Para que vale o Black Hawk UH 60, o xoguetiño da Conselleira?
Vimos nas últimas entradas que
incendios tan enormes como o que afectou ao macizo da Pena Trevinca poden ter
efectos severos, mesmo irreversíbeis, sobre os hábitats nos que sobreviven especies vulnerábeis ou ameazadas da nosa
fauna. Nos próximos anos, a política de combate do lume e, especialmente, as
medidas que se impulsen no plano preventivo, serán fundamentais para deseñar un
programa real que garanta a supervivencia desas especies ameazadas. Dalgún
xeito, e máis alá do estímulo que poidan imprimir os riscos de emerxencia civil
ou os danos económicos, os eixos que vertebren esa política demostrarán até que
punto están comprometidos os gobernos na conservación da biodiversidade.
Parece preciso lembrar que tal
obxectivo, a conservación da biodiversidade, entrou nas axendas políticas dos
gobernos a raíz da aprobación do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica
aprobado no Cume de Rio de Janeiro de 1992. Desde aquela, hai máis de 34 anos,
a biodiversidade pasou de ser un problema estritamente ecolóxico a reforzar un
compromiso político e xurídico vinculante para os países asinantes do tal
convenio. Por primeira vez, recoñeceuse que a conservación da diversidade
biolóxica é "unha preocupación común da humanidade" e parte integral
do desenvolvimento sustentábel. Non parece oportuno agora que se teñan que
arrombar eses principios.
Co obxectivo, pois, de divulgar
os riscos aos que se enfrontan algunhas destas especies, nas próximas entradas Incendiario tratará de contribuír ao
debate das medidas que se deberían ou poderían implementar para evitar que as
consecuencias dos lumes se sumen aos factores negativos que xa estaban a
operar, nalgúns casos de forma dramática, sobre as poboacións de catro especies
da nosa fauna ben distintas. Abordaremos con catro especialistas no estudo da
fauna o presente e o futuro de especies como a toupa de río ou “desmán” Galemys pyrenaicus, a choia ou gralla de
bico vermello Pyrrhocorax pyrrhocorax, unha pequena especie de
córvido, a perdiz de montaña ou charrela Perdix
perdix hispaniensis, e o lobo Canis
lupus. As tres primeiras son tesouros que apenas cotizan no olimpo
simbólico e venerado das especies ameazadas, como así fai o último. Modestas
especies cuxas poboacións se apagan en silencio, como non hai moito aconteceu
co noso arao Uria aalge. No caso da
toupa de rio, trátase dun endemismo único, que só existe na Península Ibérica e
na vertente norte dos Pireneos. E ademais non existe no mundo ningunha outra
especie equivalente, e hai que viaxar ás bacías dos ríos que van dar ao Mar
Negro e ao Mar Caspio para encontrar unha especie emparentada, Desmana moschata, moito máis grande e de
ecoloxía diferente, pois habita ríos de pouca corrente.
Precisamente a toupa de río será
a especie que protagonice a primeira entrega desta serie de entradas dirixidas
a coñecer os perigos que representan os grandes incendios para a súa
conservación. Agardamos que sexan do voso interese.
Comentarios
Publicar un comentario