Lumes: apuntamentos despois de dous meses
En poucos días vaise cumprir un
ano da traxedia que sacudiu València nas inundacións da famosa DANA do 29 de
outubro de 2024. E na actualidade van pouco máis de dous meses e medio do tsunami de lume que varreu comarcas
enteiras do oeste, noroeste e norte peninsular. Auga e lume en proporcións
xigantescas, desatados sen posibilidade de control en dous episodios de
destrución masiva e en pouco tempo. En ambos os casos, a ciencia meteorolóxica
interpreta que son sinais inequívocas dun novo patrón climático e das súas
derivadas colaterais. Pero hai quen se obstina en negar as evidencias,
desvalorizar as emerxencias e meter a cabeza no burato coma os avestruces,
pensando que todo o corpo está a cuberto.
Kim Phúc e outros nenos fuxen das
bombas do exército dos USA no Vietnam. Curioso.., o ácido nafténico e o palmítico,
compostos principais do napalm,
forman parte da composición das coníferas..
A memoria do ser humano é
selectiva. Sublima os momentos gloriosos e arroxa a recunchos escuros aqueles
máis desagradábeis. Como dicía Mark Twain, “a boa memoria é aquela que pode
lembrar o día de onte, pero esquece o malo”. E nisto estamos. A cidadanía
esfórzase en impedir que quen tiña que evitar ou minimizar os efectos dunha
catástrofe acuda solemne ao recordo colectivo. Non é a primeira vez. Accidente
do Yak 42, accidente do metro de València, accidente do tren de Angrois... Dá
igual a cor. Predomina o azul, pero é indiferente. No que nos ocupa agora, que
é dunha dimensión planetaria, non se trata de introducir pequenos mecanismos
preventivos. É urxente envorcar o sistema todo. Desgraciadamente, o levante
ibérico seguirá padecendo episodios depresivos catastróficos e o sol persistirá
en periódicas demostracións da súa enorme capacidade desecante no norte. Que
podemos facer? Hai quen afirma que xa non é momento de debater. Vexamos.
Contextualizando, e para sermos
directos, diremos que non hai máis cera que a que arde. E semella fóra de
discusión que estamos nun momento histórico no que mentres unha vela se apaga,
outra comeza a deslumbrar. Países que até hai pouco non contaban nos mercados
mundiais ábrense paso como escenarios interesantes, mentres outros que eran
suculentos manxares de corporacións capean crises profundas ou estancamentos.
Por exemplo, aí temos Indonesia, cun PIB superior ao de Austria, Suíza ou
calquera dos países do leste europeo. Alemaña atravesa unha inédita fase
depresiva, con despedimentos masivos en BMW, Volkswagen, Mercedes e, en xeral,
en case toda a industria siderúrxica. Por detrás, o pesadelo da guerra de
Ucraína, a detonación do Nord Stream II, o encarecemento enerxético e, como
non, a submisión ao mundo unipolar que deixa de alumear o universo.
Ese contexto de dura e, até o
momento, xorda confrontación, tivo como precedente algo ben indicativo de que a
máquina non carburaba ben. A crise das stock
options en 2008 puxo ese mundo unipolar fronte ao espello. Aventuras
bélicas do pasado lanzaron o poder financeiro e o goberno dos EE.UU. a unha
desregulación que meteu de cheo a capacidade financeira en negocios
hipotecarios de alto risco. Como resultado, Lehman Brothers presentou a
declaración de quebra máis onerosa da historia. A caída do resto das empresas
de servizos financeiros foi como a das pezas dun dominó, chegando a onda a
Europa. Como din os teóricos do marxismo, a enorme redución da taxa de
beneficios fixo preciso asumir máis riscos e o sistema afundiu nunha máis das
súas periódicas crises. A bautizada “refundación” do capitalismo foi
simplemente un reseteo sobre a base
dunha maior regulación financeira. Pero houbo algo máis, que agora caracteriza
ese mundo unipolar. Os cónclaves e cenáculos dese que algúns profetas denominan
“capitalismo agónico” acenderon a luz verde e comezaron a florecer as
formacións da ultradereita. E con elas, unha ideoloxía excluínte e intolerante
no cultural e identitario, retrógrada no moral e negacionista en materia
ambiental. As novas formas de reprodución do pensamento practicadas por estes
grupos, xunto co progresivo “apagamento da vela europea”, non fan máis que
agravar as perspectivas políticas.
