Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?

Imaxe
  Para entender o flamante contrato do UH-60L Black Hawk asinado pola Xunta coa empresa Airworks Helicopters, de Salamanca, e máis o futuro despregamento deste tipo de aeronaves no Estado Español e no resto da Europa máis afectada e sensibilizada polo desafío dos megaincendios, convén que introduzamos algúns factores e botemos man doutros detalles non banais. Para, posteriormente, centrármonos na análise da eficiencia destes aparellos no combate aéreo dos incendios. Vamos con un deses factores necesarios, pero non suficientes..: o colapso Kamov. O denominado colapso dos helicópteros Kamov en Europa refírese á parálise total e á retirada de servizo destas aeronaves rusas de extinción de incendios a raíz das sancións impostas pola Unión Europea á Federación Rusa. Esta situación provocou unha perda de até o 30% na capacidade de descarga e extinción de incendios forestais en países do sur de Europa, especialmente no Estado Español e Portugal, que dependían enormemente do modelo Kamo...

Instrución do xuízo do megaincendio de Los Gallardos: de Mazón a Moreno Bonilla?

Deixamos aquí escrito no seu momento que ás autoridades políticas andaluzas lles sobrara  tempo para ir correndo aos medios de comunicación a propagar aos catro ventos que as vítimas mortais do incendio de Los Gallardos (9-VII-2026) desatenderan os consellos de evacuación e foran por rutas alternativas á recomendada. Dicíamos, tamén, que apenas uns dias despois algún familiar afirmara con rotundidade que os parentes mortos non recibiran nengunha información de evacuación. Ben. Pois sabemos agora que no procedemento instruído na praza número 3 da Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Vera (Almería), están a dilucidar e analizar de xeito oficial as responsabilidades, a cronoloxía dos avisos de emerxencia e a sinalización das rutas de evacuación.


Porque contrasta, e muito, ese tempo todo que lles sobrou para acusar ás vítimas co que tardaron en activar primeiro o nivel 1 e, despois, o nivel 2; modular un aviso en Es-Alert que nunca se produciu ou solicitar o despregamento do exército para contribuír aos labores de información e evacuación. Por iso, o xuízo de Los Gallardos pode marcar un antes e un despois na política de combate e prevención de incendios forestais, especialmente se remata en condena de altos cargos.

De momento, sábese que o xulgado celebrou unha rolda de comparecencias cos familiares das 14 vítimas mortais para lles oferecer formalmente a posibilidade de se integraren no proceso como prexudicados e acusación particular. Oito familias completaron a tramitación (tres de forma presencial nas dependencias de Vera e cinco por videoconferencia desde distintos países europeos tras presentar denuncias ante a Garda Civil) e unha novena solicitude aprazouse a  petición da súa representación legal. É dicir, AS FAMILIAS DA PRÁCTICA TOTALIDADE DAS VÍTIMAS MORTAIS CUESTIONAN A VERSIÓN OFICIAL DA JUNTA DE ANDALUCÍA. Tamén se presentou como acusación particular o PSOE desa autonomía. O obxectivo principal desta acción xudicial é precisamente determinar se existiu falla de previsión, falta de sinalización, omisión de socorro ou lentitude nos avisos á poboación por parte dos servizos de emerxencia e das autoridades responsábeis, o cal inclúe, por suposto e especialmente, o operativo da Junta de Andalucía.

A investigación impulsada na instrución xudicial está a elaborar os atestados técnicos onde se cruzan os rexistros de chamadas do 112, os envíos de alertas masivas mediante sistemas de emerxencia e o despregamento sobre o terreo das patrullas nos accesos e pistas. O proceso xudicial procura a información precisa para determinar se o aviso de evacuación chegou a tempo a todos os núcleos e urbanizacións afectadas ou se, pola contra, a velocidade de propagación do lume superou a capacidade de aviso previo dos equipos de emerxencia. Non é pouco o que está en xogo. Por un lado, a integridade física e económica da sociedade rural. Por outro, que esa mesma sociedade siga en mans de políticos incompetentes.

A versión institucional inicial xa é coñecida. Representantes da Junta de Andalucía como o conselleiro de Presidencia, Antonio Sanz, primeiro, e despois o mesmo Presidente Moreno, sinalaron nas primeiras horas ás vítimas que intentaran fuxir por camiños e pistas que "non eran a ruta de evacuación indicada", cualificando esa fuxida de "trampa mortal".

A versión das familias e afectados, tamén coñecida, é que en determinadas zonas e diseminados rural-urbanos non se recibiu nengún tipo de indicación ou alerta individual, e que tampouco acudira nengún veículo con megafonía, o que obrigou aos veciños a fuxir de xeito improvisado no momento en que o lume xa cercaba as súas vivendas.

Non existe aínda un informe xudicial definitivo que exima ás autoridades de responsabilidade na difusión da alerta nen que confirme taxativamente que as vítimas desatenderon ordes directas de evacuación transmitidas en tempo e forma. O xulgado determinará se as rutas móbiles e os avisos foron os axeitados ou se as fuxidas por camiños alternativos se produciron por desesperación e falta de información oficial previa.

Pero isto, sentindo muito o recurso, cheira a “chamusquina”. Como cando a DANA mortal do Levante (29-X-2024), que se foi aos poucos descubrindo o inmenso pastel de Mazón e Cía: “As 229 personas finadas non morreron por un fenómeno climático, senón por unha incompetente e neglixente xestión", dicía Toñi García, que perdeu ao seu marido e á súa única filla na riada de hai dous anos. Pois neste caso de Los Gallardos, esa celeridade en acusar aos mortos é, polo menos, sospeitosa. Sospeitamos que esa actitude é unha inmensa mentira argallada para tapar outra infame xestión dunha catástrofe.

Este verán vimos non só en Andalucía como o lume arrodeaba centos de núcleos de poboación e urbanizacións: Castela-León, Madrid, País Valenciá, Aragón, Cataluña. En ocasións anteriores avisamos de que a inercia política levaría aos gobernos a competir entre si para contratar  equipos privados de combate aéreo que integrar nos seus operativos de extinción. Gastando inxentes e crecentes cantidades de diñeiro que a dinámica dos megaincendios queimará tamén. E vímo-lo en Huesca, Madrid, Ávila, Segovia ou Valencia.

Non tardaremos en comprobar como a inacción e o gasto desmesurado en medios de combate ineficientes se converten en puníbeis debido á persistencia do lume como ameaza existencial. Por iso, os acontecimentos xudiciais marcarán a pauta a seguir. E esperamos que a sentenza do incendio de Los Gallardos será o primeiro fogonazo que leve o PP e, en xeral, a clase política especializada na “patada a seguir”, na perpetuación da soberbia. Polo ben da sociedade. 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro

Incendios e fauna en perigo (e IV): o lobo (Isabel Barja)

Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?