Silvicultura industrial (incendios) e... RIADAS
Estes días deberíamos estar de
celebración. Celebrando que non houbo unha traxedia. Sinalabamos na anterior
entrada que desde finais da primavera e ao longo do verán, só os episodios
tormentosos derivados das altas temperaturas poderían descargar, de forma
brusca e masiva, pero fugaz, un volume de agua significativo que, a pesar de
todo, no cómputo global anual apenas representaría unha porcentaxe menor. Pero
este feito non impide que, recibido así en tromba, non poida causar estragos
nas ribeiras, agros e núcleos de poboación, especialmente se hai algo que non
está “ben feito”. E así aconteceu hai uns días no concello de Viana do Bolo, no
lugar da Bouza, xa lindando coa Gudiña.
A Bouza é un pequeno núcleo que non
chega a cen edificacións. Pouco máis de 30 persoas moran nel todo o ano.
Encóntrase na aba oeste do Monte Testeiro, o cume máis alto da metade
occidental da Serra do Canizo. Até hai poucos anos esta serra contaba cunha
superficie considerábel de masa arvorizada de piñeiro silvestre. En 2022,
naquela xeira fatídica de lumes causados por raios de tormenta seca, un
incendio calcinou boa parte da masa de coníferas desa metade oeste da serra que
mira para A Bouza. Desde o seguinte outono, as procesadoras, auto-cargadores e
camións apropiáronse do monte para ir cortando e retirando as árvores
queimadas. Labor nada fácil, porque a pendente desa ladeira é elevada, a
presenza de penedas e rochas abondosa e, por tanto, a maniobrabilidade
deficiente e arriscada sen abrir vías de saca que dean seguridade aos veículos.
Pode comprenderse, pois, que tras
meses e incluso anos de labor de corta e retirada de madeira, o aspecto final
dese monte fora o máis parecido a un caos de leña, toradas retortas e ramallada
abandonada, alí precisamente onde non podían entrar as trituradoras. É dicir, nas
encostas que dan aos regueiros que baixan cara A Bouza...
O resto é doado de imaxinar. Os
trebóns, a descarga tormentosa de precipitación que arrastra ramallada, frouma,
toradas pequenas e grandes, pedras.., o cauce do rego que medra e vai levando
todo ese inmenso subproduto abandonado pola silvicultura, pola silvicultura
industrial, e franquista, porque foi deseñada e impulsada primeiro polo Patrimonio Forestal del Estado, refundado
por Franco en 1941 e despois, asumida por doutos enxeñeiros que se acomodaron
nas institucións autonómicas e na empresa privada xa na democracia até os nosos
días.
Pero así como esa cantidade
inmensa de ramallos tupiu a canle do rego e edificou un dique que retivo ducias
de metros cúbicos até que rebentou e levou por diante A Bouza, tamén este
cambio climático está a tupir os respiradoiros da sala de máquinas de todo ese
enxendro forestalista. Porque plantar eses piñeiros onde non se debían plantar
foi posíbel porque non existía o que tampouco existe aínda hoxe: ordenación e restricións
aos aproveitamentos silvícolas. O decadente Plan Forestal, continuación da
política que permitiu plantar eses piñeiros por riba da Bouza, debería ter as
horas contadas, tanto polo que se nos ven enriba, como porque permitiu o
compadreo, a complicidade, os privilexios e a impunidade dese modelo silvícola
ideado pola autarquía franquista. A maiores, cabería preguntar tamén polo
dilixente e minucioso labor de vixilancia da correspondente Confederación
Hidrográfica.
Para rematar, só lembrar que,
aínda que non medie o incendio, as riadas en tromba tamén as causan as cortas
de madeira, por exemplo de eucalipto, feitas en ladeiras situadas por riba de
poboacións, sen ter en conta a meteoroloxía ou, o que é peor, sen ter en conta
os informes de recoñecimento final de corta dos axentes forestais, que son os documentos
que certifican cando o madeirista pode marchar ou non do terreo despois da
corta ou se ten que proceder aínda á execución de labores de restauración. Non
sabemos se houbo ou non recoñecimento final favorábel. O caso foi que aquela
noite tráxica do 19 de novembro de 2018 no bairro viveirense da Xunqueira, unha
tromba procedente dun destes diques de ramallos de cortas arrasou as casas á
beira do Rego de Cova, levándose por diante a vida de Amparo Berdeal Camba, de
83 anos, de mobilidade limitada, que moraba no primeiro andar da vivenda,
asulagado pola riada, mentres a filla, impotente, sobreviviu e foi rescatada no
segundo andar. Convén non esquecer estes acontecimentos lutuosos. E sinalar claramente
as responsabilidades dese pequeno grande colectivo de fatuos que dirixe a
política dos nosos montes.


Totalmente dacordo,pero seguese facendo o mesmo por parte dos de sempre e o persoal asinte cos votos
ResponderEliminar