Incendios e fauna en perigo (e IV): o lobo (Isabel Barja)

Imaxe
Isabel Barja Núñez, nacida en Campobecerros (Castrelo do Val), doutora en Ciencias Biolóxicas e profesora titular do Departamento de Bioloxía da Universidade Autónoma de Madrid. Centra o seu labor de investigación nun amplo número de especies animais e en diferentes disciplinas ou aspectos das ciencias da vida, pero é unha das investigadoras que mellor coñece as interioridades do lobo, desde o seu comportamento trófico e de marcaxe territorial, até as circunstancias que acompañan e provocan elevados índices de estrés na poboación, desenvolvendo un notábel traballo neste último aspecto a través do estudo das oscilacións da presenza de indicadores hormonais debido ás perturbacións humanas. Nacida nunha aínda dinámica aldea da montaña de Ourense á que volta todos os meses, era obrigado e é un placer te-la de convidada. Pregunta (P): Desde hai uns 15 anos, pero especialmente nos derradeiros cinco, vense evidenciando a gravidade que supón a ameaza dos incendios para numerosos territorios e ...

A mística dos avestruces

 “O mellor gardián dunha cousa calquera pode ser o seu máis hábil ladrón”

Platón. Libro I. A República

 

Fora Plinio O Vello, autor de Naturalis Historia, quen descrevera o suposto costume dos avestruces de ocultar a cabeza no mato, persuadidos de que así tamén ocultaban e protexían o resto do corpo. Se é certo ou non, este costume atribúese de forma recorrente a quen, con torpeza, prefere tapar os ollos, desviar a atención e ignorar o perigo, pensando que o simples paso do tempo o vai conxurar.

Cando isto se escreve, arde sen remedio boa parte do que denominaron Sistema Central, conxunto de serras entre as que se encontran as de Guadarrama e Gredos, con cumes que superan a cota 2.400m na primeira e que se achegan aos 2.600 na segunda. Neste verán estas áreas levan padecido o que xa se denomina como “trens de vagas de calor”. De momento, eses “comboios” parecen dar un respiro ao noroeste ibérico onde nos encontramos. Pero a proba do poder destes megaincendios e da incapacidade dos medios aéreos para o seu combate, é que a emerxencia nacional foi declarada hai catro días e aínda, con todos ou boa parte dos medios aéreos estatais todos alí destacados, o lume non da remitido. Que curioso, verdade...!?

Con todo, o sureste do país, ao que alcanzan as bafaradas quentes da Meseta do Douro, acumula períodos de aridez significativos e podemos recoñecer amplas áreas nas que se percebe o estrés hídrico nas árbores. Nese contexto, tampouco reboleiras e soutos de castiñeiros poden evitar a propagación do lume. Lembremos o incendio de Larouco (Seadur) do ano pasado. Vexamos estas fotografías.



Son ortofotos de Leira (San Vicente), freguesía pertencente ao concello de Vilamartín de Valdeorras. Foi unha das zonas máis afectadas por aquel lume de Larouco que, iniciado o 13 de agosto, calcinou 37.765 hectáreas. Unhas 60 vivendas resultaron afectadas ou destruídas polo lume. O lugar permaneceu durante horas arrodeado polas lapas e a veciñanza foi testemuña daquel poder destrutivo.

As fotos mostran o antes e o despois dese drama. A pesar de que na contorna non chegara a febre da silvicultura intensiva de coníferas, como noutros lugares próximos, a extensa foresta de rebolos e castiñeiros que facía deste lugar un dos máis atractivos de Valdeorras, levaba semanas dando mostras dese estrés hídrico propio da sucesión de vagas de calor. Unha poboación avellentada e un plan de prevención de incendios que, como na inmensa maioría dos casos, non se levara á práctica, permitiu que os eidos de Leira estivesen cubertos de grandes parches de herba medrada e matos e arbustos altamente inflamábeis. Quizás, con toda seguridade, un tratamento preventivo axeitado tería reducido a capacidade de propagación do lume, a velocidade de avance das lapas e o explícito poder destrutivo.

É un exemplo claro de cousas que se poden facer antes de entrar no período crítico de incendios. Pero para iso é preciso contar coa dotación humana adecuada nun Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) dimensionado adecuadamente ao repto ao que nos enfrontamos. Ademais doutras moitas medidas que implican manter un esforzo constante e planificado.

Pero iso significa, literalmente, mover o cu da cadeira, traballar convocando e orzamentando novas prazas e traballos específicos, estruturando un servizo con novos obxectivos e ao longo do ano todo. Xa temos abordado noutras entregas o que parece que pretende o Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG: reducir as brigadas municipais, conxelar o despregamento do colectivo laboral do SPIF mantendo a temporalidade e reforzar o combate aéreo desviando cantidades vergoñentas para as grandes empresas especializadas.

Non tardarán en saír á palestra a Conselleira Ninfuninfá, a Conselleira Mentireira e o Presidente Neumático anunciando calquera desas medidas estrela, auténticas cortinas de fume que non van resolver o problema nin apagar un incendio como o de Larouco. Ou calquera outro inmensamente máis destrutivo que se declare nas grandes masas de eucaliptos das Rías Baixas ou da Mariña, resultado de 40 anos de nefasta política forestal da Xunta. Pero, polo de agora, seguen no seu poleiro, sostendo que “el clima siempre cambió a lo largo de la Historia”. Deixamos a gráfica da evolución da concentración de C02 (principal gas de efecto invernadeiro emitido polas actividades humanas) na atmósfera desde hai 800.000 anos até a actualidade, inferida a partir da análise de bolsas de ar capturadas en mostras de xeo polar. Aquí podedes encontrar máis información. Tamén vai para vos, queridas Carrachas: https://science.nasa.gov/climate-change/evidence/


Finalmente, só lembrar que Plinio O Vello, levado pola súa curiosidade naturalista para estudar a erupción histórica do Vesubio, finou carbonizado como tantas outras persoas nas abas deste volcán. Os nosos avestruces han sentir arderlle as plumas do cu e tamén fenecerán politicamente carbonizados ante unha cegueira que parece perpetua.

Cruzamos os dedos e tocamos madeira para que a xoia á que lle canta Joaquín Cardiel permaneza moitos anos sen arder. Déixovos esta peza naturalista sobre o Moncayo, a montaña-illa que cabalga sobre Aragón e Soria.








Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro

A dignidade e a vergoña.., un brigadista e un Goberno