Política forestal: a base do triángulo do lume. Parte I: o contexto
Un modelo tan básico para
explicar a combustión e o avance do lume como é o do triángulo e a súa variante
do tetraedro parece ser persistente e irresponsabelmente ignorado por este e os
anteriores gobernos autonómicos galegos. Ao igual que outros gobernos situados
nas antípodas ibéricas, o seu é deixar pasar o tempo relaxadamente, engordando
as contas bancarias mentres a xente que traballa encara unha nova crise de
prezos e padece por chegar a fin de mes. A dupla “patada a seguir” da Conselleira Ninfuninfá e
da Conselleira Mentireira, coñecida esta semana, está no próximo Pladiga e xa
se encargaron de divulga-la. Por un lado, a incorporación dentro dos plans de
extinción da figura de xefe/a de loxística, tarefa a desenvolver por técnicos e/ou
axentes en incendios complexos. É como sacar un coello da chistera, porque non
necesariamente representa unha garantía de dispoñer dos medios materiais
necesarios que esixían os axentes. Por outra, a elaboración dos plans preventivos nos seis
parques naturais de Galicia, algo que sinalamos reiteradamente aquí, para ver
se movía o cu a Condesa de Riofurelos. E, ao igual que o anterior, tampouco
garante a efectividade. Bastará con coñecer as propostas para O Invernadeiro e
a súa aínda notábel masa continua de piñeiro silvestre. A cousa, para esta
xente, é dar voltas ao redor do centro do problema, pero non ataca-lo,
perdéndose noutras materias para recuncar na súa máxima especialidade: facer
que se fai.
Parecen, pois, existir fundamentos
ético-morais dabondo para denominar a este tipo de gobernos desleixados e a
quen os conforma como A Banda das Carrachas – con todos os
respectos para Ixodes ricinus –, por
razóns obvias que haberemos de expoñer. Por se algún exemplar desa pequena
lexión de hematófagos anda por este
blog, aproveitamos para explicar esa xeometría do lume.
O triángulo da combustión ou do lume describe os tres elementos precisos para que se produza lume ou combustión, sendo imprescindíbel que estean presentes a un tempo os tres factores representados, porque se falta algún deles non sería posíbel a combustión.
O combustíbel: é calquera
substancia capaz de arder e pode aparecer en estado sólido, líquido ou gaseoso.
O comburente (normalmente o osíxeno
do ar): é o compoñente oxidante da reacción.
O calor ou enerxía de activación:
é a enerxía necesaria para que o combustíbel e o comburente (osíxeno)
reaccionen nun tempo e espazo determinado.
O tetraedro incorpora un outro
elemento para explicar como o lume pode ter continuidade para se propagar. É a
reacción en cadea. A reacción en cadea da combustión da-se cando o lume desprende
calor que é transmitido novamente ao combustíbel. Para que avance a combustión, o lume debe
xerar suficiente calor como para vaporizar aínda máis combustíbel e que este se
mesture de novo co osíxeno e se inflame, o cal xera aínda máis calor e o
proceso segue unha espiral de retroalimentación.
Segundo os muitos manuais básicos
de extinción, actuando sobre calquera dos tres factores pode acadarse o control
e extinción do lume. Entón, parece que non debería ser demasiado difícil
comprender que unha das medidas básicas para limitar a gravidade dos incendios
debería ser a redución ou retirada do combustíbel existente e disposto a arder,
mediante a planificación da correspondente política preventiva que permita
abrir discontinuidades na propagación do lume. Pero non. Este goberno, ao igual
que os anteriores, insiste e persiste no mesmo modelo de silvicultura intensiva,
nesa estafa da “cadea monte-industria” e en non tocar os eucaliptiños que
invaden os bordes das estradas. Unha aposta clara polo perigo, sen importar as
consecuencias que sinalamos en anteriores entradas. Neste sentido, non é
sorprendente que tras producirse o anuncio da Xunta de “encargarse” das medidas
de xestión das faixas secundarias, uns días despois da catástrofe deste ano,
non se teña comunicado aínda ningunha medida concreta ao respecto. Por iso, antes
de meternos en materia, parece necesario contextualizar o que se poida dicir de
política contra incendios e política forestal, nun marco máis amplo que expoña
descarnadamente a acción política tradicional de quen nos goberna. Algo así
como a ecoloxía, etoloxía e uso do espazo desa Banda das Carrachas. Nesa
exposición previa encontraremos as razóns do seu alcume colectivo, ao mesmo
tempo que a súa lectura nos proporcionará unha comprensión inmediata das razóns
de todo ese inmobilismo, pasividade e desleixo.
