Política forestal: a base do triángulo do lume. Parte II: antecedentes e previsións

 

“É mui difícil someter á  obediencia a aquel que non pretende mandar”

Jean-Jaques Rousseau



Antes de analizar, sen entrarmos en muitos detalles1, como se vai conformando o actual modelo espoliador dos recursos forestais galegos por medio da silvicultura intensiva e desa tolemia que viñeron en chamar “monte-industria”, convén que deamos unhas pinceladas mui básicas de economía colonial.

Un país colonizado e dependente ou, no seu caso, un estado subalterno, acostuma ter uns trazos característicos na súa estrutura e dimensións económicas. Destaca o desequilibrio das aportacións do sector primario (sendo claramente relevantes as actividades extractivas) fronte ás representadas polo sector industrial ou de transformación. Boa parte da produción interna primaria comercialízase no mercado externo, é dicir, expórtase a outros países ou contornas económicas, onde se transforma para devolve-la como produtos de maior valor engadido. Importante salientar estes dous trazos: a disposición do sistema produtivo endóxeno para fornecer os mercados externos con materiais sen transformar; e a incorporación do mercado interno ao sistema de consumo foráneo, como unha simple peza propia dos mercados externos. En linguaxe de andar por casa e para o caso galego, coa axuda dos arneiróns colaboradores - caciquiños que manexan recursos, empresas e políticos -, o sistema colonizador faise coas materias primas e leva-as para fóra, onde se transforman en produtos elaborados de maior valor engadido que, unha vez de volta, mercamos pasmados, perdendo a oportunidade da transformación en orixe. Así, prolóngase a dependencia - postos de traballo principalmente – cara o extractivismo de salarios baixos. Como consecuencia, o sistema económico orixinal segue desequilibrado, incapaz de desenvolver un mercado interno soportado por salarios que permitan un maior poder adquisitivo, factor este último que é o que, finalmente, podería proporcionarlle o feedback preciso para rachar a dependencia. 

José Luis Chan, Director Xeral de Ordenación Forestal, e José González, Conselleiro de Medio Rural, responsábeis políticos da 1ª Revisión do Plan Forestal

Pois, como xa imaxinariades, o noso monte foi, é e ha ser, se non o remediamos, un deses espazos de espoliación onde socavar a economía e perpetuar a nosa dependencia, a través diso que deron en chamar, primeiro, “sector forestal” e con posterioridade, “cadea monte-industria”. Ao longo de decenios foise asentando o sistema, incluíndo varias tentativas de asalto a esa nosa reliquia protohistórica dos montes veciñais na II República, na ditadura franquista, na democracia e desde a propia autonomía.

O primeiro paso planificado como un dos obxectivos autárquicos do franquismo foi encher os montes de árbores para fornecer a industria celulósica. O Patrimonio Forestal del Estado (PFE)  preparou o camiño, expulsando en non poucos casos á xente que mantiña rabaños de ovellas e cabras, para o nacemento da Empresa Nacional de Celulosas. ENCE levantou dúas fábricas, en Pontevedra e Huelva, e incrementou a capacidade forestadora exhibida previamente polo PFE cos piñeiros (pinaster, radiata e sylvestris). A partir da década de 1970, copiando a Brasil e Portugal, ENCE incorporou unha liña de produción de pulpa a base de eucalipto. Nos anos 80 e 90, mentres promovía plantíos novos a base desta última especie en terreos propios ou conveniados, impulsaba a transformación doutros montes de coníferas competindo vorazmente coa industria do aserrado. Esa foi unha época escura, demasiado escura aínda para sermos capaces de comprender a velocidade do proceso. Hai quen fala de procedementos ilícitos, cando non delituosos, para forzar dita transformación a través do lume. E, por suposto, no caso galego, sempre beneficiándose dunha estrutura económica desequilibrada que fomentou a expulsión de poboación desde o rural. Se durante a ditadura franquista o asalto dos montes comunais fora en non poucas ocasións pola vía da violencia, a emigración na procura de traballo e salarios dignos desde aldeas e pequenos lugares cara outras áreas do Estado ou cara Europa e América, proporcionaría un enorme baleiro no que inocular a febre do eucalipto. A inexistencia de alternativas silvícolas institucionais, o efecto chamada da segura demanda de madeira para as novas plantas de celulosa2 e a tentación de tornar lucrativas as leiras a monte, desde a nova morada na cidade, conformarían o escenario adecuado para tal medre. En apenas 20 anos, de 1980 a 2000, a superficie de eucalipto experimentou un crecemento descomunal. Un fenómeno do que foron partícipes cargos importantes dos distintos gobernos do PP de Fraga e, por suposto, a industria forestal na que poderían colocarse cando deixasen de chuchar do erario público.

Neste punto, convén repetir a frase de Rousseau que encabeza esta entrada:

“É mui difícil someter á  obediencia a aquel que non pretende mandar”.

O que hoxe algúns personaxes do mundo forestal, onte funcionarios, aducen para xustificar o seu traballo imprescindíbel a prol do progreso do eucalipto é a obediencia debida. Ser un simple pión da cadea e aceptar ordes de “arriba”. E renunciar á posibilidade de sumarse á oposición ao plan de eucaliptizar o país. Con todo, outros funcionarios deron a batalla ou simplemente non optaron a converterse en pións da eucaliptización. Porque non pretendían medrar e mandar na Xunta ou na empresa, nin procurarse un postiño na universidade, ao caloriño da cátedra Ence. Aí están os nomes de Carlos del Álamo ou Enrique Valero. E outros da empresa privada, como José P. Vilariño, Francisco Dans ou Ángel Romero. Todos, pezas importantes na elaboración e tramitación do Plan Forestal ou na forestación de terras agrarias.

Lembremos...

Estamos en 1990. A Consellaría de Agricultura, Gandaría e Montes dirixida por Tomás Pérez Vidal quere impulsar a “ordenación e planificación forestal”. Cumprir coas esixencias da CEE é fundamental para acceder a fondos económicos para subvencionar o plantío masivo de piñeiros e eucaliptos, tanto en montes comunais como en terras agrarias, previo abandono da produción. Así que se impulsa a elaboración dun Plan Forestal que planifica obxectivos concretando superficies e producións, pero ignora de forma absoluta calquera medida de ordenación. Un gabinete técnico forestal contratado pola consellaría encárgase da elaboración do plan. O país acaba de inaugurar o “mercado libre” de madeira queimada. Millóns de toneladas son retiradas a diario dos montes queimados en 1989. Ao longo de 1990, 1991 e incluso 1992 vanse cortando ladeiras enteiras dos montes das Rías Baixas. Algúns xuíces deciden entrar a saco contra os narcotraficantes, eses dos que se contaba que metían planeadoras mentres queimaban os montes. Ou mentres daban unha volta en lancha con prometedores políticos peperos. Pero voltemos ao relato do Plan Forestal de Fraga.

Mentres a Celbi (Celulosas da Beira Industrial, hoxe propiedade da Altri) pugnaba por 250 hectáreas de montes veciñais no Irixo para plantar eucaliptos, a oposición á eucaliptización e ás novas celulosas concentrábase en dous polos daquela complementarios. Por un lado, Adega e o nacionalismo do BNG. Por outro, as múltiples asociacións, grupos e grupiños naturalistas e ecoloxistas reunidos na Asemblea de Grupos Naturalistas e Ecoloxistas de Galiza (AGENG). Precisamente, dous representantes destes dous polos integraríanse na denominada “Mesa Forestal”, unha especie de órgano consultivo que xuntaba especialistas da universidade, industria, propietarios, Xunta e ecoloxistas para facer seguimento dos traballos do tal Plan Forestal. No exterior, no mundo real, unha batalla desencadeábase na industria forestal para posicionarse como referente de negocios cos propietarios dos montes. Entre as celulosas, era Ence a que encabezaba a estratexia de desprazar a industria do aserrado de coníferas. E esta, reunida na asociación de serradoiros, padecía incluso o embate institucional, co “Conselleiro Raposo” Juan Fernández avogando pola concentración do sector e a desaparición das numerosas e pequenas serras dispersas polo país. O sempre recorrido mantra da “modernización” ocultaba en realidade un decidido apoio á Ence e ao seu programa eucaliptizador. Como aquel conto do raposo a gardar das galiñas.

