Unha casa en ruínas

 

Unha casa en ruínas

“O que conta non é o feito de transpirar como as plantas, nin o feito de respirar como o gando, nin o feito de ser movido como un monicreque polos instintos, xa que todo o anterior só se parece á función de eliminar o residuo dos alimentos. Que é, entón, o que conta? Aplaudir? Non. Polo tanto tampouco conta o aplauso das linguas, xa que a louvanza das masas só é un ruidoso aplauso das linguas.”  Marco Aurelio (170 d.C.-180 d.C.), Meditacións 


Lamentabelmente, hai que iniciar esta comunicación de hoxe confirmando o que xa sabiamos. Ángeles Vázquez, Conselleira de Medio Ambiente, é o epítome da ruindade do seu departamento. Para as persoas que descoñezan o significado desa palabra, e apostaría que a aludida pode ser unha delas, hai que dicir que procede do grego epitomē, que significa algo así como “o resumo do escrito”. E temos que recoñecer que para calificar o percorrido desa consellaría non existe outro epíteto máis acaído que o de ruín.

Nestes días saíu á luz que a Consellería de M.A. deu xa, en apenas dous meses, desde o traspaso da competencia, un total de 308 permisos de ocupación do litoral. Un alarde de eficiencia que noutros ámbitos administrativos do mesmo departamento parece unha alucinación. Descoñecemos se a xefa da consellería está alucinada tras o consumo de algún tipo de estupefaciente. O que si parece claro é que está obsesionada con cumprir a función capital que lle atribuíu o seu presidente neumático: ladrar por riba dos ladridos todos da canceira. Así o vimos na crise dos pellets. Ou na teima de branquear Altri. Pero a perla, e diso nos vamos ocupar, foi a das axudas aos cazadores. O que podedes ver a continuación son imaxes estarrecedoras de animais calcinados no lume de Queixa.

 

Lobo calcinado

Esa é unha pequena mostra do terríbel destino de centos e miles de animais da nosa fauna que non puideron fuxir das lapas. Cervos, corzos, lobos, raposos, lebres e outros mamíferos. Mais tamén réptiles como lagartos, serpes e víboras ou pequenos paseriformes habitantes do mato. E os superviventes enfrontan un futuro incerto, con miles de hectáreas calcinadas onde a inexistencia de recursos, de alimento, é patente. Regueiros secos, refuxios eliminados, pastos desaparecidos ata que as choivas vaian reanimando a pulsión edáfica. 

E mentres tanto, Ángeles V., desde Dozón primeiro e, despois, desde o mesmo Parque Natural do Invernadeiro, mostra empatía, comprensión e chequeira coas sociedades de caza. Difícil ser máis ruín. A máis alta responsábel da xestión ambiental é incapaz de demostrar unha mínima capacidade, unha leve iniciativa, unha pequena parte desa eficiencia burocrática organizando un pequeno operativo asistencial. Cun exército de axentes ambientais, vehículos todo terreo, carrocetas, remolques e incluso helicópteros, a esta señora non se lle pasa pola cabeza distribuír alimento para esa fauna supervivente. Pero claro, que vamos esperar dun partido que se orgulla de instaurar e reforzar as leis selváticas na propia sociedade á cal se debe? Vémo-lo a diario coa sanidade, coa educación, coa dependencia.. Como non van actuar con esa falta de dilixencia?

Non era difícil deseñar unha rede coherente de puntos asistenciais onde deixar herba, gran ou pensos e ir cambiando de sitio para non habituar á fauna. Mesmo dedicar esforzos á restauración urxente de herbáceas en puntos adecuados. Non é algo sobre o que non exista ampla experiencia. De feito, na Australia1, Canadá2, os EE.UU3 ou mesmo Europa4 existen  protocolos e propostas asistenciais para abordar estas emerxencias con todas as garantías para a fauna salvaxe. Hai protocolos para todo tipo de emerxencias, desde mareas negras a incendios forestais ou zoonoses. Pero os esforzos a facer, a señora Ángeles V., prefire deixarllos aos cazadores, que han deseñar operativos muito máis eficaces, especialmente para as tesourarías das súas sociedades. 

Can queimado

Non vamos deixar aquí a oportunidade de criticar tamén a esas organizacións ecoloxistas que, como paracaidistas, aterran vendendo o fume da herba e a palla para evitar o escorregamento cara os ríos de miles de toneladas de terra calcinada. Como se esas actuacións fosen tan doadas de aplicar en 20.000 hectáreas como nun campo de fútbol. A necesidade de manter liberados, xa se sabe...

Para rematar, unha reflexión sociolóxica complementaria para a Sra. Conselleira e conxunto asesor. Non deben entrar vostedes, obviamente, por ningún deses comercios, tipo Decaltón, que venden calzado e roupa para andar polo monte (iso que chaman sendeirismo, trekking, hiking, etecé). Nas fins de semana entra e sae unha lexión de familias, parellas e grupos de amigos e amigas coa ansia de equiparse para as súas andainas montaraces. Pero vostedes seguen a acreditar nun colectivo que, aínda que nos pese, computa á baixa desde hai ben anos e avanza colectivamente cara a xubilación da escopeta. É unha proba máis da evidente desconexión social, da desorientación sociopolítica e da inercia clientelar. Camiñan tamén vostedes cara unha retirada precipitada. Tempo ao tempo. 





  1. In situ provisioning wildlife with food, water or shelter after bushfires: using a one welfare framework to guide responses. Animal (Basel). 2023 Nov 14; 13 (22): 3518. https://doi.org/10.3390/ani13223518
  2. National Wildlife Emergency Response Framework: guidance. https://www.canada.ca/en/services/environment/wildlife-plants-species/national-wildlife-emergency-framework.html
  3. California Department of Fish and Wildlife Offers Guidance on How to Help Wildlife During Wildfire Emergencies. https://wildlife.ca.gov/News/Archive/cdfw-offers-guidance-on-how-to-help-wildlife-during-wildfire-emergencies
  4. Garcês, A. e I. Pires (2023): The Hell of Wildfires: The Impact on Wildlife and Its Conservation and the Role of the Veterinarian. Conservation 2023, 3(1), 96-108; https://doi.org/10.3390/conservation3010009




Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

Sainete do lume na montaña de Ourense