O “escaqueo” das empresas da madeira

 

Onte apareceu na prensa unha nota de Fearmaga (Federación Empresarial de Aserraderos e Rematantes de Madeiras de Galicia), unha das máis potentes organizacións do colectivo de empresas da madeira, reclamando “diálogo técnico” coa Xunta sobre a recente orde de Medio Rural de condicionar as cortas estivais de madeira á presenza dun operario adicional e un veículo equipado con depósito de 400l, por se as procesadoras provocan accidentalmente un lume. A orde (DOG 119 do 29/6/2026 - ORDE do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.) especifica días (alto risco de incendio ou Indice de Risco de Incendio mui alto ou extremo) e horario (entre as 12 e as 18 h) nos que aplicar eses condicionantes.


Pero isto non vai con Fearmaga, que levita por riba de veleidades domésticas e asegura que “a maquinaria usada para cortar madeira no monte non causa incendios”. Xustifica a súa solicitude de diálogo, para librarse dos condicionantes, co argumento de ter que contratar nun prazo mui reducido de tempo a 450 novos operarios e ter que equipar 450 veículos.

O 12 de agosto de 2025, no mesmo día no que prendía o tráxico incendio de Oimbra que feriu tres brigadistas de gravidade, tomáronse as fotos que acompañan esta entrada, nas que se ven os labores de corta dun predio de piñeiro insigne e as evidencias de terse producido un pequeno lume ao cortar as uces que arrodeaban un piñeiro. 





Probabelmente, quen executou eses labores tivo tempo a baixarse do veículo e a apagar as incipientes lapas porque, se cadra, hai tempo que estes traballadores e empresas que realizan estes traballos, teñen interiorizado que nunca sobra un batelumes nestes casos. Quizás, as condicións de humidade e falta de vento permitiron un rápido control do pequeno lume. Pero noutras condicións de humidade e con algo de vento, quizás tamén estaríamos a falar dun grande incendio no concello de Baleira, que foi onde se tomaron esas fotos, segundo nos relata o noso informante.

As medidas preventivas en materia de incendios deben ser cousa de toda a sociedade, non hai dúbida. Pero hai sectores que deben contribuír máis que outros. Neste caso non estamos a referirnos a María José Gómez, A Conselleira Ninfuninfá de Medio Rural, ou a Ángeles Vázquez, A Conselleira Mentireira de Medio Ambiente. Son obvias as súas responsabilidades na planificación, organización e execución de labores preventivas. As empresas madeireiras, que se pasean polos nosos montes cortando especies altamente inflamábeis para alimentar unha industria que se caracteriza pola súa natureza excluínte, voracidade crecente e produto con escasa transformación e valor engadido, son responsábeis do estado no que deixan camiños, pistas e, sobre todo, os propio montes nos que actúan. Non sería comprensíbel facer excepcións cun sector que se ten modernizado a conta de suculentos subsidios a fondo perdido, que desfruta do incremento dos prezos da madeira, do abaratamento do custe de extracción e, por tanto, que goza dun extraordinario período de vacas gordas. Aquí debe apandar todo o mundo. Basta de impunidade e privilexio. Chamémonos Argimiro, Elier, Isaac ou calquera outro nome bíblico.










Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro