Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?
Como non podía ser doutro xeito, temos que reaccionar axiña ante a nova que
anunciou onte o contrato do servizo de aluguer dun helicóptero milagreiro para
o combate dos incendios, o Sikorsky
UH-60L Black Hawk. Lamentabelmente para o circo de ananos que temos por
goberno da Xunta, os principais mass
media, ante a voráxine informativa que atravesamos, non lle deron a
relevancia que gostarían e a nova ficou un tanto eclipsada polo feminismo de
Míster Chícharo Núñez, ou polo look,
que se di agora, de andar ás vacas do Perrosanche na entrevista nun late show noxento deses que se levan
agora no telemiro. Do cal, por suposto, nos alegramos, porque como avanzamos no
seu momento aquí, o tal helicóptero non é máis que un tareco voador que moi
pouco vai contribuír á loita contra incendios.
E, de entrada nesta entrada, dicir que a compañía que vai prestar o servizo, pola nada desprezábel cantidade de entre 8.2 a 15,5 millóns de euros (dependendo de prórrogas de contrato ou, principalmente, de se o helicóptero voa máis horas que as previstas) é Airworks Helicopters. O contrato é para tres anos (2027-2029, porque 2026 xa case finou) e a empresa citada foi fundada polo empresario zamorano Manuel Tamame Martín e actualmente xerida por seus fillos. Esta empresa mercou o tareco voador á Timberline Helicopters Inc, de Idaho, empresa especializada na reciclaxe da chatarra militar do exército dos USA, e concretamente, os seus Blackhawks. E a chatarra que vai alugar o Presidente Neumático fabricouse hai xa case 30 anos. Podedes ver aquí a ficha que lle ten a Federal Aviation Administration. Posibelmente ese aparello teña participado en misións no Afganistán e no Irak. O Presidente Neumático ten un gran olfato para as compras.. E o mellor de todo é que á Timberline Helicopters a compra e reciclaxe destas chatarra, reparando a fatiga mecánica e adaptando as máquinas para o servizo contra incendios, non lle vale máis que tres ou catro millóns. O que pagou a empresa dos Tamame é descoñecido.
O que si se sabe é que a Airworks Helicopters impulsa a base aérea de
Aldeatejada (Salamanca), un complexo de aviación civil que ocupou 16 hectáreas
de interese ecolóxico (hábitat de interese comunitario) coa autorización ambiental
do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e ten pensado operar nesa base a súa
futura frota chatarreira para Europa. Porque o acordo que asinou coa Timberline
Helicopters Inc vai máis alá da compra do primeiro tareco para a Xunta. Supón
un acordo comercial no que a empresa de aviación dos Tamame se convirte en
único representante para Europa da Timberline e, por tanto, no único importador
de chatarra reciclada. A familia Tamame non buscou unicamente dar o golpe cun
superhelicóptero en Galiza; montou o ecosistema completo (representación
comercial, taller certificado en Salamanca e pilotos formados) para liderar a
introdución masiva deste modelo en toda Europa durante os vindeiros anos. E non
será o único tareco destes que alugue a Conselleira Ninfuninfá. A saber se os
Tamame non ficharán no Consello de Administración da súa “empresa familiar”,
para orientar tecnicamente os helicópteros, á dos “regalos de la hostia”.
Deixamos para a seguinte entrada a análise de eficiencia do tareco voador...
Esta xente solo pensa en apagar e apagar coidar para que se encende, arda con chama baixa con pouca leña por ter prevido o caso eso non lles vale, porque hay que pasar traballo e con nugallans o mellor e xogar os Playmovil.
ResponderEliminarMira canto se poderia coidar con eses cartiños.
Another.cow.in.the.corn o moi ben referido tareco nin é o primeiro UH60 en extinción nin o primeiro de Europa. É o primeiro polo que se paga un pastizal por unha admin. civil. Portugueses, checos e gregos tiraron auga xa con ese trasto. Un chisco farto de falacias e fantasías da consellería e da conselleira (deus salve ó conselleiro).
ResponderEliminar