Actuacións de asistencia á fauna silvestre. Ás voltas con Ángeles V.

 

“De cando en vez di a verdade, para que te crean cando mentes»

Jules Renard

 

Vámonos apartar momentaneamente da nosa liña de contidos para saír ao paso dunha nota de prensa oficial. Porque esta semana pasada sorprendíanos unha nota de prensa da Consellería de Medio Ambiente, comandada pola inefábel Ángeles V. Remitida a todos os medios de comunicación, lémo-la en El Progreso e en La Región. No primeiro parágrafo da nota:

“A Xunta repartiu nun mes máis de 105,6 toneladas de alimentos para a fauna silvestre en zonas afectadas polos incendios do verán en Galicia, grazas os traballos dos axentes medioambientais realizados por terra e a varios voos que executaron a técnica de helimulching. Esta iniciativa, que senta as bases para futuras intervencións de recuperación ambiental, está a servir para asegurar que animais de diferentes especies permanezan nos seus hábitats naturais”

Inferimos que, como indicáramos nunha entrega anterior, a citada consellería puxo a funcionar un operativo de axentes ambientais, como reclamabamos (ver aqui), para o reparto de alimento nas zonas queimadas e que, nas áreas inaccesíbeis, ese operativo daría apoio a un helicóptero para descargar o material. Prosegue así:

“Ángeles Vázquez recalcou os esforzos para axudar aos animais das zonas que se viron afectadas polos lumes. Engadiu que hoxe, unha vez que as condicións meteorolóxicas o permitan, realizarase o noveno e último voo do helicóptero que está a distribuír distintos alimentos a fauna silvestre presente nunha zona de difícil acceso; ao tempo que se comprobará desde o aire se aparecen máis rebrotes de flora.

Desde comezos de setembro e no que vai de outubro, os equipos técnicos encargados dos traballos afrontaron por terra e por aire o reparto dun total de 105.695 quilos de aporte alimenticio -entre palla, cereais e sal- para herbívoros (principalmente grandes ungulados) e aves. Esta actuación supuxo un investimento de 275.000 euros.”


Descoñécese, pola información da nota, se se trata dun helicóptero de carga interior ou se a carga é transportada con cable externo, cousa que sospeitamos ao se tratar de zonas inaccesíbeis. Tampouco fica claro se o “noveno e último voo” do helicóptero se refire a nove días de carga e descarga ou tan só a nove voos e, por tanto, nove descargas. Pero sigamos.

“En concreto, a través dos efectivos aéreos e dos axentes por terra, foron repartidas máis de 88.400 quilos de palla grande, 6.800 quilos de palla pequena, 9.325 quilos de cereais e 1.100 quilos de sal.

A campaña, que tivo un carácter pioneiro ao combinar a técnica do helimulching e o reparto por terra, organizouse de xeito que se puido chegar a zonas complicadas desde o punto de vista orográfico. En concreto, actuouse en cinco distritos ambientais da provincia de Ourense, en concreto, os de Ribeiro-Arenteiro; Miño-Arnoia; Valdeorras-Trives; Verín-Viana e Xinzo de Limia.”

As cabras do Invernadeiro atravesando unha ladeira queimada polo lume de Queixa

Do que se deduce que as actuacións irían destinadas supostamente a cubrir as necesidades da fauna silvestre afectada polos grandes incendios de Melón e Carballeda de Avia, no distrito Ribeiro-Arenteiro; de Ourense, Paredes e O Castro de Escuadro, no distrito Miño-Arnoia; de Queixa, Parafita, Larouco e Carballeda de Valdeorras no distrito Valdeorras-Trives; de Oímbra e Vilardevós en Verín-Viana e de Lobios en Xinzo de Limia. Como se pode deducir tamén, estamos a falar de moitas miles de hectáreas. Concretamente, só os lumes de Oímbra, Queixa, Larouco e a parte galega do lume de Carballeda de Valdeorras (Trevinca), iniciado en Zamora, suman máis de 82.000 has. Así que, por aí vamos comezar.

Estimando á baixa podemos considerar que un metro cadrado de monte podería ter, antes de arder, unha media de 250 gramos de biomasa vexetal para consumo de herbívoros do tipo lebre, corzo ou cervo. O que daría 2.5 toneladas/hectárea. Só nesas 82.000 hectáreas calcinadas1 en Oímbra, Queixa, Larouco e Trevinca, e restando a cobertura media de afloramentos rochosos (15%, 12.300 has), se terían perdido probabelmente máis de 170.000 toneladas de herba, mato e pasto leñoso asimilábel para ungulados. Dada a reducida densidade destas especies na maior parte destes montes, supoñamos que a demanda fose tan só dun 10 a un 15% das existencias. Colocámonos en 17.000 a 25.000 toneladas de pasto perdido que, ademais, se renovaría cada poucos días no caso da herba, polo menos no que dura o período vexetativo.

Por tanto, temos esas 105 toneladas das que nos fala a Conselleira, fronte a unha demanda potencial dunhas 20.000. Esta comparación permite relativizar a actuación impulsada por Ángeles V. Podemos escoller entre os seguintes cualificativos: insuficiente, anecdótica, irrisoria, insignificante..

Pero agora vamos seguir tirando dos fíos: áreas de actuación e cantidade supostamente repartida, 105 toneladas (segundo a nota da Consellería, “foron repartidos máis de 88.400 quilos de palla grande, 6.800 quilos de palla pequena, 9.325 quilos de cereais e 1.100 quilos de sal”).

Segundo fontes ben informadas,  nas áreas queimadas polos lumes de Oímbra e Queixa (distritos de Verín-Viana e Valdeorras-Trives), a contribución  por terra dos axentes ambientais nas áreas afectadas tería sido fundamentalmente de cereal, en cantidades ridículas comparadas coa carga transportada por persoal de Tragsa, principalmente pacas de palla, desa que denominan na nota de prensa “grande e pequena”. En Queixa, a empresa propietaria do helicóptero encargado do subministro tería executado dous ou tres voos, coa descarga doutras tantas redes de pacas de palla en zonas non moi arredadas das pistas que transitan polos cumes da cadea montañosa. Non é difícil imaxinar interesantes imaxes desta carretaxe da palla, nas que a fauna “silvestre” das vacas da serra consume o alimento do operativo.

Os machos monteses parecen enxergar o reparto de sal..


Porque sospeitamos que a actuación que reflicte a nota da consellería é, realmente, unha pequena variante do operativo destinado á alimentación suplementaria das vacas criadas en extensivo polos gandeiros nos terreos queimados desas serras. Coordinado, executado e cobrado a través dun contrato de emerxencia por Tragsa2, unha mínima parte dese esforzo foi reconvertido, como hábil manobra comunicativa, a operativo “para salvar a fauna”. Unha iniciativa que só comezou cando se tivo rematado a partida de Medio Rural para o gando, máis dun mes despois de acontecidos os lumes.

Con todo, a maiores de calquera medida asistencial deste tipo e dos intentos que se fagan de forma propagandística para aliviar a súa situación, a principal medida a implementar ten que ver coa xestión cinexética. Cervos e corzos móvense en xeral a través de superficies máximas de non máis de 300 a 600 hectáreas. Que vai pasar no perímetro deses grandes lumes? Xa se está a cazar nos tecores que lindan con eses enormes incendios. É dicir, como a actuación insignificante de Medio Ambiente non evita o desprazamento dos cérvidos superviventes desde as zonas calcinadas a eses tecores que non arderon ou arderon só parcialmente, con toda probabilidade se están a matar animais desprazados. A que espera a nosa conselleira máis espasmódica para decidir e ordenar as vedas?

Se Ángeles V. quixese responder esa pregunta cun dos seus soliloquios probabelmente recoñecería implicitamente que no Clube do Tangaraño - antes coñecido como PPdG -, segue a fascinar a concepción franquista da caza e a pesca e todo o que a acompaña colateralmente: os axentes ambientais como submisos e serviciais inferiores; as sociedades de caza, como axentes activos do micelio político-clientelar; os cazadores de base, como pións mudos do aparello de reprodución social... Basta lembrar o axiña que acudiu a reunirse con eles para anunciar substanciosas axudas. Sería enriquecedor coñecer o importe das mesmas e como as sociedades de caza as van gastar, considerando que moitas delas estarán inactivas durante anos sen exercitar a práctica cinexética. A maiores, e como contraste, sería hora xa de publicitar o gasto en axudas que a señora conselleira pensa destinar, como damnificados polos lumes, a clubes de senderismo e de deporte de montaña, a albergues e casas rurais e demais sectores que teñen igual presenza e parella importancia que o cinexético na dinamización económica do rural. De paso, podería comparar o devalante número de licencias cinexéticas coa crecente lexión de entusiastas sendeiristas que se botan ao monte cada fin de semana. Asubía e mira o ceo Ángeles..

Dous exemplares de Capra pyrenaica ás voltas polo Invernadeiro o 16-X-2025, dous meses despois do lume. Que diría Iribarne se os vise así de desasistidos..

Para rematar, é obrigado incorporar tamén un xuízo moral. De que pasta hai que estar feita para novamente dar unha mostra de falta de escrúpulos e de claro oportunismo cínico-político sen límites? Hoxe é unha actuación irrelevante en relación coa situación real de grave afectación ás poboacións das distintas especies da nosa fauna. Onte foi o desprezo recorrente aos ecosistemas fluviais da bacía do río Ulla e á poboación humana residente, afectadas polo proxecto de Altri. Descoñecemos as actuacións futuras, pero podemos agardar que se eleve a cota de perversión moral. 

Faber est quisque fortunae suae (cada quen labra o seu destino).


Non podemos reprimirnos de incluír aquí unha música que ben podería cantar o noso Presidente Neumático: David Civera e o seu maior hit, Que la detengan. Interesante retrouso..


Para compensar, o segundo single da historia de Queen, de cando Freddie Mercury aínda non deixaba bigote. Música tamén fantástica para definir á nosa protagonista.


E, finalmente, The Steel Woods e o seu coñecido Straw in the wind, que ven como o unto ao caldo, que se di..


1 Superficies queimadas en : https://edu.forestry.es/p/gif2025.html#18

2https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/015888/medio-rural-garantizara-alimento-para-los-animales-las-explotaciones-ganaderas

 



 



 









Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro