Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?
Deixamos pasar unha semana exacta
tras o anuncio da Xunta da aprobación do texto da nova lei de incendios. Unha
semana é suficiente para calmar a correntada de hormonas e bilis e que a
análise que se faga sexa o máis ponderada posíbel (é un dicir..).
Vaia por diante que esta é tan só unha primeira abordaxe da cuestión, no ronsel do filtro das
informacións oficiais sesgadas e das novas da prensa que respostan precisamente
a esas informacións. Así é que, nesta primeira análise, só comentaremos o
contido das ideas-forza que se nos transmiten, a coerencia coa que se presentan
e o contexto actual e práctica histórica real de quen monta a festa. Deixamos para a seguinte entrada a valoración do texto lexislativo.
Porque o primeiro desatino deste
circo foi o de montar un show aproveitando
unha reunión do Consello Forestal celebrada en Boqueixón, onde se desprazou a
nómina completa do circo máis popular de “Galicia”. Pois, segundo a propia
normativa pola que se criou ese chiringuito, trátase dun “órgano consultivo e de
asesoramento da Administración autonómica en materia forestal, co obxectivo de
fomentar a xestión sustentábel dos montes galegos e garantir a participación
pública do sector”. É dicir, mirar polos eucaliptiños e os piniños. Que, polo
que se ve, poden estar seriamente ameazados polo “factor incendios”.
Contrariamente ao que deixaron escrito vultos insignes do mundo enxeñeril, como
aquí vimos.
De maneira que o circo todo foi
de excursión a Boqueixón para representar unha función única. Funambulistas,
trapecistas, paiasos, ananos e domadores de feras foron chamados a consulta.
Faltou, para pór a guinda cunha das súas mentiras, a titular do Ducado de Rio
Furelos (ascendémola de condesa a duquesa por razóns obvias, que se achega período
eleitoral..). Pero a cita non estivo mal.
Vamos coas novidades da lei, que
son contadas e escasas como os mexillóns de río. A propia nota de prensa do
departamento da Conselleira Ninfuninfá de Medio Rural di así:
“( ) a conselleira explicou as principais novidades da
norma, entre elas a creación do concepto
de interface urbano-forestal, que son os terreos con vexetación situados en
solo urbano, de núcleo rural ou urbanizábel que lindan con terreos
agroforestais. Neles, a xestión da
biomasa será unha obriga legal directa.
Así mesmo, a
Administración autonómica declarará as zonas estratéxicas de xestión, por
ser áreas nas que o lume pode resultar máis perigoso, e as faixas de protección arredor de núcleos, vivendas e infraestruturas
poderán duplicarse ata os 100 metros.
Outra novidade consiste en que, ante un perigo
inminente, os axentes poderán ordenar de
inmediato o desaloxo de espazos ou o peche de camiños, sen agardar por trámites
administrativos. A maiores, as novas instalacións industriais e
gasolineiras situadas en terreos agroforestais ou na interface urbano-forestal
deberán contar tamén cunha rede de hidrantes para a súa autoprotección.
Mantense tamén o réxime sancionador, recordando a posibilidade de minorar a
sanción se a persoa propietaria restaura a parcela.”
Estes parágrafos son as novidades
destacadas na nota oficial, que remata con esta outra xoia:
“A modo de conclusión e resumo, non se trata dunha simple actualización
da normativa, senón dunha reforma que
integra prevención, xestión forestal, protección da poboación, autoprotección e
extinción, cunha lei adaptada á nova realidade.”
Muita palabrería pero, realmente,
pouca pesca para tanta rede. Con todo, a imaxinación de certos dixitais e
xornais desatouse estimulada polo gabinete comunicativo de Presidencia o dia
anterior, que emitira unha nota de prensa previa á de Medio Rural, de maneira
que encontramos titulares como os seguintes:
“A nova lei de incendios prevé máis "paisaxes mosaico" no monte e
endurecer as multas por non rozar” (Praza Pública, 22-09-2026)
“La Xunta quiere emplear «paisaxes mosaico», que alternen cultivos y frondosas, para cortar
la expansión de los grandes fuegos” (La Voz de Galicia, 22-09-2026)
"Paisaxes
en mosaico", "paisaxes cortalumes" e "interface
urbano-forestal", a nova terminoloxía para loitar contra os lumes”
(Galicia Confidencial, 21-09-2026)
Na nota de prensa emitida tras o
Consello da Xunta do 21-09 encontramos ese estímulo:
“Esta nova prevención apóiase en cinco piares. En
primeiro lugar, a planificación do risco. O mapa de risco pasa a ter unha
función central: debe integrar, entre outros elementos, a distribución de
combustibles, frecuencia histórica de incendios, perímetros de lumes
anteriores, factores meteorolóxicos e topográficos, comportamento previsible do
lume e a vulnerabilidade dos elementos expostos. Ademais, serve de base para
determinar zonas de alto risco (ZAR) e zonas estratéxicas de xestión. En
segundo termo, a xestión da paisaxe, con
figuras coma o mosaico, as paisaxes devasas, a agricultura, a gandaría e o
pastoreo.
En terceiro lugar, a xestión forestal preventiva, fundamentada na diversificación, a
compartimentación, a silvicultura preventiva e as frondosas autóctonas. O
cuarto piar sería a protección de persoas e infraestruturas mediante faixas de
seguridade, xestión da biomasa, retirada de especies, autoprotección ou
hidrantes en novas zonas industriais. E, por último, a execución efectiva, con
requirimentos, multas coercitivas, execución subsidiaria e actuación urxente.”
Aínda sen esperar a coñecer como
se concretará o texto da lei, esta nota é reveladora. Resulta que se nos ven
dicindo, aos habitantes dun país milenario no que a choiva forma parte da cultura
e mesmo do instinto natural, que “en Galicia chove de abaixo para arriba”.
Partimos de comarcas enteiras,
como Ortegal, Eume, Ordes, Arzúa, Barbanza, Morrazo, A Mariña ou Pontevedra,
onde o monte está colonizado por superficies inmensas e continuas de eucalipto,
e onde a liña de contacto con aldeas e lugares suma centenares de quilómetros.
O cal foi o resultado dunha política forestal institucional trazada ao ditado
da industria celulósica e de desintegración da madeira de especies de
crecimento rápido. Pero non foi só a pasividade e o abandono de alternativas os
factores que permitiron que a inercia do modelo e do sistema acabase impondo a
súa lei. Non.
40 anos cargándose a “paisaxe en mosaico” con proxectos de
concentración parcelaria elaborados seguindo o modelo de aparcelamento desértico
de Castela. 40 anos cargándose sebes, árbores centenarias, mostra de cultura e
identidade paisaxística. 40 anos cargándose a gandería extensiva menor de
ovellas e cabras, 40 anos perseguindo aos últimos pastores despois de
sinala-los como incendiarios. 80 anos enchendo o monte de masas pirófitas de
piñeiros primeiro e, despois, de eucaliptos. Onte mesmo defendendo un proxecto
de industria forestal con plan forestal propio contrario a todo o que se
cacarexa coa nova lei de incendios, para cargarse precisamente unha paisaxe
histórica de mosaico como A Ulloa.
O que transcende deste proxecto
de lei é mostra suficiente para construír unha imaxe: un coello na chisteira. Recomendar
un tratamento ao lexislador: terapia de regresión. E lembrar unha serie
televisiva na fin de semana: The Walking
Dead..
Algún iluminado, caladiño como
poucos ante Altri, saído dun departamento universitario de investigación,
encargouse de darlle munición ao Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG,
para orientar e encher de contido “novedoso” ese proxecto de lei. Pero, de
momento e para sempre, este texto será fume de carozo ou, mellor aínda, un
petardo sen mecha, porque tamén proporciona munición a unha oposición que, se
manexase ben o argumentario, faría trizas a ese goberno.
O único que persegue a nova
norma, a nivel práctico, é a do establecemento de obrigas legais directas. Por
exemplo, coa xestión da biomasa na “interface urbano-forestal”, onde se procura
activar o mecanismo de execución subsidiaria de forma muito máis rápida e
directa. Ou nos epígrafes tan concretos que afectan infraestruturas ou á
capacidade de intervención operativa dos axentes ante un incendio.
O resto, mentres agardamos pola
concreción do articulado (para botar foghetes da alegría..), é só unha mostra
descarada de como lexislar enchendo parágrafos cuxo contido nunca se vai
plasmar fisicamente sobre o terreo. Un brindis
ao sol destes vampiros, que seguirán situando os seus intereses na confluencia
coa industria silvícola de desintegración, aproveitando o paraguas que lle
sosteñen eses vultos enxeñerís das universidades.
«Velaí os tedes,
circunspectos, serios,
cos seus títulos postos e as súas capas,
administrando a mentira con xeito,
medindo a ración de liberdade,
dicindo o que convén, o que non cómpre.»
Celso Emilio Ferreiro (Longa noite de pedra)
Comentarios
Publicar un comentario