“Galicia! Cada día máis linda..”


Para quen aínda desfruta dos privilexios da mocidade e non frecuenta festas e celebracións estivais en aldeas ou mesmo vilas rurais manexadas por instrumentos ao servizo do Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG, hai que dicir que o título desta entrada se refere, como non, a aquela música omnipresente cantada por un dúo que nos tempos de pax fraguiana,  facía a súa aparición mesmo entre os fideos da sopa. Pimpinela, chamábanse. Eran fillos dun asturiano e unha leonesa que emigraran á Arxentina a finais da década dos 40. Nesa canción, o dúo cantaba sobre a saudade emigrante, pero o retrouso sublimaba as mil marabillas dun país imaxinario, que só existía como visión ansiada de quen está fóra da terra. Para o prócer cuase monarca de Vilalba e para un dos seus ideólogos, aquela música podía ser un instrumento transcendente, de enorme valor, cando Fraga xa levaba 11 anos demostrando incapacidade para resolver os problemas do país. En pagamento pola súa composición, Pimpinela acudía en loor de multitudes aos mellores programas de reeducación da TVG, onde o seu retrouso espertaba a éxtase do público, ao mesmo tempo que estimulaba a aplicación dun sistemático protocolo de alienación social. Nun moderno taller mecánico non executarían mellor o proceso tecnolóxico de aliñamento de neumáticos e dirección. Mitins por todo o país eran anunciados sempre con esa música-idea, que se aproveitaba da enorme sensibilidade emigrante. Tal foi o bo resultado colleitado coa canción, que aínda hoxe se segue a “pinchar” Pimpinela nesas festas, como quen procura revivir un Lázaro de ultratumba. A parroquia baila en roda colléndose das mans, incorporando no seu interior unha positividade rictual, un anceio común que se proxecta cara o ceo agardando, como dicía Fraga cando ardían os montes, a axuda de Deus, a Virxe María e o Espírito Santo. E no Club do Tangaraño, xentiña como “la de los regalos de la hostia”, excítanse comprobando a perenne domesticación. Sen dúbida, un gran éxito de Pérez Varela, todopoderoso Conselleiro de Cultura e Comunicación Social de Fraga, bautizado por Beiras como “O Pequeno Goebbels”. Ao igual que o grande, Pérez Varela concibía os eventos de propaganda como oportunidades para explotar as emocións e os instintos da audiencia. Hoxe, despois de tantos anos da mesma praxe, sabemos que para os altos mandos dese partido político a verdade é molesta e non sobrevivirían sen cultivar a mentira sistemática, onde se desenvolven comodamente practicando as artes do engano.

Pois vamos ver, breve e graficamente, en que converteu o país esa sociedade do ladroicio reunida ao redor do Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG. Foi principalmente a partir da fin da década dos 80 e, sobre todo, na dos 90 e primeiros anos do presente século, cando se materializou esa transformación da “Galicia cada dia máis linda e mellor”.  Deixamos unhas fotos aéreas da evolución experimentada nas nosas paisaxes ao longo dos derradeiros 20-30 anos, cando a inercia instaurada se acelera por todo o país. A perspectiva ortogonal proporciona unha visión clara das dimensións dun proceso onde consentimento e complicidade van de mans dadas. Máis adiante botaremos man da perspectiva horizontal, viaxando a través de pequenas estradas onde se podería escenificar o drama calquera verán da próxima década (ver a entrada Emerxencia Civil).

Tras o visionado destas ortofotos é doado decatarse que o incremento tan sideral da superficie de eucalipto ao redor das aldeas está lonxe de ser algo que contribúa nin a unha Galiza máis linda nin a un país mellor. Agora mesmo, cando se revela duramente a vulnerabilidade por incendio, temos un gravísimo problema de seguridade civil, todo por un feixe de cartos.

Insistindo naquilo de “Galicia, mellor e mellor..”, procede facer tamén unha breve referencia a dous dos “mellores” negocios que fixo esta caste política, vítima da variante moral da doenza de Hansen. Un desde o PP de España, co enmudecemento do Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG, e o outro, á inversa, directamente planificado polo goberno de Feijoo e apoiado por Calle Génova e mesmo polo Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria-FROB do PSOE. O primeiro, a perpetuación até o ano 2048 do asalto ao peto de quen viaxa pola A-9. Este ano xa se paga a viaxe Tui-O Ferrol a máis de 28 euros. Da a sensación de que somos incapaces de cuantificar as perdas que na economía galega supón a existencia desas portaxes tan altas e, por suposto, tampouco de imaxinar como voaría a nosa economía de non existiren. O outro negocio que propulsou a “Galicia” do “cada día mellor e mellor” foi o das caixas de aforros. Si, ese inmenso burato negro que absorbeu 8.000 millóns de euros e que calquera día unha prospección arqueolóxica podería encontrar parte da succión no subsolo do polígono industrial de Teixeiro-Curtis onde mora, entre outras, a empresa Greenalia.

Para rematar, unha reflexión. Na nota de suicidio encontrada a carón do corpo de Abbey Hoffman, o activista norteamericano morto en 1989, había escrita esta frase:  “É demasiado tarde. Non podemos gañar. Fixéronse demasiado poderosos”. Hoxe, obviamente, non loitamos por derrotar o “sistema” co mesmo convencemento co que loitaba a xeración de Hoffman. Quizás, os nosos obxectivos son de menor envergadura. Un deles é, por suposto, combater a mentira e desacreditar a quen fai un uso sistemático dela. E seguimos, como Kerouac, “on the road”.



1.      Castro de Viladonga


2004



2.Pedregal de Irimia

2004

2020

3.Lavacolla

   

2004

2024

4.O Castro de Ares, a 3 km de Curtis

2003

2025

1.    5.Carantoña, Vimianzo

2003

2023

6.Touriñán, Muxía

2003

2025

7.A Ponte Mercé, A Ulloa

2010

2025

8.O Gruñedo, Castroverde

2004

2015

E esta pode ser a guinda:


Paseando por Gondomar encontramos unha curiosa intervención artística: a sede do PP, empapelada con cartaces alusivos á súa suposta-posíbel-probábel conduta piromaníaca. Segundo “la de los regalos de la hostia”, “cousas do independentismo galego”. A soberbia é cega. Poden limpar as súas paredes, dificilmente os seus corazóns. 












































Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro