Lumes: hai prevención na rede galega de espazos protexidos?
A rede galega de espazos
protexidos é competencia directa da Consellería de Medio Ambiente, onde manda a
procaz, por atrevida, Ángeles V., máximo exponente da “patada a seguir” do
rugby trasladada á política galega. Acaba de presentar unha serie de medidas
para mellorar a prevención en espazos protexidos. Entre outras, incrementar a
porcentaxe permitida de rozas ou desbroces do 20 ao 30% en espazos da Rede Natura.
Pero se nin se quer alcanzaba o 5% a superficie media desbrozada en calquera dos
espazos desa rede!?
A política da “patada a seguir” consiste en avanzar as liñas cando as acusacións desvendan as carencias propias. Entón, que fai esta banda do Clube Tangaraño, tamén coñecida como PPdeG? Pois adiantarse e aprobar novas directrices que eran precisamente as que ou viñan boicoteando pola vía dos feitos - desbroces nas faixas secundarias de xestión de biomasa – ou renegando delas porque non vían a súa necesidade - os desbroces en áreas protexidas -. En non poucas ocasións a “patada a seguir” envólvese na máis descarada das mentiras. Foi o caso do anunciado investimento histórico no Parque Natural do Invernadeiro tras os lumes de 2022: a nosa conselleira, Ángeles V., apareceu no Invernadeiro pouco despois dos lumes e prometeu 1.400.000 euros para dinamizar o parque. Unha man de pintura e un par de alfombras foi a materialización desa promesa. E que dicir da outra esmola prometida o pasado novembro en Corrubedo1 para o conxunto dos seis parques naturais? Como unha feirante que promete o mellor polbo de Marrocos, anunciou 1.300.000 euros para investigar e protexer a biodiversidade de todos eles. Unha gran enchenta.., que contrasta cos case 90 millóns dedicados pola Junta de Castela e León para a conservación da biodiversidade e xestión dos espazos naturais2 .
Neste punto, e como hai quen
interroga por que iso do Tangaraño, convén explicar a apelación a ese fenómeno
sobrenatural da nosa antropoloxía social para entender mellor como actúa o tal
clube. O tangaraño exprésase a través
dunha doenza que se recoñece polo reducido crecemento da persoa que a padece. Esa
doenza coñécese como raquitismo. Pero a persoa entangarañada non medra porque padeza unha deficiencia prolongada
de vitamina D, senón porque alguén lle botou o mal de ollo, pegándolle o tangaraño. O raquitismo social, legal, xurídico,
institucional, nacional, de conciencia.., ese raquitismo galego colectivo é o
que persegue o PPdeG, o Clube do Tangaraño. E un dos síntomas é, nos espazos
protexidos e na política de medio rural, esa inoperancia extrema que leva a
que, cando se desata un lume, teñamos que resignarnos a ver arder as nosas
montañas porque, entre outras persoas, a de Melide non fixo o seu traballo.
Vexamos, por exemplo, o caso do
Invernadeiro. Tradicionalmente, nos últimos 20 anos, o traballo de prevención
consistiu en repasar o cortalumes perimetral cun buldó, que é como lle chaman na serra ao bulldozer. Mercado á Papelera Española tras o incendio de 1984, o
predio do Invernadeiro contaba cunha superficie de algo máis de 5.700
hectáreas, das que boa parte eran de piñeiro silvestre. Se en todo este tempo,
desde que é propiedade da Xunta, o parque natural non ardeu máis que un pouquiño
en 2020 e bastante en 2022 e neste verán, foi porque contaba e conta cun equipo
de axentes ambientais ben preparados, motivados e con gran capacidade. Pero non
se pode pretender enfrontar os elementos e saír vitorioso. E iso é o que
aconteceu en 2022 e neste verán e, se non cambian as cousas, o que acontecerá
nos próximos anos. Porque desde que foi declarado Parque Natural en 1997, non
se fixo nada para que unha masa forestal altamente pirófita e combustíbel
contase con áreas onde cortar e ralentizar a propagación do lume, máis alá do
repaso dos cortalumes. En 2018 encargouse a Finsa o rareo dunhas 150 hectáreas
deses piñeiros. O traballo consistiu en cortar unha de cada dúas fileiras dos
piñeiros. O parque natural non pagou nada polo traballo, e Finsa tampouco, que
levou regalada a madeira, principalmente árbores de diámetros inferiores a
15-20 cm. O obxectivo dese rareo era favorecer o crecemento dos piñeiros que
quedaron en pe. Así e todo, calculábase que esas árbores non alcanzarían o
momento de corta ata 2050 ou 2060 polo menos. E chegaron os raios de 2022 e
levaron por diante máis de 2000 hectáreas dentro do parque e outras 6000 fóra.
Porque no Invernadeiro, parque natural desde hai case 30 anos, seguía
manexándose a masa forestal como un predio silvícola e non como un espazo
natural. Incluso conservando o razoábel obxectivo de pretender colleitar esa
madeira para o erario público, habería que ter abordado labores preventivos
máis alá de repasar cortalumes. Por exemplo, substituír os piñeiros por árbores
autóctonas, como bidueiras e capudres, que ralentizan ou frean a propagación do
lume, nas valgadas e regatas máis frescas e con maior profundidade de capa
orgánica no solo. Non é difícil imaxinar que, a este ritmo de aplicación de
labores preventivos, no Invernadeiro non se vai cortar unha soa tonelada
madeirábel de piñeiro. Finalmente, vemos no Plan Reitor de Uso e Xestión do
parque natural, aprobado en 2019, que no punto 6, páxina 147, “Programa de
actuacións”, non hai unha soa referencia a un posíbel plan de prevención de
incendios forestais. Así nos vai..
E no espazo da Rede Natura 2000
Macizo Central? Xa vimos na última entrega Sainete do lume na montaña de Ourense como actuaba a Xunta de Galicia. Xa non é que
non se fixesen traballos de prevención. E que apostaron durante 40 anos por un
modelo que operaba precisando, usando e aplicando lume para renovar pastos en
centos e miles de hectáreas sobre as que se exercía un aproveitamento ilegal e
non sustentábel. Desde hai máis de 20 anos que non se fai traballo preventivo
nese macizo montañoso. É certo que houbo en máis dunha ocasión informes
negativos para queimas controladas e desbroces por parte de axentes ambientais.
Aquí encontramos tamén o abandono da Consellería de Medio Rural que, consciente
do risco de sufrir grandes e voraces incendios na serra, non se molestou en
debater con Medio Ambiente a necesidade de dar ou non queimas controladas de
inverno.
Outra xoia dos nosos espazos
naturais onde a prevención do lume brilla pola súa ausencia son as Fragas do
Eume. Xa ninguén lembra cando ardeu este parque natural en primavera de 2012?.
Isto dicía outro especialista nos regates curtos3:
"Ahora toca apagar, pero sin perder de
vista que hay alguien que quema y, cuando hay alguien que quema, es muy difícil
olvidar que hay gente que está quemando el patrimonio más valioso que
tenemos", señaló Feijóo en declaraciones a los medios. El presidente
gallego, que destacó tres focos simultáneos en este incendio, se ha
comprometido a "trabajar para ganar la batalla en las fragas del
Eume". "Se hará un estudio de cómo queda su situación, qué es lo que
hay que hacer para preservar el río Eume y para repoblar la fraga y dejarla
como estaba", ha concluido.
Como dixo no seu día Neruda, “é
tan curto o amor e tan longo o olvido”... O Plan Reitor de Uso e Xestión do
Parque Natural das Fragas do Eume tivo que esperar máis de 11 anos desde ese
lume para ser aprobado, entre críticas. Nunca se presentou o tal estudo para
“repoblar la fraga y dejarla como estaba”. Como é sabido, e na ignorancia desta
máxima coinciden Feijoo e Ángeles V, as mentiras teñen as patas moi curtas.
E, máis alá destas pinceladas,
dúas reflexións necesarias. Como se pretende conservar intacto do lume un
espazo natural protexido rodeado de ducias de miles de hectáreas de monte no
que non hai labores de prevención? A prevención do lume nos espazos protexidos
xa debe empezar fóra deles. Volvemos ao “pecado orixinal” da INACCIÓN. Que ben
vos sentarían unhas boas vareadas.. Porque o que dicimos non é unha opinión infundada
e ven de ser obxecto de preocupación estes dias pola mesma UE, que avisa que en
Galicia non se tomaron medidas para protexer dos lumes os espazos protexidos4.
E para nos despedir, non podemos
evitar traer aquí ao gran Serj Tankian e a súa oda á mentira, que ben podería
estar inspirada na nosa querida Conselleira de Ambiente Minguante.
1 https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2024/11/10/xunta-apuesta-proteger-parque-naturales-preservar-biodiversidad/0003_202411B10C5993.htm
2https://comunicacion.jcyl.es/web/jcyl/Comunicacion/es/Plantilla100Detalle/1281372051501/NotaPrensa/1285372477497/Comunicacion?utm_source=chatgpt.com
Comentarios
Publicar un comentario