Sinais de futuro..
Resulta que o galo do poleiro foi
e espetoulle á lideresa da oposición, desde o máis alto do parlamentiño, iso de
que “o galo que máis canta non é o que máis galiñas monta”. Algo así como
“deixenos traballar, Sra. Pontón, e siga a cacarexar, desde aí, desde a
oposición, mentres nós apagamos os lumes”. Alguén terá que lembrar ao Sr.
Rueda, “O Presidente Neumático”, do perigo de cuspir contra o vento. Porque esa
acritude na resposta sí que foi cacarexar, considerando que un día antes o seu
PPdeG impediu a investigación parlamentar do lume de Oimbra, o megaincendio que
lle custou graves lesións a tres brigadistas por culpa dos lacaios a quen queren
protexer. Outro exemplo máis de inmoralidade. Agardamos que a “roda do destino”
os leve desta terra canto antes, porque nos van arrastrar a unha traxedia. Por
se alguén non sabe aínda ao que nos enfrontamos, vamos tratar de explica-lo.
A estatística é unha parte das
matemáticas que estuda os datos e, tras a súa recompilación, organización,
análise e interpretación, serve para reforzar a toma de decisións sobre este ou
outro aspecto. Referímo-nos, claro, á materia de goberno. A estatística
alimenta modelos e os modelos, seguindo tamén patróns estatísticos, avanzan cales
poden ser os escenarios máis probábeis. Nos últimos anos, nos Estados máis
afectados por vagas incendiarias, as axencias de Ambiente, Medio Rural ou
Cambio Climático “modelizan” constantemente para comprender, dimensionar e así
poder “imaxinar” por onde camiñar, ante a nova situación que se deriva do
cambio climático. Son modelos a curto, medio e longo prazo. Non son simuladores
de propagación para escorrer o vulto e cargarlle a responsabilidade dun lume a
un computador.
Para quen lle custe comprender esas
proxeccións, vamos empezar só polos feitos “obxectivábeis”.
Nos últimos anos, diríamos que ao
longo dos derradeiros 25 anos, nesta esquina do noroeste pensinsular hai dous
trazos climatolóxicos recorrentes. Por un lado, o reparto anual da precipitación
parece obedecer a unha significativa contracción, que fai que as chuvas se
reciban maioritariamente a partir de outubro e rematen case ao inicio de abril.
Fóra dese período, a descarga de precipitación ten descendido de forma
significativa e hoxe case é porcentualmente anecdótica. En segundo lugar, a
aparición de episodios de calor adiántase aos meses de abril/maio,
converténdose en vagas de calor extrema xa en xuño. Esta retracción temporal da
precipitación e a chegada anticipada de calores elevadas explica o terceiro
trazo climatolóxico.
Debido á concentración das
chuvas, boa parte do volume de auga recibido non percola, non filtra cara o manto freático, senón que se
perde en regueiros e correntadas superficiais cara a rede hidrolóxica. As
calores extremas provocan a evaporación da humidade do solo e dos organismos
vivos. Os valores de evapotranspiración potencial (ETP) non deixan de medrar
nos meses de abril, maio e xuño nas estatísticas dos derradeiros 25 anos. A
este feito, xa por si mesmo de enorme importancia, acompaña outro factor, este
de carácter meteorolóxico, que aporta a transcendencia definitiva.
O réxime de ventos, a súa
frecuencia e intensidade, tamén está a mudar. Cada vez son máis comúns os
episódios meteorolóxicos protagonizados por ventos desecantes que desencadean
sequidades súbitas. Non é raro que na primavera, cando remata o ciclo depresivo
das borrascas, pasemos de series de 3 ou 6 dias con ventos cálidos dominantes
do sur ou suroeste, con penetración de masas de ar sahariano e sen apenas
descarga de precipitación, a series doutros 3 ou 6 días de ventos do nordés,
tamén desecantes e sen chuva. Esta concatenación provoca incrementos inéditos dos
valores de aridez, que se pode medir a través de varios índices.
Estamos, pois, a metade da
primavera e xa temos os primeiros síntomas de estrés hídrico: ríos con caudal
pobre, regueiros secos ou case secos, pasteiros a secar e árvores ofrecendo os
primeiros síntomas de padecemento. Poderá unha chuvieira ou tormenta aliviar os
primeiros lumes, como este último de Padrón. Pero será insuficiente fronte ao
inmenso poder desecante da seguinte vaga de calor extrema. Situándonos en boa
parte do país con temperaturas superiores a 35º durante 5 ou 7 días, partindo
desa situación inicial de subaridez, o resultado é e será sempre dramático para
o resto do verán. O estrés fisiolóxico vexetal evidenciarase en salgueiros,
carballos, bidueiras e rebolos. Os piñeiros largarán o seu exudado resinoso ao
longo de toda a súa verticalidade. E os eucaliptos, como boa especie pirófila,
irán desprendéndose das súas partes secas e fráxiles para ir esponxando o
terreo. Os horizontes orgánicos, secos, ficarán espidos, sen manto de humidade
que os protexa. Un forno en toda regra que só, SÓ, poderían enfrontar os
carballos, a especie con maior plasticidade e resiliencia ecolóxica. Si, esas
árvores autóctonas que desprezou e despreza o colectivo simbionte de
enxeñeiros, políticos e oportunistas varios que entregaron o país á síndrome da
eucaliptose.
De maneira que nada máis
arrincada a tempada de incendios, as equipas e brigadas de extinción non terán
nen tempo a acoplarse, entenderse e situarse fronte eses inmensos dragóns. A
nova delimitación temporal do período de alerta por incendio collerá ás brigadas
municipais sen adestramento previo e sen pedagoxía práctica posíbel. Todo serán
factores acelerantes. O incremento da combustibilidade e da propagación, xunto
co abandono rural e a miopía de quen goberna desde o seu minarete de soberbia
farán o resto. E isto é común a todo o noroeste ibérico. Incluso, diríamos, á
Península Ibérica toda. Lumes que se cebarán con frontes de ducias de
quilómetros. Quen se atreve a negar a posibilidade de que ese lume de Boborás,
nesas condicións, podería ter gatuñado ao Testeiro, invadido a cabeceira do
Deza, mudado de dirección co nordeste cara Beariz, para acabar preparando un
fronte de lapas desde o Lérez ao Verdugo? Nesas circunstancias podemos enviar
un Canadair ou uns minimoscas deses
de Doade para tirar unhas fotos, porque para extinguir eses monstruosos e
inmensos pirocúmulos habería que mobilizar o santoral todo do mes en curso para
traer a chuva. Toda unha proba de destreza para quen manda en Emerxencias e
Interior, ese enorme e habilidoso MacGyver
chamado “Santi” Villanueva..
Estas
pinceladas climatolóxicas e meteorolóxicas que acabamos de dar constituirán a
norma dos próximos anos. A excepción serán os veráns sen tres ou catro vagas de
calor. Non hai posibilidades de vitória nese escenario. Comprobaremos repetidamente
a incapacidade da extinción en ataque directo nestes novos megaincendios. A
retracción das brigadas será cuestión de supervivencia e quen se despregue de
forma valente pero aventurada se arrisca a ser devorado. Esa, e non outra, será
a realidade dos próximos decenios. Agás que esas mentes lúcidas que ousan
cacarexar desde o máis alto do parlamentiño, tomen humildemente nota das
conclusións dos modelos, eses dos que nunca ouviron falar. Mais o triste non
son só as carencias cerebrais. Tampouco van ben de ouvido. Tímpano e cadea ósea
(martelo, bigorna e estribo), que son os mecanismos de transmisión (neste caso,
Manuel Francisco e Mª Luisa Piñeiro, directores xerais de Defensa do Monte e de
Planificación e Ordenación Forestal, respectivamente), veñen con defectos de
fábrica, e a cóclea, esa espiral do ouvido interno que debería transformar os
sinais auditivos en impulsos nerviosos está, no caso da Xunta, deseñada para
repetir mensaxes, non para interpretar e analisar a realidade co obxectivo de asesorar
despois ao Presidente (caso meridiano da Conselleira
Mentireira Ángeles Vázquez, pero tamén da Conselleira Ninfuninfa Mª José Gómez). Porque quen traza as liñas
políticas están noutro ecosistema paralelo. Este é o drama.
Grandes remedios para grandes problemas
Insistimos que isto que vimos de
descrever non será un caso singular. Vai ser a norma. Nada vai ser igual. Eses
modelos dos que falabamos antes proxectan mudanzas a nivel mundial de tal
dimensión, que o escenario galaico fica pequeno. Quen queira aprofundar nesas
previsións só ten que consultar unha pequena escolma de investigacións1.
Chegarmos a mediados do mes de xuño e, como avanza algún dixital, que 206 das
276 parroquias galegas con maior risco de incendio2 permanezan sen
rozar tamén será incomprensíbel en poucos anos e quen así actúe irá
directamente ao cárcere.
O que foi, xa non é nin será. O que deseñaron en cómodos despachos
a golpe de talonario, cos amigotes da industria de desintegración da madeira,
cos madeiristas, cos da maquinaria forestal, coas empresas aereas de
extinción..., todo iso fai agua e esfarélase como un castelo de naipes. O Plan
Forestal e a súa primeira reforma son xa polpa de celulosa que varren as
correntes convectivas destes lumes. É obvio que debemos avanzar cara un novo modelo de territorio no rural e,
especialmente, na interface rural-urbana. Trataremos nas seguintes entregas de explicar
a nova problemática e de avanzar propostas. Porque, muito nos tememos, que a Banda das Carrachas persistirá en vender
fume, destinando grandes cantidades de cartos a medidas paliativas pouco
efectivas, pero iso si, de magnífica e sofisticada escenificación, como iso do “simulador
de propagación”.
Deixamos aqui unha xoia coral do
grupo Djurdjura, da Cabilia, chamada “A roda do destino”, composta
polo tamén cabilio Slimane Azem. A tradución, para quen lle interese, abaixo. Encontrar
algún paralelismo parece inevitábel..
1 Canadell et
al. 2007: Terrestrial Ecosystems in a Changing World: https://link.springer.com/book/10.1007/978-3-540-32730-1?utm_source=chatgpt.com
Nolan et al. 2018: Past and Future
Global Transformation of Terrestrial Ecosystems under Climate Change: https://www.usgs.gov/publications/past-and-future-global-transformation-terrestrial-ecosystems-under-climate-change?utm_source=chatgpt.com
Boonman et al. 2021: Trait-based
projections of climate change effects on global biome distributions: https://www.researchgate.net/publication/356065146_Trait-based_projections_of_climate_change_effects_on_global_biome_distributions
Allen et al. 2024: Projected future
climatic forcing on the global distribution of vegetation types: https://www.leap.ox.ac.uk/publication/1989615/pubmed?utm_source=chatgpt.com
Velaquí que estou ardendo
(como quen probou pementos picantes). Todos os días, vagando sen rumbo. Ninguén
recoñece os seus adversarios. Quen atopa o seu irmán en dificultades, empúrrao
máis abaixo. Incluso consome as súas provisións. Oh, camiñante que avanzas,
lembra o que che din: o inimigo inmutable é teu irmán. Sempre tratou contigo.
Se puidese, pisotearíate. Do seu corazón brota unha frialdade despiadada. Entre
dúas serpes encóntrome atrapado. Vénme como a súa presa. En canto me afasto
dunha, a outra pícame. Oh, Señor, concédenos sabedoría e forza. Que cese a
inxustiza. Que reine finalmente a paz.

Comentarios
Publicar un comentario