Silvicultura industrial (incendios) e... RIADAS


Estes días deberíamos estar de celebración. Celebrando que non houbo unha traxedia. Sinalabamos na anterior entrada que desde finais da primavera e ao longo do verán, só os episodios tormentosos derivados das altas temperaturas poderían descargar, de forma brusca e masiva, pero fugaz, un volume de agua significativo que, a pesar de todo, no cómputo global anual apenas representaría unha porcentaxe menor. Pero este feito non impide que, recibido así en tromba, non poida causar estragos nas ribeiras, agros e núcleos de poboación, especialmente se hai algo que non está “ben feito”. E así aconteceu hai uns días no concello de Viana do Bolo, no lugar da Bouza, xa lindando coa Gudiña.



A Bouza é un pequeno núcleo que non chega a cen edificacións. Pouco máis de 30 persoas moran nel todo o ano. Encóntrase na aba oeste do Monte Testeiro, o cume máis alto da metade occidental da Serra do Canizo. Até hai poucos anos esta serra contaba cunha superficie considerábel de masa arvorizada de piñeiro silvestre. En 2022, naquela xeira fatídica de lumes causados por raios de tormenta seca, un incendio calcinou boa parte da masa de coníferas desa metade oeste da serra que mira para A Bouza. Desde o seguinte outono, as procesadoras, auto-cargadores e camións apropiáronse do monte para ir cortando e retirando as árvores queimadas. Labor nada fácil, porque a pendente desa ladeira é elevada, a presenza de penedas e rochas abondosa e, por tanto, a maniobrabilidade deficiente e arriscada sen abrir vías de saca que dean seguridade aos veículos.

Pode comprenderse, pois, que tras meses e incluso anos de labor de corta e retirada de madeira, o aspecto final dese monte fora o máis parecido a un caos de leña, toradas retortas e ramallada abandonada, alí precisamente onde non podían entrar as trituradoras. É dicir, nas encostas que dan aos regueiros que baixan cara A Bouza...

O resto é doado de imaxinar. Os trebóns, a descarga tormentosa de precipitación que arrastra ramallada, frouma, toradas pequenas e grandes, pedras.., o cauce do rego que medra e vai levando todo ese inmenso subproduto abandonado pola silvicultura, pola silvicultura industrial, e franquista, porque foi deseñada e impulsada primeiro polo Patrimonio Forestal del Estado, refundado por Franco en 1941 e despois, asumida por doutos enxeñeiros que se acomodaron nas institucións autonómicas e na empresa privada xa na democracia até os nosos días.

Pero así como esa cantidade inmensa de ramallos tupiu a canle do rego e edificou un dique que retivo ducias de metros cúbicos até que rebentou e levou por diante A Bouza, tamén este cambio climático está a tupir os respiradoiros da sala de máquinas de todo ese enxendro forestalista. Porque plantar eses piñeiros onde non se debían plantar foi posíbel porque non existía o que tampouco existe aínda hoxe: ordenación e restricións aos aproveitamentos silvícolas. O decadente Plan Forestal, continuación da política que permitiu plantar eses piñeiros por riba da Bouza, debería ter as horas contadas, tanto polo que se nos ven enriba, como porque permitiu o compadreo, a complicidade, os privilexios e a impunidade dese modelo silvícola ideado pola autarquía franquista. A maiores, cabería preguntar tamén polo dilixente e minucioso labor de vixilancia da correspondente Confederación Hidrográfica.

Para rematar, só lembrar que, aínda que non medie o incendio, as riadas en tromba tamén as causan as cortas de madeira, por exemplo de eucalipto, feitas en ladeiras situadas por riba de poboacións, sen ter en conta a meteoroloxía ou, o que é peor, sen ter en conta os informes de recoñecimento final de corta dos axentes forestais, que son os documentos que certifican cando o madeirista pode marchar ou non do terreo despois da corta ou se ten que proceder aínda á execución de labores de restauración. Non sabemos se houbo ou non recoñecimento final favorábel. O caso foi que aquela noite tráxica do 19 de novembro de 2018 no bairro viveirense da Xunqueira, unha tromba procedente dun destes diques de ramallos de cortas arrasou as casas á beira do Rego de Cova, levándose por diante a vida de Amparo Berdeal Camba, de 83 anos, de mobilidade limitada, que moraba no primeiro andar da vivenda, asulagado pola riada, mentres a filla, impotente, sobreviviu e foi rescatada no segundo andar. Convén non esquecer estes acontecimentos lutuosos. E sinalar claramente as responsabilidades dese pequeno grande colectivo de fatuos que dirixe a política dos nosos montes.


Comentarios

  1. Totalmente dacordo,pero seguese facendo o mesmo por parte dos de sempre e o persoal asinte cos votos

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro