O PP en Mordor
“Pois claro que podería tirar da
manta, e gustaríame tirar ben dela e deixar co cu ao aire a ese picapleitos e a
esa ralea toda de beatos”. Isto non o dixo nin o dirá nunca Marcial Dorado.
“Aproveitar eses espazos escuros das regandixas fiscais, as ambigüedades da
economía e as leis, para iso quería eu a ese ...”. Isto tampouco o dixo nin o
dirá Marcial Dorado. “Nós todos tiñamos boas relacións co PP, feixes de cartos
marchaban para eses lambóns e todo quedaba amañado. Así veu o vello a Portugal
falar co Chiringuito”. Isto, por suposto, tampouco o dirá nunca Marcial Dorado.
Tras a chegada de Fraga á Xunta,
o regueiro de borralla dos lumes de 1989 tardou anos en desaparecer. Os camións
tiveron traballo arreo até ben entrado 1992. Centos e miles de toneladas de
madeira queimada foron para Portugal. E boa parte desa madeira cruzou novamente
o Miño en camións portugueses. Hai xente en Lourizán que aínda lembra o
tránsito deses camións por aquela coñecida avenida que conducía á factoría de
Celulosas de Pontevedra. E, paralelamente, avanzaba primeiro a instrución e
despois o xuízo aquel da Nécora.
Con ese pano de fondo, o PP e a
Xunta elaboraron, tramitaron e aprobaron a casca baleira do Plan Forestal.
Aproveitar os cartos do abandono de terras agrarias e acometer a transformación
definitiva da paisaxe forestal galega. E se caía unha celulosa máis, mellor, e
se non caía, pois aproveitar o vento nas velas para activar a propriedade e
impulsar a eucaliptización. No camiño, os cadáveres de centos de aserradoiros
de piñeiro. E outras ducias de miles de hectáreas consumidas polo lume da
década dos 90. Aqueles nomes gloriosos de “galegos bos e xenerosos”, que tan
ben serviron á causa: Tomás Pérez Vidal, José Manuel Romay Beccaría, o famoso
autor daquel ilustre tratado iconográfico da festa do lume en Galicia, ou Juan
Fernández García, infausto Conselleiro de Industria ao que os empresarios dos
aserradoiros acusaron de apoiar a instalación de dúas celulosas, sen existir
planificación e ordenación forestais que garantisen a pervivencia da produción
de coníferas, como así foi..
Botar unha ollada ao pasado serve
para explicar os acontecimentos presentes. Xa a maldade aniñaba naqueles tempos
nos palacios escuros do poder. Hoxe, cando todo o mundo recebe chamadas
telefónicas de empresas acosadoras - telemarketing
denomínase -, non está de máis reflexionar sobre que foi primeiro, se o ovo ou
a galiña.. Hai anos que un técnico en Informática me contou que os mellores hackers eran fichados por empresas
fabricantes de paquetes anti-virus. E que esas mesmas empresas estaban detrás
de boa parte dos virus que circulan polo espazo cibernético. O citado telemarketing abreu un suculento
corredor de intervención de bots para
inundar de chamadas piratas as ondas satelitais e, así, naceron as empresas de
servizos de busca de números de teléfono. Para que lembrar o tráfico de armas,
o negocio da guerra ou esa inmensa opacidade bancaria que protexe os cartos do
narcotráfico e o blanqueo de capitais? E que dicir desas activas fábricas de
desinformación que operan como xornais dixitais, blogs, canais de YouTube e contas de Facebook?
Só hai que ver hoxe como se menea
o ex-amigo de Marcial para imaxinarse as cimas de miseria ás que pode ascender esta
xente. Incluída, como non, a nosa querida Conselleira Mentireira. Ven isto a
conto, porque, nestes momentos en que todo aparenta calmado, é precisamente
cando se tecen as redes da maldade. E, ante a tamén aparente recuperación dese
mito político chamado Pedro Sánchez, ao que a socialdemocracia mundial toda veu
louvar, prepáranse novos chanzos nesa ascensión miserenta da dereita e a
ultradereita. Tempo ao tempo.

Comentarios
Publicar un comentario