A ecoloxía
En xeral, partidos do tipo do
Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG (fornecedor principal de cadros políticos
para a citada banda), caracterízanse por abrazar as doutrinas neoliberais e
condenar ao ostracismo calquera medida intervencionista do Mercado, que é, a un
tempo, “Deus a quen adorar” e ecosistema onde reproducirse como caste
privilexiada. Non parece existir un sitio claro onde os situar na pirámide
ecolóxica pois, en xeral, non son herbívoros, non sempre son depredadores e,
aínda que con frecuencia son preeiros, tampouco a necrofaxia é a súa estratexia
básica de supervivencia. Se houbese que situa-los nalgún tipo de estratexia
vital, sen dúbida sería a do parasitismo, sendo a variante klepto unha das máis frecuentes e o vampirismo quizás a máis
acaída, se equiparamos hematofaxia e lise do erario público.
A etoloxía
En relación co seu comportamento,
se lembramos a Mazón, arquetipo de parasito e parente próximo das nosas
carrachas, entenderemos a lóxica de sinalar a inutilidade, pasividade e
indolencia como características naturais dos seus gobernos, destacando, en
cambio, polo notorio hábito de agarrarse aos puntos quentes para chuchar do
tesouro público, onde desenvolven facultades asombrosas para encontrar capital
circulante. Igualiño que unha carracha co noso torrente circulatorio. Paga a
pena apuntar tamén a desvergoña permanente na que incorren para seguir
chuchando cando descobren grandes bolsas de riqueza pública. Pensemos novamente
en Mazón, tratando de sobrevivir para succionar a enorme cantidade de recursos
públicos dispostos para a reconstrución tras o infausto desastre da DANA. Levadas
por esa estratexia vital parasitaria, procuran seguir os seus instintos
biolóxicos e materialistas tratando de alcanzar os máis intensos hotspots da economía e as máis altas
cotas de referencialidade social por medio da escalada con uñas e dentes, na
que tamén demostran extraordinarias habilidades como outsiders: gatuñan aos consellos de administracións de grandes
empresas e multinacionais aproveitando o seu paso polo goberno democrático para favorece-las,
convencidos da eficiencia da meritocracia. Derivadas desa conducta, son
coñecidas a súa aquiescencia, servilismo e obediencia coa outra caste do
neoliberalismo que practica a un tempo a depredación, o parasitismo e a
necrofaxia: o gran empresariado financeiro. Como contraste, mostran a actitude
oposta coa clase social menos afortunada e máis numerosa que deixa suor e sangue
traballando nas engrenaxes do Mercado. Así, se as vangardas das clases
populares se revelan, non dubidan en enviar-lles os perros para disuadi-las de calquera esperanza. Con todo,
resúltalles fundamental, a medida que progresan nos diferentes instrumentos de
poder, adquirir a través do mimetismo social certas formas e folclorismos, que
aportan beneficios interesantes á hora do entangarañamento electoral desas
clases populares que viven anestesiadas pola numerosa panoplia de feitizos
consumistas que deseña o ecosistema Mercado.
O uso do espazo
Debido ao enorme sacrificio que
fan para alcanzar as súas metas vitais, esta Banda das Carrachas non se relaciona coas clases traballadoras máis
que para vampiriza-las a través do entangarañamento electoral. Fóra diso, e
fuxindo dos espazos populares, andan á procura de clubes e cenáculos selectos,
onde se relacionan entre si e trazan novas estratexias de persistencia. Ás súas
crías mándanas a escolas privadas, onde comparten aulas coas crías dos ases das
finanzas. Alí, neses ríxidos, inmundos e, a un tempo, luxosos biotopos de
manipulación pedagóxica, lles inoculan os valores do parasitismo social,
principio curricular fundamental para a perpetuación no Poder.
Despois desta descrición básica,
podemos baixar ao terreo do concreto nesta terra de lágrimas onde nos tocou
vivir, para salientar como actúa esta Banda
das Carrachas beneficiando aos santos patronos e así poder gatuñar ás
cúspides sociais e económicas coas que soñan, como fai calquera carracha
subindo polo pantalón ata dar coas nosas axilas. Daremos, se for preciso, nomes
e apelidos para facilitar a comprensión.
Minaría
Tradicionalmente un sector que
permite extraer tantas toneladas de materia prima como beneficios económicos
para quen explota os xacementos. Materia prima e beneficios que acostuman
exportarse. A primeira, sen transformar, cara industrias foráneas que acadan
maior valor engadido e desde onde nos devolven produtos elaborados para que
merquemos a maior prezo. Os segundos, estes si transformados en contas opacas,
cara bancos de Suíza, Liechtenstein ou Dubai. E unha vez abandonadas as minas
ou pedreiras, tamén se abandona un enorme pasivo ambiental, para que a
Administración Pública asuma os custes, en manifesta actitude parasitaria. É
natural, pois, que as carrachas acudan con prestancia a estes ágapes. Historicamente,
importantes representantes desta fauna parasita osmaron por eses cenáculos, como
Juan Fernández, Antonio Couceiro ou, na actualidade, a Conselleira Lorenzana
que, de momento, está a ser estudada para a atribución do seu título ou alcume.
E non se debe ignorar que mesmo o ex-presidente Aznar traballa para Rupert
Murdoch1, declarado oligarca dos mass
media que ten disponibilizado toda a súa artillería mediática a favor da
industria mineira2. Vexamos uns exemplos desa “minaría sustentábel”
na nosa terra.
Mina da
Penouta (Viana do Bolo): explotada nunha primeira fase por unha sucesión de
distintas empresas, entre outras Altos Hornos de Vizcaya, Rumasa e a SEPI, para
a extracción de estaño e wolfram, estivo activa nunha primeira fase desde 1971
a 1987. En 2018, sen ter-se declarado extinta a explotación nos 31 anos
transcorridos sen actividade, a empresa Strategic Minerals reiniciou o labor
mineiro, desta vez remexendo nos entullos para obter, disque, estaño, niobio e
tántalo. Obtivo declaración de impacto favorábel e autorización de explotación
por parte das consellerías de Medio Ambiente e de Industria. O Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia ordenou a paralización da súa actividade ante as
numerosas e concluíntes probas de absoluto descontrol ambiental. Vamos, que
tiñan unha patente de corso, como as que gozaba a pirataría decimonónica, para
espoliar Penouta sen importarlle os reiteradamente comprobados efectos perniciosos,
tanto ambientais como sociais3.
Mina de San
Fins (Lousame): situada perto da bacía do río Tambre, os seus estériles e augas
das balsas de seguridade chegaron a acceder con frecuencia ao curso do Rego da
Pesqueira, que vai dar ao río de Vilacova mui perto xa de Noia. Un claro
exemplo de prevaricación, complicidade, favoritismo e impacto ambiental. Explotada
desde fins do século XIX, por ela pasaron numerosas empresas e multinacionais
mineiras. En 1990 abandonouse a actividade, retomándose tras 19 anos, sen que a
administración tivese declarado extinta a actividade e sen someter o novo
proxecto de explotación ao trámite de avaliación ambiental. As denuncias
formuladas por distintos colectivos son múltiples desde 1987.4
Mina de
Touro (Touro): quizás a que deixou un pasivo ambiental máis grave. A mina,
a ceo aberto, explotouse entre 1974 e 1987, tan só 13 anos, para a extracción
de cobre. A drenaxe ácida que provocou afecta ao río Ulla, a través de varios
regos tributarios e, finalmente, tamén á ría de Arousa. A neutralización da
drenaxe ácida foi o obxectivo durante décadas da aplicación de novidosos
programas de restauración baseados no emprego dos denominados tecnosolos (solos
orgánicos e minerais resultado da combinación de lodos de depuradora e cunchas
de mexillón -residuos da actividade marisqueira-) para cubrir noiros e taludes.
A pesar do crecemento de herbáceas e toxos nesas superficies, en episodios de
fortes precipitacións aparecen lixiviados de aguas cargadas de coliformes, que
acceden masivamente a unha balsa de filtrado e desta a un dos regos afluentes
do Ulla. A Xunta persegue a súa reapertura e faille o traballo propagandístico
á empresa interesada, Cobre San Rafael 5.
Pedreira de
O Castelo (Muras): outro exemplo do exercicio do cacicado en tempos de
Fraga Iribarne, neste caso para o seu proxecto monumental da Cidade da Cultura.
Nos primeiros anos de construción dese mausoleo con ínfulas culturais,
posteriormente convertido en grande burato negro onde desapareceron ducias de
millóns de euros, a pedra que revestía os edificios en construción procedía
desta pedreira (“Cantera Angelita”), á vista desde a estrada que vai a Viveiro,
xusto case á entrada de Muras. Unha ladeira intacta que baixaba desde a Pena
Goía, onde se conservaba un exemplo fermoso de paisaxe agroforestal
tradicional, foi escollida polos carrachos da Consellería de Cultura da época e
polos caciques locais para dar un pelotazo
en toda regra. Cando o ritmo da obra esixía maior volume de pedra, a
explotación superou os límites impostos na Declaración de Impacto Ambiental,
ata que foi incapaz de dar de si e procurouse unha pedreira con similar
material no Brasil. Pero a pedreira operou entre 2003 e 2006 sen contar con
autorización municipal de apertura, sen autorización autonómica para o seu desenvolvemento e sen autorización de Augas de Galicia. Desde
o seu abandono, hai xa máis de 19 anos, a pedreira está sen restaurar, nun caso
exemplar de parasitismo mineiro, variante pedra ornamental. Similar ao da
pedreira de Vilavella, ao lado de Cova Eirós, a de Xemil na Pastoriza, as de
Budiño no Porriño e muitos outros casos de pedreiras. E como ese enorme cráter
de Valdeorras....
Louseiras de
Valdeorras (Carballeda de Valdeorras): o aquelarre das louseiras de
Valdeorras e Trevinca é sobradamente coñecido. Á desfeita da paisaxe hai que
sumar a destrución de ecosistemas fluviais e de montaña e a perda de patrimonio
etnográfico e de arquitectura tradicional, debido a unha actividade
incontrolada de extracción de lousa, sen límites á expansión nin labores de
restauración á medida do dano causado. Sempre coa tolerancia e complicidade da
administración autonómica.
Enerxía
Outro dos paraísos onde
vampirizar os recursos e o erario público. Enormes canastros de quilovatios
dispostos a facer caixa para esa clase de sagaces fillos do Mercado, que se
reproducen desde os tempos autárquicos da ditadura franquista co leme nas mans.
Primeiro foron os encoros, despois a fracasada nuclear en Xove, a industria de
enclave de Alúmina-Aluminio na Mariña, as minicentrais hidroeléctricas e,
finalmente, os parques eólicos. Un inmenso caudal de capital circulante onde
colocar sucesivas camadas parasitarias. E do que se aproveitaron conspicuos
ministros pepeiros en clara e evidente actitude delituosa, como acaba de
destapar o recente Caso Montoro, de dimensións difíciles de calibrar e
calificar 6,7.
Greenalia:
curioso exemplo do cleptoparasitismo máis recente, hai quen sospeita que os
millóns desaparecidos coa fusión das caixas e o subseguinte rescate irían
aflorar nas contas que permitiron a criación desa maquinaria de zugar cartos
públicos, onde se colocaron importantes carrachas como o citado Couceiro ou a
rutilante Beatriz Mato, ex-Conselleira de Medio Ambiente. O impulso do proxecto
e posterior pagamento de primas á produción “verde” da central de biomasa de
Curtis, a concesión e autorización de varios proxectos eólicos e o máis recente
apoio ao proxecto GAMA, no que Greenalia é referente empresarial xunto con
Altri, explicitan a simbiose parasitaria dos sucesivos gobernos Feijoo e Rueda.
Iberdrola:
Importante multinacional criada coa fusión de Iberduero e Hidrola, sempre foi
un importante foco atraínte para polític@s con ánsia de medrar, ben do PP como
do PSOE. Explotadora das centrais hidroeléctricas da bacía do Sil, anda agora a
menear o proxecto de central de bombeo en Vilariño de Conso e a Banda das
Carrachas perde o cu para, servicial, atender as súas demandas todas. Levarlle
para a porta da casa os millóns de metros cúbicos de entullos era bo pagamento.
Parques
eólicos: ao igual que no caso das louseiras de Valdeorras, o impulso
institucional que desde A Xunta de Galiza se lle deu nos últimos 30 anos e se
lle sigue a dar a esta enerxía renovábel supera os limites de toda lóxica e
planificación sustentábel, para converter esta actividade produtiva nun foco de
deterioro ambiental sen precedentes. Tramitacións do procedemento de avaliación
de impacto ambiental irregulares ou fraudulentas e apoio sen fisuras ao
despregamento da eólica offshore
debuxan un panorama onde o lucro e o medre político van da man.
Minicentrais
hidroeléctricas: foron durante uns anos unha auténtica obsesión de sucesivos
gobernos da Xunta de Fraga. Ducias de treitos de pequenos ríos foron alterados
para construír pequenas presas desde as que derivar caudal a centrais
hidráulicas de baixa potencia, aínda que tamén se “colaron” proxectos máis
ambiciosos, como os das centrais do Lérez e do Ulla. Como se non se tivesen
construído os grandes encoros franquistas, o revival das minicentrais foi
apoiado sen fisuras polo PP, pero tamén por importantes “bandidos” socialistas,
que arrimaron aos especuladores que movían os fíos de numerosos proxectos.
Xestión de Residuos
SOGAMA:
a Sociedade Galega de Medio Ambiente, criada polo primeiro goberno Fraga con
Unión Fenosa en 1992, introduciu o modelo da incineración de residuos urbanos
como solución ao peche de lixeiras e vertedoiros, desbotando de entrada a
reciclaxe e reutilización. A consecuencia da aplicación deste modelo é que a
taxa galega de separación selectiva e reciclaxe é das máis baixas do Estado (18%
fronte á media estatal do 25%) e que, progresivamente, o vertedoiro oficial da
Areosa, situado case a carón das instalación de SOGAMA, foi colapsando, dando lugar a importantes
problemas de lixiviados, que ao longo dos anos 90 e ben entrado o presente
século accedían ao exterior e de aí ao río Lengüelle cando rebordaban as
canalizacións e balsas de seguridade.
Tratamientos
Ecológicos del Noroeste: empresa criada por Paco Gómez, até hai pouco referente
empresarial, e algo máis, e propietario da área toda onde se encontraba a antiga
mina de Touro. Nunha parte da mina, recibía e recibe toneladas de lodos de
depuradoras para mesturar con restos de cunchas de mexillón e calizas e
fabricar así o que denominan tecnosolos, empregados na restauración de noiros e
outras superficies da propia mina. Os
avatares desta enorme superficie teñen sido obxecto de voltas e reviravoltas na
propiedade, permanecendo sempre baixo o control do Sr. Gómez e familia 8.
Toysal mina
de Casalonga: un dos últimos exemplos de servilismo político do Club do
Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG. Unha antiga pedreira, reconvertida a
planta de tratamento de lodos cheirentos, ao lado dunha área na que moran miles
de persoas. E a Banda das Carrachas,
coma sempre, beneficiando aos poderosos e empresarios. Neste caso, a Toca y
Salgado, empresa de Vigo que foi meterse á antiga pedreira de Casalonga (Teo) e
que estivo apoiada en todo momento pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas da
Consellería de Industria, ata que a determinación da veciñanza organizada en
Casalonga Limpa logrou a vitoria xudicial e o cese de actividade da empresa.
Sobre as posibilidades de
impulsar a minaría, xa se pronunciaron o Presidente Neumático e a Conselleira
Lorenzana tras a presentación dun estudo encargado á Universidade de Santiago:
“Rueda señaló que la concentración de esos minerales
en Galicia es de las más elevadas en todo el continente, lo que ofrece a
Galicia la posibilidad de convertirse en una región estratégica para que Europa
alcance la autonomía en materias primas. Lorenzana consideró que es una
«oportunidade sen precedentes», ya que hay proximidad a los mercados europeos,
infraestructuras portuarias en Vigo, Ferrol y A Coruña con capacidad para
exportar esos materiales y centros de investigación con capacidad para
utilizarlos, además del potenciar de transformarlos aquí.” 9
Non se pode ter unha mentalidade
máis favorábel ao espolio e á colonización. O primeiro, pensando en fornecer a
Europa. A segunda, situando a transformación nun xa se verá.. A destrución, como prioridade na axenda política.
Sociedade público-privada Recursos
de Galicia
Esta é a derradeira falcatruada artellada
pola Banda das Carrachas para esbandallar
o país, zugar os seus recursos e beneficiar a amigotes de dentro e de fóra. Minaría,
residuos e enerxía renovábel están no obxectivo desta sociedade. Canda a Xunta
de Galicia, van da man 32 compañías e empresas, entre as que se encontran Abanca,
Finsa, Megasa, Ence, Exlabesa ou Epifanio Campo. Con posterioridade á creación
deste contubernio elaborouse a Lei de Recursos Naturais de Galicia, que
favorece a tramitación de proxectos estratéxicos. Mercar dereitos mineiros e
parques eólicos, impulsar as plantas de produción de enerxía eléctrica a base
de biometano agrogandeiro ou promover a mobilización e aproveitamento dos
recursos mineiros son as actuais prioridades desta sociedade dirixida por un surfeiro ferrolán con traxectoria
ascendente ata hai pouco en Reganosa.
Hai muitos máis exemplos. E múltiples, miles, a escala menor, alí onde se substancia o entangarañamento social. Esta é a política que impulsa a Banda das Carrachas para procurarse o seu futuro ao quente nos consellos de administración. Nin lles importa Galicia, nin os postos de traballo, nin a mellora das condicións de vida de galegos e galegas, nin nada. A Conselleira Mentireira, a Conselleira Ninfuninfá, o Presidente Neumático, a Conselleira Lorenzana (aínda en estudo para a asignación de alcume) ou o Conselleiro Pijo Miguel Corgos. Como os que os precederon nestes derradeiros 40 anos, sempre ao servizo do ecosistema Mercado e todos, salvo honrosas excepcións, á procura dun lugar ao sol.
Precisamente, Um lugar ao Sol pode ser boa música para
ilustrar esa deriva instintiva das carrachas do Club do Tangaraño. Vai..., Resistência:
Pero tamén podemos lembrar esta outra contundente acusación daquela labazada social que encarnou LPR:
Como destacamos ao principio, este
extenso preámbulo pretende contextualizar no marco xeral da acción política e
de goberno do Club do Tangaraño o que comentaremos nas próximas entradas, onde
nos meteremos de cheo na bicha da política
forestal. Xa anunciamos que nos futuros posts,
que alternaremos con outros de diversa índole, van saltar moxenas. Por algo
isto é O IncenDiário.
2 Murdoch, The Miners,
and the Monopoly of Manipulation: https://znetwork.org/zmagazine/murdoch-the-miners-and-the-monopoly-of-manipulation-by-brendan-libertad/
3 Ver máis información en “Observatorio Ibérico
de la Minería”: https://minob.org/espanol/mina-da-penouta.html
4 Ver máis información
en “Observatorio Ibérico de la Minería”: https://minob.org/espanol/minas-de-san-finx.html
5 Ver máis información en “Observatorio Ibérico
de la Minería”: https://www.minob.org/espanol/mina-de-touro.html
6 https://www.publico.es/opinion/columnas/cristobal-montoro.html
7 https://www.publico.es/politica/equipo-economico-desvio-mediante-encargos-verbales-millones-euros-sociedades-pantalla-socios.html
Comentarios
Publicar un comentario