SAN XOÁN: máis madeira..., para arder

 

Da a causalidade que comentabamos recentemente neste blog sobre as inxentes despesas que a Xunta destinaba a alimentar a industria forestal extractiva. Incluíamos unha táboa coas convocatorias de axudas directas, que sumaban máis de 40 millóns de euros en 6 anos. E como proclama aquel dito, “quen non quere caldo, sete cuncas”.., vai a Xunta e aproba aínda máis investimento nas vésperas do San Xoan ("Sálvote, lume de San Xoán, para que non me trabe cadela nin can!", parecen berrar con excitación na Xunta..).


Na xustificación dese importante gasto de 114 millóns no que resta de 2026 e nas anualidades de 2027 e 2028, citan a importancia do sector forestal extractivo no PIB, no emprego, na exportación e un longo etcétera. E pensan gastar eses millóns todos en cousas tan dispares como a trazabilidade, a automatización, a IA, etc., para modernizar aínda máis un sector que, como os seus bulldozer, por onde pasa, arrasa.  

Cando existe coincidencia case unánime entre o mundo académico, técnico e conservacionista na necesidade de romper a continuidade dos monocultivos de eucalipto ou piñeiro, introducindo aproveitamentos e producións alternativas que diversifiquen a paisaxe actualmente dominada por masas extensas de especies altamente inflamábeis, o executivo do Presidente Neumático volve despacharse cunha “patada a seguir” para blindar e perpetuar o sistema operativo das celulosas e da “autóctona” Finsa.

Non pode ser que quen nos goberne actúe con tal cegueira. Ás veces hai que recoñecer que para non perder todo, debes aceptar perder algo. E da-me a sensación que estamos nese punto no tocante ao sector forestal. Inchouse demasiado esa burbulla, fomentando a transformación masiva do rural, impulsando o seu abandono directa ou indirectamente, por pasiva e por activa, para darlle gas ao “aerostato eucalipto” e entregar o país a cachos ás celulosas españolas e portuguesas. E nas circunstancias desfavorábeis que anuncia o sol cada verán, esa enorme “bolsa de riqueza” pende dun fío ben delgadiño. Basta que un deses megaincendios que xa se perciben no ambiente desencadee unha emerxencia civil das serias e poña a farolear con nocturnidade polas estradas do país ás ambulancias, para que a xente se percate que o camiño escollido polo Club do Tangaraño, tamén coñecido por PPdeG, conduce ao suicidio colectivo.

Estamos na véspera do San Xoán. Lembro hai muitos anos na cacharela de Luou, en Teo, un home cunhas mans como pás, que apañaba trabes vellas, pontóns e táboas para botar ao lume. Mostroume as mans e ao pasar o dedo por unha das palmas tiven a mesma sensación que se ten ao pasar a man “a contrapelo” pola pel dun tabeirón. As escamas modificadas en dentículos dérmicos proporcionan esa aspereza característica á pel dos tabeiróns todos. Unha “rasposidad” que naquelas mans a fregarse entre si, un imaxinaba pedras con capacidade de facer nacer faíscas que se convertían seguidamente en lume.

Ven isto a conto porque, como digo, xa na véspera do San Xoán, teño visto salgueiros con estrés hídrico. Camiñar entre queirogais do norte e sentir , intermitentemente ao meu paso, as bafaradas de calor húmido que saen mesmo da terra. Cando o nordés limpe esa cativa humidade que refresca as mañás, ficará con toda a crueza a condición esclerótica da vexetación. Como nas mans daquel veciño de Luou, o ceo fregará a terra e desencadeará o raio. O lume correrá outra vez por esta a nosa terra. E pola do resto de quen mora nesta Península chamada “ibérica”.

Non vos preocupar, Rueda e Cía. Vos tamén haberedes de arder.

 

Aqui quedades con Tonhito de Poi e o seu Lume de San Xoán..






Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro