Para o Servizo de Montes de Ourense
“A raposa muda de pel pero non de hábitos”
Cayo Suetonio
Novamente volvemos saír do camiño
que inicialmente nos marcaramos como instrumento pedagóxico e de propaganda
ambiental en materia de loita contra os incendios. E desta vez, de volta, para
saír ao paso de quen pretende aparentar. Como a raposa que se achega ao
galiñeiro finxindo estar ferida.. Vamos pois.
Chéganos esta convocatoria:
A denominación da xornada e quen
a convoca xa estimula a desconfianza. A primeira observación ten relación co
feito de que a xestión forestal é só unha parte do que debe ser a xestión do
monte. Parece que o corporativismo silvícola condiciona a certo funcionariado para
o correcto uso da lingua. A segunda, porque ese corporativismo e ese
funcionariado, como veremos, se poderían incluír na liña de continuidade
ininterrompida que desde os tempos do Patrimonio Forestal del Estado ata a
actualidade dirixiu e practicou a política “do monte” que inspira a quen
convoca a tal xornada. Un modelo que foi responsábel do deseño da actual pira
de combustíbel na que está convertida a provincia. Por esta razón, iso de
“xestión forestal preventiva” xa nos informa do encollido volume e dimensións
do que se pretende. Sempre a mesma teima de simplificar e identificar a
“xestión forestal” con “xestión do monte”, como se no espazo monte só houbese
sitio para a alternativa silvícola. E agora que se cuestiona abertamente e sen
censura a traxectoria planificada que nos trouxo onde estamos, veñen os guías,
os que precisamente trazaron o itinerario, a sinalar os perigos onde tan
sabiamente nos meteron. Pero este blog
non naceu para andar a morder na lingua: os ancestros destes novos profetas medraron
ao quente con Falange e o Patrimonio Forestal del Estado (PFE) primeiro e,
despois, con Ence, Tafisa, Finsa, madeiristas e grandes silvicultores de
maneira que toda esa inmunda corte de vampiros se apropiou dos sucesivos
“Servizos de Montes”, en orixe no Patrimonio Forestal, despois no ICONA e
finalmente na Xunta de Galicia. Todo ese contubernio servil coa industria da
desintegración da madeira, coas compañías e empresas forestais e cos ilustres
enxeñeiros franquistas pións das multinacionais non pode ver impasible como
agora periga esa estrutura de poder e bulen aparecendo como novos profetas
salvadores. Sentando os primeiros á merenda.., por activa ou por pasiva.
O cume máis alto do
país, a agardar polas primeiras choivas do outono.
Viaxemos no tempo ata o ano 1957.
A un congreso forestal do franquismo acoden enxeñeiros que dirixen o servizo de
montes de “Orense”. Expoñen os avances en “repoboación forestal” dos montes da
provincia e conclúen que para cumprir obxectivos se debe incrementar o ritmo
forestador varios miles de hectáreas anuais máis. Entre eses centos de
hectáreas que aspiran a forestar no futuro próximo e das que alardean no
congreso franquista están as do monte do Castro de Trelle, un pequeno
poboamento castrexo situado no cume dun outeiro onde se xuntan os concellos de
Barbadás, A Merca, Toén e Cartelle. Ou as que van da vertente sur do Monte
Meda, nos montes das Estivadas, Baldriz, Atás ou Vences, en Cualedro e
Monterrei, á súa vertente norte na caída xa para Laza. Tamén computan varios
centos de hectáreas de monte no concello de Bande. E outros centos máis en
Maceda, Baños de Molgas e Vilar de Barrio.
Ao longo das décadas dos 60 e 70
van executándose os proxectos de forestación destes montes. O piñeiro silvestre
é a especie dominante que se emprega nestas “repoboacións”. Para acelerar os
procesos e neutralizar as protestas que puideran aparecer, que teñen a ver
fundamentalmente coa expulsión da facenda de ovellas e cabras e dos seus
pastores, o Patrimonio Forestal e o ICONA recorren á Guardia Civil. Así,
nalgúns casos coa imposición da lei do silencio, progresa a política
forestadora en boa parte dos montes da provincia de Ourense, tamén no resto do
país. Así descrebe Eduardo Rico Boquete1 o proceso:
“La principal amenaza para la conservación de los
comunales, y las formas de uso y aprovechamiento colectivo o compartido, vino
determinada, en buena medida, por la puesta en marcha de la política forestal
por parte del Ministerio de Agricultura, uno de los ministerios denominados
falangistas.”