Como resultado do crecente
empoderamento desa dereita ultramontana, comprobamos a tracción ideolóxica que
exerce sobre a outra dereita light.
Inmigración, aborto ou cambio climático son exemplos claros. E chegamos, pois,
a onde queriamos. A recente incomparecencia da maioría ou de todos os gobernos
autonómicos do PP ao encontro convocado polo Ministerio para a Transición
Ecolóxica para abordar unha estratexia común fronte ao cambio climático e as
derivadas coñecidas, por exemplo, inundacións e incendios. Preguntámonos como é
posíbel que se ausente deste encontro o partido político que goberna nas
autonomías que, tendo competencias exclusivas en materia de emerxencias ou
política forestal, sufriron as peores catástrofes. Será porque esas catástrofes
non lles son alleas ou non deixan de ter relación coas prácticas que nesas
materias aplicaron durante os últimos anos ou décadas? Non parece posíbel xa un
mínimo entendemento entre o partido sistémico da dereita e a chamada
socialdemocracia institucional. Feijóo, Ayuso e compañía marcan distancias e
condenan ao seu ostracismo calquera
avance na materia. O pitbull písalles
os calcaños e a súa dentada pode deixalos espidos.
En Galicia, onde parecemos ser de
extremos, bótase man dun refrán cando na casa, na comida familiar, alguén non
quere caldo. Se noutros lugares se ofrecen dúas ou tres cuncas, no noroeste
somos xenerosos e obrigamos ao consumo de sete. Pois nisto o mesmo. As
competencias en materia de estratexia fronte ao cambio climático poden ser
exercidas, coa lei na man, polo citado ministerio. E as leis ou decretos
derivados serían de obrigado cumprimento autonómico. Vese na crise deste verán
como os grandes lumes se propagan imparábeis atravesando as liñas que separan
autonomías. Algunhas bacías hidrográficas do levante ibérico tamén superan os
límites dunha soa autonomía. Outras, como a do Douro ou a do Miño, as de España
e Portugal. Pois empecemos polas infraestruturas de competencia estatal e prosigamos
polas bacías hidrográficas compartidas ou internacionais. Ata que a forza dos
feitos venza a súa obstinación. Restricións silvícolas en faixas de protección
arredor de infraestruturas lineais de comunicación, enerxéticas, encoros e bacías
que as alimentan. Impulso e promoción de iniciativas alternativas de
aproveitamento, que contribúan á redución do combustíbel existente e que estean
en liña co manexo tradicional e coa diversificación produtiva do territorio.
Por fortuna ou por desgraza, resta
aínda moito por arder no oeste, noroeste e norte ibérico. Unha política
forestal enfocada en priorizar o rendemento económico e en impulsar esa
ocorrencia da dereita ultraliberal da “cadea monte-industria” supuxo a creación
dunha enorme masa de combustíbel a carón de milleiros de aldeas e pequenos lugares.
Sen discontinuidades, sen arborado autóctono nin poboación que deteña o lume,
sen outra función que a produción silvícola intensiva de especies altamente
combustíbeis, centos de hectáreas de monte agardan o misto ou o raio. A
devastación da que fomos testemuñas visitaranos con frecuencia. Farao de
maneira súbita, coincidindo con ondas de calor extremo. Non vale meter a cabeza
no burato e deixar que se che queime o cu. Iso pode practica-lo o señor Feijóo.
Pero un goberno que se declara progresista debe demostrar, tamén neste enorme e
grave problema, que dá pasos decididos e que, con responsabilidade, avanza para
desmontar o disparate construído polo franquismo, asentado na transición e
reforzado en democracia pola aplicación duns principios excluíntes e obsoletos
de procura de rendemento económico rápido, responsábeis da simplificación da
economía rural, do éxodo demográfico e do abandono físico. Construír
resiliencia é diversificar.
Hai a quen, pasados estes apenas
70 dias, lle invade o pesimismo e a derrota. É o momento de lembrar a dor, a
gasolina desta viaxe como dicíamos nunha entrada deste blog, tan necesaria para recuperar a determinación. Cos pes na terra,
sen renuncia posíbel. Voltamos a Idir, o cantor amazigh da Kabilia.

Comentarios
Publicar un comentario