaran as súas consecuencias posteriores. Poderían terse tentado rescates de exemplares superviventes nalgunhas das bacías  afectadas e o seu traslado a bacías próximas non afectadas. Pero non existía un protocolo específico que permitise activar rapidamente unha operación deste tipo, os recursos eran escasos e non houbo iniciativa para face-lo. E o tempo era fundamental, porque o perigo non rematou cando se apagaron as lapas. Os animais que sobreviviron ao lume quedaron expostos despois ás sucesivas avenidas de agua, borrallo, sedimentos e lodos. Algunhas desas riadas se produciron moitos meses despois; chegamos a observar episodios graves en xuño de 2026, uns dez meses despois de extinguidos os incendios de 2025. Ese é, ao meu xuízo, un dos principais problemas que estes incendios puxeron de manifesto: sabemos avaliar unha catástrofe unha vez que ten acontecido, pero aínda non temos preparada unha resposta de emerxencia que permita a intervención sobre os últimos núcleos dunha especie ameazada antes de que as consecuencias sexan irreversíbeis. E por suposto, as solucións están aínda por se  deseñar.


P: Até hai poucos anos, a poboación rural de moitas áreas de montaña practicaba queimas para o control do mato en inverno, que provocaban procesos erosivos de intensidade moito máis limitada. En cambio, nalgúns casos tras incendios estivais de masas de coníferas e as subseguintes cortas téñense producido riadas que se supón que terán varrido calquera rastro de vida fluvial, levando moito tempo a recuperación desas canles.. Sería efectivo blindar as cabeceiras das bacías fluviais, impulsando unha verdadeira política hidrolóxico-forestal, dando estabilidade e protección ás ladeiras polas que discorren estes ríos de montaña? Tratándose de competencias autonómicas, cres que algunha autonomía na que está presente a especie está a avanzar nese sentido..?

R: Blindar as cabeceiras soa ben, soa contundente, pero protexer á toupa de río esixe empezar a mirar máis alá do propio río. Un río de montaña é o resultado de todo o que acontece na súa bacía. Podemos conservar perfectamente cen metros de vexetación de ribeira e perder ese río nunha tarde se arden severamente as miles de hectáreas de ladeira que verten sobre el e despois chegan chuvas intensas. Por iso creo que as cabeceiras que aínda manteñen poboacións de Galemys deberían considerarse áreas estratéxicas. Hai que conservar a cuberta vexetal, protexer o solo, reducir os procesos erosivos, xestionar o combustíbel e procurar que, se se produce un incendio, as ladeiras conserven a maior capacidade posíbel para reter solo e agua. Iso é política hidrolóxico-forestal: entender monte e río como un único sistema.

Estase a facer? Non de forma sistemática. Hai actuacións, algunhas importantes, pero non creo que poidamos dicir que exista aínda unha política deste tipo especificamente orientada a protexer as últimas poboacións de toupa de río. Por exemplo, despois do lume en 2021 da Sierra de La Paramera, en Ávila, abordáronse actuacións de restauración para reducir a erosión e protexer canles potencialmente afectados, incluíndo o seguimento de Galemys. E despois dos incendios de 2025 mobilizáronse decenas de millóns de euros para restauración hidrolóxico-forestal en varias comunidades. Pero seguimos chegando despois. Creo que deberíamos inverter o enfoque: identificar agora as bacías que albergan os últimos núcleos importantes de toupa de río e actuar antes de que ardan. Porque xa sabemos cales son, sabemos que moitas poboacións están isoladas e sabemos que pode acontecer se unha desas cabeceiras sufre un grande incendio. Non podemos esperar ao seguinte para empezar a pensar que facemos.

 

P: Por último.., que visión tes do futuro no relativo á conservación de especies que comparten a montaña, como o propio Galemys, a perdiz charrela ou a choia de bico vermello..?

R: Quero insistir aquí en negar unha falsa idea que se ten instalado: a toupa de río non é un animal de montaña. Necesita ríos ben conservados, con boa calidade da agua, diversidade hidráulica e unha estrutura da canle que lle proporcione alimento e refuxio. Nada diso é exclusivo da montaña. Eses ríos, que hoxe identificamos cos ríos de montaña, podíamos encontra-los até hai pouco desde practicamente o nivel do mar até as zonas altas. O que acontece é que temos destruído ou transformado profundamente boa parte dos tramos baixos e medios, e a xeración actual identifica eses ríos rápidos, limpos e ben conservados coa paisaxe de montaña. E non é así. A montaña, até datas recentes máis difícil de domesticar, ten sido o último refuxio de lugares e formas de vida que tiveron unha distribución moito máis ampla. A toupa de río fíxose montañeira ao seu pesar! Vivía perfectamente en moitos ríos do litoral cantábrico onde hoxe desapareceu por completo. Até hai catro días, como quen di, Galemys encontraba hábitat favorábel nunha parte enorme da rede fluvial da metade norte da península. Nocturno e fuxidío, nunca foi un animal popular, pero eran frecuentes os encontros fortuítos. Moitos dos usuarios tradicionais do río tiñan algunha oportunidade de observa-lo, vivo ou morto: pescadores, muiñeiros, centraleiros, bañistas... Era incluso un habitual dos lavadoiros de roupa, onde sementaba probabelmente máis desconcerto que admiración! A desaparición progresiva de grande parte daquel hábitat terminou deixando moitas poboacións recluídas nas cabeceiras, pequenas e isoladas. E o seu futuro está escrito nos manuais de bioloxía da conservación. Galemys está atrapado no que os especialistas chaman un vórtice de extinción: poboacións cada vez máis pequenas e isoladas, con perda de diversidade xenética e endogamia, teñen cada vez menos capacidade para recuperarse de novas perturbacións. Ameazas que hai ben pouco podían parecernos asumíbeis producen hoxe efectos demoledores.

Hai lugar para a esperanza? Por suposto. Aínda temos toupas de río nos nosos ríos, pero moitas cousas deben cambiar. Xa non basta con esperar que as poboacións se recuperen por si mesmas. Precisamos actuacións extraordinarias para salvar a este extraordinario animal.

















Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro

A dignidade e a vergoña.., un brigadista e un Goberno