Incendios e fauna en perigo (e IV): o lobo (Isabel Barja)
Ante a desfeita que se prognostica para os próximos anos e decenios, e non o dicimos nós, senón un importante e nutrido comité científico mundial, quizás non sobra botar a ollada atrás, moito tempo atrás, e tamén non tanto. Coñecer o pasado, interpretar o presente, para non errar no futuro... Vexamos, porque xa todo está acelerado e a ameaza veu para ficar.
En xuño de 1938, o “Goberno
Provisional de Burgos”, así autodenominado polos militares golpistas sublevados
contra a II República, decidiu por “orde ministerial” encarregar a elaboración
dun “Plan General de Repoblación Forestal
de España” aos enxeñeiros de montes Joaquín Ximénez de Embún e Luis
Ceballos. Durante case 50 anos, o
forestalismo patrio español xustificou os masivos plantíos de piñeiros e
eucaliptos remitíndose a este plan. Foi en 1989 cando o ecólogo Fernando Parra
sacou á luz a maioría dos obxectivos, plantexamentos e filosofía “sucesionista”
do plan elaborado polos seus autores. Reproducimos un parágrafo do artigo que Parra1
publicou na revista Quercus co
elocuente título de “El comienzo de una
locura”:
“O documento de referencia que xustificou as repoboacións con piñeiro e eucalipto durante as últimas décadas, o Plan Nacional de Repoboación Forestal, non recomendaba tais prácticas senón, mui contrariamente, conservar a vexetación autóctona e manter os sistemas tradicionais de explotación agrosilvopastoral... Ao parecer, a política forestal española rexiuse por intereses persoais e industriais, antes que por un auténtico, existente e recomendábel plan xeral reitor».
Grandes referentes da urdime técnica, política e económica do
forestalismo produtivista galego. De esquerda a dereita, Carlos del Álamo,
Francisco Dans, Mariano Scola e Enrique Valero.
Por esa época dacabalo dos anos
80 e 90 do pasado século, cando Parra desvendara a realidade da existencia desa
élite económica forestalista, sabemos dunha anécdota curiosa que lle aconteceu
a uns biólogos, sorprendidos ante a incómoda situación vivida. Encontrábanse no
despacho da que, correndo o ano 1990, era Xefa Provincial de Pontevedra do
Servizo de Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Gandería e
Montes. Falaban con ela sobre un estudo a abordar no que era nese momento o
Parque Natural das Illas Cíes. Niso petaron na porta e asomou un enxeñeiro do
mesmo servizo de M.A.N., “Don” Gonzalo Puerto, que pretendía “informar” a
Susana Torres (daquela, “Doña” Susana, tamén bióloga, que substituíra na
“xefatura” provincial a “Don” Jose María Quintana), que fóra, no espazo común
da oficina, se encontraba a agardar outro “Don”, o reputado investigador e
tamén enxeñeiro de montes Fernando Molina. Así que ao incauto Gonzalo Puerto non
se lle ocorrera outra idea máis cándida que propór indirectamente a Susana
Torres que baleirase de biólogos o despacho para dar entrada a Don Fernando
Molina, “historia viva do forestalismo” (dixit).
Os biólogos permaneceron aínda un tempo concretando detalles sobre o estudo e
ao saíren, saudaron a Fernando Molina, que daquela xa contaría con 80 anos e
seguía paseando “raudo y veloz” por Pontevedra sobre a súa motocicleta.
Ao longo dos 50 anos
transcorridos desde aquel “Goberno Provisorio de Burgos” que encarregara o Plan
Forestal a Joaquín Ximénez de Embún e a Luis Ceballos, a perversa política
franquista púxose ao servizo do sacrosanto obxectivo da autarquía e os montes
convertéronse nun espazo onde demostrar a “capacidade de reacción e superación
de España” para alimentar unha progresivamente máis forte industria forestal,
un modelo segregacionista do espazo monte e un modelo de silvicultura intensiva
que daría en consolidar o que hoxe é coñecido como modelo monte-industria. Non só Fernando Parra se ocupou de
descreber ese perverso proceso. Unha obra máis detallada foi a publicada en
1990 por Helen Groome, “Historia de la política forestal en el Estado Español”.
Quen queira dimensionar adecuadamente o enorme poder que adquiriu nesa época o
denominado “Cuerpo Superior de Ingenieros de Montes del Estado” ten nesa obra a
máis acertada elección para se informar 2.
O caso é que, naquela altura de
fins dos 80 e primeiros 90, o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán
seguía a ser un foco irradiador das ideas forestalistas que gobernaban o espazo
que ía desde os despachos aos montes galegos todos (non esquezamos que neste
centro existía unha liña de investigación financiada por e para ENCE). O cal
non era casual, pois ese “corpo de enxeñeiros” do Estado, dado da man das industrias
de desintegración formando un auténtico contubernio técnico e económico, seguía
a imprimir a súa filosofía produtivista desde as diferentes administracións
forestais autonómicas, e a Xunta de Galicia, por suposto, actuaba como garante
de que estas élites económicas alcanzasen os seus obxectivos, promovendo
incluso, de ser necesario, o asalto mesmo das comunidades de montes. Xa temos descrito noutras entradas o peso que estas ideas tiveron
na configuración da paisaxe actual dos nosos montes, do espazo rural e do seu
deterioro demográfico, ao eliminar o sistema económico tradicional, provocando
a aparición adicional de máis toneladas de combustíbel en terras abandonadas. Considerando
este conxunto de elementos, convén seguir refrescando a memoria polo que agora
poida pasar, cando se evidencia o enorme lastre que ese modelo supón,
especialmente no relativo á enorme vulnerabilidade coa que nos enfrontamos ao
problema deses incendios de 6ª xeración, tamén coñecidos como megaincendios. Uns
lumes que na nosa terra poden encontrar as mellores condicións para incrementar
aínda máis o seu inmenso poder destrutivo.
En 1990, coincidindo con aquela
anécdota, albiscábase xa desde eses cenáculos forestalistas a necesidade de
contar cun plan de ordenación forestal galego se se quería percibir fundos
comunitarios destinados á forestación de terras agrarias. “Raudo y veloz”
tamén, ese colectivo de enxeñeiros impulsou a elaboración dun documento galego que,
baixo a aparencia da intención de ordenar o crecemento da superficie forestal,
en realidade só procuraba cumprir con esa esixencia. A historia de como medrou
a superficie de eucalipto no noso país, mentres ardían masas de coníferas e se
“modernizaba” o sector dos aserradoiros, xa é abondo coñecida. Pero non está de
máis lembrar algúns nomes importantes que deron impulso a ese proceso e á
inmediata transformación de terras agrarias en eucaliptais. Por exemplo, Carlos
del Álamo, desde a Dirección Xeral de Montes, ou Enrique Valero, como
Subdirector Xeral de Forestación de Terras Agrarias. Ou Ángel Romero e
Francisco Dans, na sala de máquinas do Plan Forestal. Ou Mariano Scola, da
AFRIFOGA (Asociación para el Fomento de la Riqueza Forestal de Galicia), paradigma
de entusiasta animador desde o exterior, onde existían outros apoios como Sylvanus, Asociación Forestal de Galicia
e non poucas asociacións máis.
O caso foi que bastantes anos
despois, eses mesmos enxeñeiros ou outros que colleron o relevo, tiveron
oportunidade de reformar o Plan Forestal. A actualización do documento
aprobouse en setembro de 2021 baixo o pretencioso título de “1ª revisión do Plan Forestal de Galicia
2021-2040 "Cara á neutralidade carbónica". O certo é que a
filosofía produtivista da silvicultura industrial e o modelo monte-industria seguen a marcar o destino dos nosos montes e
do espazo rural, e non hai que reparar máis que nas metas operativas de
superficies para certifica-lo. Xa non son os tempos de señoritango e tratamento forzado de “Don” ou “Dona”, mais o
resultado foi o mesmo. Para chegar até aí incluso se permitiron nos anos
anteriores neutralizar o mellor legado que deixara o bipartito BNG-PSOE, que
fora a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios
forestais de Galiza.
Basta lembrar un dato para
demostrar como aqueles enxeñeiros, que hoxe cacarexan sobre os lumes, o clima e
tal e cual, eran daquela uns decididos entusiastas da febre forestalista, como
o citado Mariano Scola. Extraemos tan só unhas frases dun traballo apresentado
ao III Congreso Forestal Español de Serra Nevada de 2001, baixo o título
“Condicionantes para los aprovechamientos forestales en Galicia”:
“En Galicia existe un interés estratégico en la
producción de madera, por su incidencia actual y potencial, dada su capacidad
de generar riqueza y empleo en un escenario de fuerte reorganización de las
otras producciones agrarias (agrícola, ganadera, etc.) como consecuencia de la
integración en la U.E.”.
Unha frase que, palabra por
palabra, podería aplicarse tamén aos derradeiros anos de dramática “integración”
de Rumanía na mesma roda que escarallou o rural e o monte en Galiza:
penetración sen regulación ningunha do capital da industria forestal, instauración
dun “protectorado” forestal a cargo da industria de desintegración, empobrecemento
directo do agro, por activa e por pasiva e novos procesos migratorios
interiores ou cara o exterior (un simples “desprazamento laboral da poboación”,
que diría algunha ministra pepeira).
Pois ben, ese traballo 3
foi asinado e apresentado ao tal congreso forestal por Juan Picos e Enrique
Valero, profesores na Escola Técnica Forestal de Pontevedra, da Universidade de
Vigo, e por Yolanda Ambrosio, da Universidade Politécnica de Madrid. Entre os
dez condicionantes que destacan e analisan non figura, nin se quer en letra
pequena, o dos “incendios”, factor que na altura xa calcinara máis de 500.000
hectáreas nos doce anos anteriores. É unha clara mostra de que neses anos
existían liñas vermellas que non se cruzaban. Análises teóricas que se capaban.
Directrices estratéxicas que non se cuestionaban nin se sometían ao libre
albedrío da Ciencia e da ordenación racional do territorio. O forestalismo, a
aposta por encher Galiza de coníferas e eucaliptos, era unha auténtica categoría filosófica, entendida como
concepto supremo, como marco xeral que serve para ordenar, clasificar e
entender a realidade, a praxe e o pensamento político. Quen non asumise esa
categoría prioritaria non saía na foto. Por iso, daquela, cando era máis que evidente o problema do lume e a
súa incidencia potencial nos aproveitamentos forestais, que estas mentes
preclaras non lle fixesen sitio a este factor na súa redacción ten unha explicación sociolóxica que ten a ver co
progreso e ascenso na escala social e de mando. Por non nos meter no
direccionamento interesado da proscrición legal da cultura do lume de
inverno para alimentar así a besta e
facilitar os grandes contratos de combate aéreo e de maquinaria para abrir
cortalumes. Neses anos, baixo o imperio desa urdime económica que estes e
outros enxeñeiros contribuíron a criar e reforzar, non era procedente criticar un
sistema que estaba nas antípodas do que deseñaran Ximénez de Embún e Ceballos
50 anos antes. Pero agora, agora vaia se
cheiran o perigo dos megaincendios..., cando a bolsa sona (“era visto..”, proclaman 4).
E isto todo ven a conto porque á
calor destes lumes, van aparecendo “novas propostas” que axendan, como non,
tamén o reforzamento da prevención. Mais algunha delas é ben curiosa, como a da
plataforma SOS Rural 5; outras son de escola infantil, como as 50
medidas do PP. E, finalmente, hainas tradicionalistas, das que defenden as sete
cuncas de caldo (I. Espinosa de los Monteros: Más ingeniería forestal, menos ingeniería social. El Mundo. 30-VII-2026).