E máis adiante:
“En este período, la Dictadura se empleó a fondo para
acabar con aquellos vestigios de comunidad de bienes o de derechos, de
aprovechamientos mancomunados y de usufructos compartidos.. Todo ello en un
afán por conseguir sus objetivos y poner fin a todas aquellas experiencias y
tradiciones que pudiesen desprender un tufillo comunistoide, como afirmaba
algún publicista de la época.”
Aqueles enxeñeiros que visitaban
eses montes, boa parte deles de fóra da nosa terra, pero algúns tamén galegos,
defendían a intensificación silvícola e non se manifestaron nunca, ou case
nunca, acerca do exercicio da violencia de Estado contra os lexítimos
propietarios comunais dos montes. Poderíamos rastrexar algún dos nomes e
apelidos protagonistas dese episodio histórico dos montes de Ourense, pero nin
o merecen.
Rico Boquete, en relación coa
prohibición dos usos tradicionais indica:
“( ) la Dirección General de Montes, en circular de 27
de octubre de 1962, reiteraba la necesidad de «tener en cuenta la conveniente y
paulatina disminución de esta clase de ganado hasta su total desaparición» .
Los informes nos hablan de ovejas y cabras degeneradas y el pastoreo se definía
como libertino y realizado sin trabas de ninguna clase.”
Sinala este autor que algún deses
enxeñeiros recoñecía a importancia dese pastoreo como forma de vida:
“( ) los forestales eran conscientes de la gran
importancia que tenía este ganado para los campesinos: “Esa población, decimos,
opone una resistencia tenaz al acotamiento y limitación de dicho pastoreo,
oposición hasta cierto punto explicable porque esa ganadería les proporciona el
principal medio de vida y cada vecino percibe y administra por sí mismo la
renta de ese capital ganadero.”
Como na maioría das ocasións os
proxectos de repoboación avanzaban e supoñían o desaloxo e apropiación dos
montes, non foi raro chegar a accións colectivas de protesta:
“Las protestas y peticiones ( ) tenían muchos puntos
en común y sus acciones compartían esa combinación de las formas de lucha
legales con otras calificadas como ilegales, según el ordenamiento jurídico
vigente. Es decir, introducción del ganado en las zonas de plantación,
incendios, destrucción de plantas y viveros del Patrimonio, amenazas a los
guardas y trabajadores forestales, ocupación de la parcela y expulsión por la
fuerza de los forestales, hasta el enfrentamiento directo con los aparatos del
Estado (Guardia Civil, Guardia Forestal).”
Rico Boquete cita unha acción en
concreto, acontecida en Escornabois (Trasmiras):
Si comparamos esto con lo vivido por los vecinos de
Escornabois (Trasmiras, Ourense), que se oponían a la ocupación de sus montes,
apreciaremos grandes similitudes. En octubre de 1953, el Patrimonio pretendió
comenzar los trabajos de plantación en el monte vecinal que los agricultores
consideraban de su propiedad, por lo que: «Al iniciarse los trabajos de
apertura de hoyos se presenta un gran número de vecinos y paralizan los
trabajos por la fuerza» . Y lo mismo hicieron en los días siguientes, hasta que
la Guardia Civil detuvo a siete de los vecinos mas significados. Pero entonces
fue el momento de las mujeres, las cuales, presentándose en el tajo, impidieron
la continuación de los trabajos.”
Saltamos á transición e primeiros
anos de democracia. Son os estertores das delegacións provinciais de ICONA. A
de Pontevedra, por exemplo, é comandada por Ricardo García Borregón, enxeñeiro
de montes de longa traxectoria. En Ourense a responsabilidade recae en Ignacio
Garbayo Abascal. Cando a Xunta de Galicia saída das primeiras eleccións
autonómicas de outubro de 1981 asume as competencias da xestión do monte, no
primeiro goberno de Gerardo Fernández Albor é cando se establece a denominada
Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que foi dirixida por Jaime Rey
de Roa. Vexamos o que di o decreto2 que aproba a transferencia de
competencias:
Art. 2. En consecuencia, quedan traspasadas a la
Comunidad Autónoma de Galicia las funciones a que se refiere el Acuerdo que se
incluye como anexo del presente Real Decreto no recogidas en el Real Decreto
167/1981, de 9 de enero, así como los servicios del instituto para la
conservación de la naturaleza y los
bienes, derechos y obligaciones, y el personal y créditos presupuestarios que
figuran en las relaciones adjuntas al propio Acuerdo de la Comisión Mixta,
en los términos y condiciones que allí se especifican.
De maneira que ese traspaso
competencial inclúe o traslado do persoal de ICONA; é dicir, tamén supón a inoculación do
patóxeno, xa madurado e con comprobada capacidade de destrución, desde o ICONA
á nacente autonomía galega (por exemplo, citaríamos un enxeñeiro chamado
Enrique Martínez Ruíz na provincia de Ourense, un dos activos elementos
responsábeis das repoboacións en montes públicos en Vilar de Barrio, Maceda de
Trives, Baños de Molgas.., e que han merecer no futuro unha entrada específica).
A partir dese ano 1984 a Dirección Xeral de Montes adquire plenas competencias,
xa con Fernando Garrido Valenzuela como Conselleiro de Agricultura. Vamos ver
que fixo na provincia de Ourense esa Dirección Xeral.
En 1984 parecía que os designios
escuros da provincia estaban a piques de dar un xiro de 180º. A Xunta, suponse
que a proposta da citada Dirección Xeral de Montes, mercaba o grande predio de
Papelera Española nos Montes do Invernadeiro a unha inmobiliaria á cal
previamente llo vendera a empresa forestal. De súpeto, a Xunta incrementa en
5.700 hectáreas o patrimonio público galego. En marzo de 1985 pasa a ser
Refuxio de Caza e en 1989 declárase este territorio como Espazo Natural en
Réxime de Protección Xeral. Non será ata 1997 que o espazo sexa declarado como
Parque Natural. E será, precisamente, a historia do Invernadeiro a que mostrará
o enorme baleiro que a citada Dirección Xeral de Montes e, máis en concreto, a
súa delegación de Ourense, co Servizo Provincial de Montes á cabeza, dedicará
para manexar, mellorar ou modificar a política forestal franquista de PFE e
ICONA.
Como vimos en anteriores entregas, o que se fixo en conservación da
natureza no Invernadeiro desde a súa declaración como Parque Natural é dunha
dimensión menor, nada que ver coa versión que propaga de forma insistente a musa de David Civera. Pode que, efectivamente, a
rehabilitación das edificacións da Ribeira Pequena e da Ribeira Grande, acometidas
nas primeiras épocas do parque natural, teñan un certo mérito arquitectónico ou
de conservación da infraestrutura do espazo natural. Pero iso, obviamente, non
é conservación da natureza. Alí, o que se fixo, foi manter, reforzar e
perpetuar o deseño franquista da produción forestal e a xestión cinexética e do
territorio, por medo a cuestionar o modelo franquista. Como mostras, desde
a apropiación indebida e permanente dunha faixa de terreo non inferior a 20
metros de ancho e 4.200 metros de longo do monte veciñal en man común de
Pradoalbar, a rente do límite nordeste do parque que delimita o cortalumes
perimetral; ou a prohibición de acceso e uso do camiño público aos comuneiros
desta parroquia; pasando pola teima en manter un plantío forestal de Pinus sylvestris que en cotas altas
levaba anos jivarizado pola dureza
das condicións climáticas e meteorolóxicas e a magra dimensión da capa orgánica
do solo. E continuando, como guinda do pastel, con ese rareo da masa de
piñeiros adxudicado a Finsa de forma gratuíta e sen outro obxectivo que
favorecer o crecemento da masa aumentando a distancia entre fileiras de
árbores. Nada se abordou en restauración ecolóxica-forestal, abrindo
discontinuidades da masa de combustíbel fomentando o plantío e medre de
especies menos favorábeis á propagación do lume. O respecto cara o modelo
silvícola produtivo foi total.
Se así se sustancia a práctica da
Consellería de Medio Ambiente nun parque natural, que non faría o Servizo de
Montes no resto da provincia? Pois exactamente o mesmo, respectar o modelo
franquista de intensificación silvícola e, incluso, “mellora-lo” a través da clara
e manifesta intención de introducir novos axentes activos para magnifica-lo e perpetua-lo.
Dúas mostras de principios da década do 90:
-
Abril de 1990: inicio do período de información
pública do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) do proxecto de repoboación forestal
promovido por Celbi (Celulosas da Beira Industrial) para plantar 314,2
hectáreas de eucaliptos no monte de Nogueiroa, O Irixo.
-
Abril de 1991: información pública do EIA do
proxecto de repoboación forestal de 242,9 hectáreas no monte veciñal en man
común de Córcores, Avión.
Pero non, non é cousa do pasado.
Ese Servizo de Montes de Ourense seguiu ata hai ben pouco, como bo gregario, e non
temos dúbidas de que ha seguir no futuro, a apoiar ese modelo de silvicultura
intensiva deseñado polo franquismo. Como fixeron hai ben pouco tempo desde unha
publicación colectiva apadriñada por un ministerio do goberno de Rajoy, beatificando-o
como unha “santa ilusión”, ignorando ou subestimando o seu terríbel impacto
ecolóxico e social3. Nos últimos 15 anos constan na historia dese
Servizo de Montes de Ourense múltiples actuacións silvícolas de “mellora da
masa” que consumiron importantes partidas orzamentarias autonómicas e mobilizaron
tamén nada desprezábeis sumas procedentes de fondos comunitarios. Ultimamente, perseveraron
turrando de actuacións que seguen as directrices
da propia Dirección Xeral en Santiago de Compostela, que axendou como táboa de
salvación as recomendacións da denominada silvicultura
preventiva, ese compendio de medidas silvícolas que perseguen minorar a
propagación do lume e que tantas veces teñen sido transmitidas e reproducidas
en cursos e manuais, de autores coñecidos e respectados como Ricardo Vélez4,5.
Propostas a maioría delas que, válidas ata hai uns anos, se teñen revelado xa como
anacrónicas e incapaces de parar as lapas de incendios tan voraces como os que
vimos este verán.
Quen diría que os recorrentes
intentos de estigmatizar os pastores das serras como incendiarios e
delincuentes acabaría pola forza dos feitos cun revival memorístico das virtudes do seu modelo de queimas
controladas de inverno.. Reformar o modelo forestalista con retoques de silvicultura,
por moi preventiva do lume que se autodefina, non vai impedir que nos próximos
anos se repitan as escenas vividas este verán. O problema é dunha gravidade
inédita que atinxe á dimensión civil e esixe mobilizar unha enorme batería de
medidas multidisciplinares se se pretende minimizar o drama. Nin con todo o
poder batracio de Vila de Cruces6, nin con toda a artillaría do
cacicazgo silvícola7, nin con toda a flota aérea de extinción de Avincis,
Pegasus, Titan e o MITECO se poderá dar parado ese inferno. Mais cabe a
posibilidade de que o Clube do Tangaraño -coñecido tamén como o PPdG-, sen
mover un dedo en recomendacións á sociedade civil, decida perseverar coas
mesmas directrices para enfrontar iso que se coñece agora como lumes de 6ª
xeración, botando man de custosas pero pouco efectivas medidas –maquinaria tipo
batracios, máis medios aéreos, máis cortalumes..-. Nese hipotético caso, haberá
que demandar que respondan ante a sociedade con proporcional responsabilidade
ao emprego e gasto nos recursos investidos coas súas decisións.
En fin, como estamos en Galiza e
isto non é Antioquía, Alexandría ou Xerusalén, non entramos na dinámica desas
discusións bizantinas sobre se rozar perímetros, rachar a continuidade vertical
do combustíbel e outro tipo de veleidades, cando o que se aproxima é o
sacrificio relixioso de cen bois, é dicir, a hekatómbê.
Vertente leste de Trevinca e Pena
Negra, na nacente do río Teira. Só se libraron os brañeiros...
Finalmente, como contraste,
lembramos a sinceridade insubornábel que aniñando nas montañas de Iparralde se
filtra a través dos versos e acordes de Xabier Lete, dedicados a “Xalbador”
Etxart, pastor de Urepele (Nafarroa Beherea) finado en 1976. Recentemente,
Rozalén aportou a súa versión a esta música tan insultantemente honesta. Aí
deixamos ambas versións.
E, como non, o inmenso Zeca
Afonso a retratar esta caste de “obediencia debida”:
2 Real Decreto
1535/1984, de 20 de junio, de ampliación y adaptación de funciones y servicios
del Estado a la Comunidad Autónoma de Galicia en materia de conservación de la
Naturaleza. https://www.boe.es/eli/es/rd/1984/06/20/1535
3 Pemán et al
(eds.) (2017): La restauración forestal de España: 75 años de una ilusión
4 Vélez, R.
(1988): Selvicultura preventiva. En Textos del Curso Superior sobre Defensa
contra Incendios Forestales, ICONA. Madrid.
5 Vélez, R. (sen
data): La conservación del bosque. Estrategias selvícolas para la prevención de
incendios en Galicia.
6 O poder
batracio foi a metáfora empregada por HITRAF, coñecida empresa fabricante e
comercializadora de maquinaria forestal radicada en Vila de Cruces, cando
recentemente entregou os seus equipos de loita contra incendios á Xunta (entre
outros elementos, cisternas “Romay Gladiator 414”).
7 A
Consellaría de Medio Rural, por medio da súa Dirección Xeral de Montes ou da
Axencia Galega da Industria Forestal, leva anos concedendo axudas para que a
“industria forestal” merque maquinaria do tipo de auto-cargadoras e
procesadoras para as operacións de corta e procesado de madeira.




Ben falado
ResponderEliminar