Abrazar a dor e atacar

 

Abrazar a dor e atacar

         Debemos abrazar a dor e queima-la como gasolina para a nosa viaxe (Kenji Miyazawa)

 

En xullo de 2022 vimos arder as montañas do Courel. Apenas uns días máis tarde o lume devoraba as do Macizo Central. En ambos casos, unha tormenta de raios, 4.000 caídos na noite do 15 de xullo, fora a causa dos lumes. 2011, 2006, 2005, 1995 ou 1989 foran anos fatídicos para as nosas montañas. Pero nada como o acontecido neste verán de 2025.

É por iso que un grupo de profisionais, axentes ambientais, biólogos, conservacionistas, naturalistas.., nos reunimos para conversar sobre as posibilidades de contribuír para mudar as cousas. Para transformar a actual vergoña e impotencia. Para sinalar. Para contrastar, ponderar e acusar. Para construír unha alternativa que vaia abríndose paso entre o actual abandono, desinterese e perversión institucional e política.

Comezamos esta andaina cun texto que procuraba verter con crueza o pensamento potencial dun dos numerosos incendiarios que actúan nunha das zonas montañosas galegas onde historicamente o lume ten modelado a paisaxe: a Serra de Queixa. Non pretendiamos presentar unha outra perspectiva, descoñecida, do pobre paisano que se enfronta só a un destino de abandono. Queríamos transmitir a persistencia desa forma de pensar, a súa vitalidade e a súa configuración como verdadeira ameaza futura non só para a montaña, para os seus moradores animais e para as súas paisaxes. Tamén, para o propio ser humano que as habita.

Pero esa vertente, a do incendiario, é só unha face da poliédrica construción que precisamos dimensionar e calibrar para poder aspirar á súa demolición. Existen outras responsabilidades e complicidades. Unha delas é a política e institucional. Comprobar como determinados enfoques das políticas de defensa do monte contribúen a perpetuar modelos inoperantes e incapaces. Confirmar que non existe a máis mínima determinación institucional en enfrontar as urxencias do cambio climático e, en consecuencia, alterar a liña de avance da política forestal e de medio rural, e de todas aquelas outras políticas transversais que deberían ser actualizadas e integradas nunha visión estereoscópica. Confrontar con esas inercias instaladas de forma premeditada e interesada resulta ser un exercicio ineludíbel. Vainos o futuro. E tamén a saúde..


Gustaríanos transmitir tamén a enerxía e determinación coa que iniciamos esta viaxe. Algo que con palabras sempre pode resultar un pobre retrato da sensación real. Pero para iso está a música. Aquela música do Motörhead I am the sword é demasiado escura, aínda que expresiva desa inevitabilidade que queremos que sintan.


Complementamos, pois, con unha outra canción que mostra, como poucas, a ánsia de supervivencia e persistencia cultural. Idir, o alto representante da Kabilia e do pobo amazigh, e a súa Avava Inouva, era, tamén, inevitábel. Hoxe, esa loita está exemplarmente encarnada polo pobo palestino.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

Sainete do lume na montaña de Ourense