Ningunha destas achegas recoñece
a existencia de mudanzas climáticas severas a nivel planetario que poidan estar
causadas polo incremento atmosférico de gases con efecto invernadeiro. É un dos
elementos que comparten. Outro ponto común é a defensa da necesidade de ir máis
alá no gasto en extinción, especialmente en medios de combate aéreo. E,
finalmente, e por suposto, todas defenden o modelo silvícola intensivo que é un
dos factores máis importantes para a persistencia dese modelo de propagación do
lume case infinito no tempo e no espazo. Quen nos trouxo ata aquí, agravando as
condicións coas que enfrontamos o cambio climático e ignorando a enorme pira de
combustíbel, produtivo e improdutivo, que criaron co seu modelo monte-industria,
veñen agora de salvadores, pero iso si, sen recoñecer a súa responsabilidade
histórica. Acaso abriron a boquiña para rexeitar o enésimo asalto celulósico,
desta vez nin máis nin menos que ao corazón do país, á Ulloa de Altri..?
En cousa de días aparecerán novas
na prensa sobre compra ou aluguer de sofisticados medios aéreos de combate. Que
se o helicóptero Firehawk, variante para o combate de incendios do seu parente,
o militar Black Hawk (9000 euros/hora ou 30 millóns de euros), que se o avión
A400, que se o contrato coa principal operadora de combate aéreo de incendios..
Xa especulamos no seu momento, partindo dunha simples análise de traxectoria,
sobre cara onde orientaría a loita contra incendios o Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG. En
calquera momento sairán con algunha destas suntuosas novidades. A seguinte parvada
incluirá unha pirueta argumental maior: se cadra traen un Antonov cargado de
retardante. Para facerlle cóxegas a un deses monstros devoradores de
“palillos”. Pero, iso si, non tratemos de convencer a esta xente para que computen
a aportación galega ás toneladas mundiais de CO2 liberadas á atmosfera nestes
megaincendios. Vaia veleidade..
O de reforzar e despregar en
inverno unha forza real de traballo para labores preventivos, o de reorientar o
modelo forestal e de ordenación do territorio ou o de procurar outros
aproveitamentos e rendementos do monte que non supoñan a actual vulnerabilidade
por incendio e que contribúan na prevención non parece ser unha preocupación. O
de deseñar un modelo operativo interdependente entre prevención e extinción “xa
haberá tempo”. Por agora, “sigamos co noso guión, que é o que deixa máis
cartiños”. Así é como pensa esta caterva, gastando os cartos en tarecos
voadores que, por si sos, pouco poden facer fronte a inmensa ameaza do lume. E,
por suposto, nada de abrir o melón do futuro modelo de ordenación do territorio
a esas outras disciplinas contrarias ao “poder na sombra” e ao statu quo forestal, como licenciados en
Ciencias Biolóxicas, Ciencias Ambientais, Ciencias da Seguridade, Coordenación
de Emerxencias, Xeografía, Socioloxía, etc. Mentres tanto, xa case ninguén se
ocupa dos mortos en Los Gallardos. Ninguén lembra xa as mentiras do operativo
de emerxencias da Junta de Andalucía, co seu presidente ao mando. Por iso
siguen con estas milongas e merecumbés. Que non se confíen. A mentira ten as
patas ben curtas.
Idir interroga nesta música sobre se atrás das desgrazas naturais, hai unha mensaxe divina que sinala a nosa responsabilidade..
1 Fernando Parra (1989): El comienzo de una locura.
Revista Quercus, nº 44 (outubro de 1989), páxs. 28-29.
2 Helen Groome (1990): Historia de la política
forestal en el Estado Español. Agencia de Medio Ambiente. Comunidad de Madrid.
336 pp.
3 Ambrosio, Y., J. Picos e E. Valero (2001):
Condicionantes para los aprovechamientos forestales en Galicia. Actas III
Congreso Forestal Español. Sierra Nevada, 2001. https://secforestales.org/publicaciones/index.php/congresos_forestales/article/view/15741
4 Enrique Valero. Un desastre incendiario
pronosticado. La Voz de Galicia. 26-VII-2026
5Lobby ligado á Fundación Ingenio,
unha reacción do conxunto de grandes empresas hortofrutícolas, moitas delas
ligadas á intensificación agraria que ocasionou o deterioro do Mar Menor.
Comentarios
Publicar un comentario