De maneira que o tan cacarexado Plan Forestal foi unha casca baleira, un simple protocolo de captación de fondos, sen a máis mínima intención de servir de guía, referencia ou mecanismo controlador do mercado da oferta e a demanda. Unha auténtica estafa. O camiño estaba trazado coa convicción plena e unánime dos cenáculos forestalistas da Xunta e ENCE. A aquiescencia do funcionariado da “obediencia debida” sumaba o mesmo que aquel outro que compadreaba cos prebostes da industria. Da aprobación daquel documento foron responsábeis os personaxes xa citados. Naquela altura, a mudanza climática non estaba na axenda. Pero a revisión do Plan Forestal, aprobada en 2021, xa se tramitou cando todo o mundo era consciente da consistencia dos avisos científicos. A chegada de vagas de calor non era novidade. E, así e todo, quen aprobou esa revisión e a súa declaración ambiental estratéxica ignorou completamente calquera medida para paliar a gravidade dos grandes lumes en circunstancias como as padecidas este verán. Nada novo sobre a enorme pericia e sapiencia desa Banda das Carrachas, encabezada nese momento polo conselleiro de Medio Rural José González, o Director Xeral de Ordenación Forestal José Luís Chan, a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático María Sagrario Pérez Castellanos e, como non, a Conselleira Mentireira Ángeles Vázquez en Medio Ambiente. Recoñezamos, pois, o indigno papel desta xente na nosa Historia recente.

Pero,  xa para rematar con estes antecedentes, o máis grave, o que aínda hoxe está por revelar, foi o sistema operativo e a función que tiveron non só na faixa costeira das Rías Baixas e montes próximos, senón tamén no norte de Portugal, eses lumes de fins dos 80, toda a década dos 90 e parte da primeira deste século. Porque existe un feito incontestábel. Eses lumes contribuíron na nosa terra, por un lado, á primeira gran transformación dos piñeirais a eucaliptais (a case definitiva sería a posterior ao paso do ciclón Klaus). E, en segundo lugar, a inmensa cantidade de madeira queimada axudou a sanear as contas de ENCE, de igual xeito que en Portugal sostivo a Portucel e Celbi para manterse nos duros anos de baixada do prezo da pulpa no mercado mundial. Porque, así que o crecemento da industria celulósica de Sudamérica e do sudeste asiático largou as primeiras bategadas, coa entrada en produción das primeiras macrofactorías, o mercado mundial inundouse con pulpa de eucalipto muito máis barata, repercutindo nas contas e finanzas das celulosas ibéricas, que recorreron á madeira queimada para abaratar custes fabricando produtos alternativos.

E postos a especular cunha previsíbel sucesión de acontecementos, podemos dicir que a actual situación do mercado mundial lembra a daquela época. Tras a fusión das celulosas brasileiras Fibria (Votorantim e Aracruz) e Suzano, o despregamento das chilenas CMPC e Arauco e o tamén imparábel ascenso da celulosa asiática, a situación das celulosas ibéricas no mercado mundial é enormemente desfavorábel. Un proceso de fusión parcial ou limitada podería proporcionar a Ence, a empresa que encontra máis dificultade para competir, unha  táboa de salvación coa que sortear esta fase crucial, que vai para anos. Esa é a perspectiva que se deriva dos encontros Altri-Ence das últimas semanas. Veremos que portaxe ambiental pretenden que pague Galiza, e a función reservada para a Banda das Carrachas. Renunciar á planta de Palas de Rei, facerlle un sitio en Lourizán á celulosa solúbel e á fibra téxtil, compartir recursos forestais... Visto o visto, non sería de estrañar que persigan a ruína final do sector lácteo e a vía expedita para asaltar novamente terras agrarias, o que lles permitiría incrementar de forma significativa a produción. Unha alianza mercantil de Altri e Ence  posibilitaría defender mellor a capacidade produtiva e a “pulpa ibérica” no mercado mundial. O caramelo adicional podería ser unha planta de papel tisú. Para que preocuparse dos incendios e da emerxencia civil nun país na ruína e cun rural baleirado? Xa falamos en varias ocasións da especialidade desta xente, a “patada a seguir”.


Despois de todos estes anos, preguntaríalle a esa xente se se senten normais, como interrogan The Hellacopters...





Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro