Política forestal: a base do triángulo do lume. Parte III: quen é quen na xestión do monte

 

“Como bem sabedes, adiquei grande parte da minha vida a tratar de compreender a loucura dos loucos. Pêro poucos sabem que o que sempre foi para mim mais difícil de entender é a cordura dos cordos. A cordura da obediência, da disciplina, da ordem, da auto-opressom, da assimilaçom á civilizaçom colonizadora e alienante. Esse é o problema que levo á sepultura sem resolver, pero que vos animo a continuar estudando. Quando saibamos porquê obedecemos e tememos á autoridade que nos oprime e porquê despreçamos aos irmaos que nos falam de liberdades; quando saibamos porquê os oprimidos odiamo-nos entre nós; quando saibamos porquê renegamos da nossa identidade como Povo e porquê nos alienamos na falsa identidade dos imperios que nos oprimem. Quando saibamos alomenos isto ninguém poderá já nunca jamais oprimirnos, explorar-nos nen colonizar-nos.”

Ramom Muncharaz. Ames, 2008

 

Pouco antes de morrer, o psiquiatra e militante independentista galego Ramom Muntxaraz deixou un escrito dirixido á familia e camaradas. Unha das cousas que aprendemos do amigo e camarada Moncho foi que no combate da alienación, é fundamental interpretar observando os contextos, co obxectivo posto na urxencia de activar resistencia tras esa observación. Así é que, con enorme pesar, especialmente para as probóscides que manexan impunemente a grande trapallada forestal deste país, vamos seguir contextualizando.

Hai tres entregas abordamos o contexto político-económico no que se desenvolve unha parte da acción de goberno tan importante en Galiza como a política forestal ou do monte. E na penúltima entrada centrámonos nos antecedentes que poden explicar o presente e o previsíbel futuro nunha economía desequilibrada e extrovertida como a nosa. E ao pouco tempo saltou a lebre na Consellería de Medio Rural e saíron “expulsados” da Casa de Gran Hermano Rueda os dous directores xerais que asinan e asumen a política forestal do PP. Toca agora, para complementarmos o anterior, reparar en quen move realmente os fíos desa política, como se estrutura e como opera o mando desa tolemia chamada “monte-industria” e como e porqué podemos esperar ben pouco dese funcionariado da “obediencia debida”.

Comezaremos por describir os elementos que protagonizan a película “Monte-Industria” de abaixo a arriba, seguindo a estratificación vertical proposta pola banda clasista que elaborou o seu guión. E despois explicaremos o funcionamento de todo o aparello.

Xunta de accionistas de Ence de 2019. Na mesa, sentados, segundo pola dereita Carlos del Álamo e quinta, Isabel Tocino, ex-conselleiro e ex-ministra de Medio Ambiente.

A Propriedade

Sendo pedra angular deste edificio, conta menos que tella de beiril. Haina pública e privada e, dentro desta última, individual e colectiva. En xeral, a propriedade individual caracterízase pola reducida superficie media que posúe cada persoa proprietaria (en Galiza existen máis de 670.000 e estímase en 1.64 has a propriedade media, dividida nunhas 10 parcelas). A propriedade individual societaria xa é outra cousa, e aquí encontramos sociedades que posúen centos ou miles de hectáreas, das que falaremos máis adiante. E tamén está a propriedade colectiva, sendo a veciñal a máis importante na nosa terra.

                Comunidades de Montes Veciñais e as súas asociacións

As comunidades de montes veciñais, figura ou reliquia histórica cuxa orixe quizás se remonte á época na que os moradores dos castros ceibaban bestas e vacas no monte, son na actualidade un triste reflexo do devalo rural. Nun número superior a 3.300 e ocupando máis de 660.000 hectáreas, unha boa parte dos montes veciñais carecen xa de veciños que dirixan o seu aproveitamento comunitario. E onde aínda resta pulsión vital, esta encóntrase case maioritariamente aliñada e ao servizo do aparello gobernado pola Banda das Carrachas e o Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG. Unhas poucas comunidades que non comulgan coa pedagoxía enriquecedora do bandullo a través da submisión e o sometemento agrúpanse na Organización Galega de Comunidades de Montes, a ORGACCMM.

Se sospeitades que as comunidades de montes poden ser incómodas para a Banda das Carrachas, estades no certo. Basta lembrar o bloqueo sistemático e os atrancos que a Xunta do PP lles pon a aquelas comunidades de veciños que aspiran a que os seus montes sexan por fin declarados como veciñais en man común (si!, aínda a día de hoxe hai veciños que batallan con este obxectivo). E ante esa determinación, as carrachas derivan os procesos á xustiza ordinaria, de procedementos máis caros e incertos, co obxectivo de facer desistir á veciñanza. Houbo algún caso de comunidades de montes obrigadas a esa peregrinaxe polos tribunais de xustiza ordinaria que acabou gañando os pleitos no Tribunal Supremo, non sen antes desembolsar até 60.000 euros. O cal demostra que os xurados de montes son órganos da administración que non se apartan un milímetro do obxectivo de manter todo atado e ben atado, especialmente cando aparece alguén que quere fuxir do status quo, dese guión de sometemento e submisión, para recuperar a soberanía e capacidade de decisión no seu monte.

                              ORGACCMM

A Organización Galega de Comunidades de Montes é a “gran bicha” para o sistema operativo forestalista depredador. E o seu histórico dirixente Xosé Pereira, Pepe de Sabarís, a encarnación do demo con cornos e rabo. Se existe esa agrupación de comunidades de montes de veciños e se ten esa significación no escáner de obstáculos do sistema operativo imperante, certamente é pola determinación desa persoa e doutras que como el conciben unha realidade diferente á que pretenden impór pola vía dos feitos consumados os pións, mandos intermedios e altos executivos que moven a roda. A ORGACCMM trata de apoiar ás comunidades que fuxen desa moa de moer e tentan aplicar outra forma de gobernar e aproveitar os montes. Coa que cae, xa é bastante.  

               Asociacións locais de propietarios de montes

Entre as numerosas organizacións que agrupaban á propriedade forestal individual destacou unha que tiña a súa forza motora no norte do país. Foi a Federación de Produtores de Madeira de Galicia PROMAGAL, que chegou a xuntar 21 asociacións, máis de 4.000 produtores individuais, a maioría deles de Ortegal, Eume, Ferrol e A Mariña, e a vender até 400.000 toneladas de madeira nun ano, principalmente eucalipto, por suposto. Disolveuse en abril de 2024 tras quince  anos de traxectoria. Pode ser interesante reproducir aquí parcialmente unha entrevista a Ramón Reimunde, último presidente de Promagal, publicada en agosto de 2024 en Campo Galego, tras a disolución da organización.

“Como en calquera movemento asociativo sempre hai un estímulo, e ese estímulo tende a ser unha inxustiza. Aquí, neste caso, é que naquel tempo, por 2005, o prezo estaba tirado. Entón empezamos poñer cartaces por todas partes con mensaxes como ‘non vendas madeira que te están a roubar, asóciate’. O grande impulso foi o prezo baixísimo da madeira e ver que os proprietarios estabamos en mans dos compradores de madeira. Ante ese impulso, unímonos e efectivamente ao principio conseguimos o que se buscaba, que era subir os prezos, asegurar que tivésemos unha boa planta con boa xenética e un pouco máis barata, e incluso nalgún sitio conseguiron bos prezos para abonos, traballos conxuntos en pistas e cortalumes, etc. É dicir, ao principio todo iso deu resultado. Pódese dicir que estivemos unidos só por unha cuestión económica de venda de madeira. A min paréceme que había muitas máis cousas que traballar aquí. Había que pensar na biodiversidade, en qué especies plantábamos e como, no aproveitamento e xestión conxunta, que está sen explorar, etc. Eu era unha das cousas nas que insistía e dicía que o monte non só son os cartos, non só é producir madeira, pero como nos chamabamos ‘asociacións de produtores de madeira’, a maioría só quería abordar iso. Polo tanto, os que veñan teñen que abranguer un campo muito máis amplo e muito máis científico, e muito mellor preparado do que nosoutros estabamos, porque nosoutros eramos silvicultores normais e correntes.”

Aí queda iso. “Divide et impera...”

Asociación Forestal de Galicia

Agrupa propriedade individual e colectiva. Vístase como se vista e encabezada por quen a encabece, esta asociación acepta o deseño completo deste aparello forestalista, acubillando notábeis especuladores que van de silvicultores profisionais e outros muitos, a grande maioría, que aspiran a se-lo algún día. En épocas non tan recuadas colaborou activamente co deseño desa casca baleira chamada Plan Forestal, que serviu para achegar cartos e lanzar a primeira operación eucaliptizadora a conta do abandono de terras agrarias. Sempiternos enxeñeiros colocados a perpetuidade no poleiro do sistema, como Francisco Dans, saben ben do que falamos.

Colectivo de especuladores

O perfil habitual é o dun home nacido nunha aldea en proceso de abandono que medra física e economicamente en paralelo e en proporción inversa ao encollemento que experimenta a contorna onde naceu. A maior parte deste colectivo vai por libre e non se relaciona entre si, especialmente aqueles máis audaces. Ao igual que as empresas de viveiros forestais e madeiristas, foron peza principal na propagación da inoculación da eucaliptose, a síndrome mental sobre a que descansa a eucaliptización. Viron as bondades económicas da obsesión eucalipteira a partir do seu tesouriño inicial dunha peza de 9 ou 10 ferrados e entregáronse desde aquela en corpo e alma ao ciclo corta-aforro-compra-plantío-corta, até acumular máis de 15, 20 ou 30 hectáreas, converténdose nun referente social para outras persoas que acreditan como el no parasitismo social e a necrofaxia.

Un dos máis coñecidos é Aladino Barros, que aproveita a súa musical condición para, como aquel flautista de Hamelín, largar melodías sedutoras mentres absorbe as letras de pequenos e non tan pequenos predios de monte no Catastro, en muitas ocasións para que Navigator ou Ence planten eucaliptos. Dirixe a súa empresa Piccolo Rancho S.A., integrada ou estreitamente relacionada co Grupo ALBA, e concentra miles de hectáreas en Galiza, Asturias, León ou Cantabria. Pero hai muitos máis roedores do rexistro catastral, anónimos a maioría, que non cesan na acumulación e viven por e para a eucaliptización. 


Madeiristas intermediarias

Con muito arraigo en comarcas dominadas por plantíos de eucaliptos ou coníferas, estas empresas desenvolven boa parte do seu traballo negociando directamente coa propriedade ou traballando para a industria que mantén contratos ou convenios coa propriedade. Así, quen posúe un monte a eucaliptos ou piñeiros, chama preguntando polo prezo que lle ofrecen pola madeira. Unha vez elixida a empresa, esta corta, tora, carga e transporta a comprador. Por iso se fala de intermediarios. Nos montes a eucaliptos, o comprador final costuma ser Ence, mais tamén pode ser Navigator. Estas dúas multinacionais contratan empresas forestais para os traballos pertinentes nos montes que teñen en propriedade ou conveniados con comunidades de veciños. Nos últimos tempos, unha parte non desprezábel destes intermediarios, aproveitando o abandono rural e o envellecemento da poboación, téñense convertido en proprietarios. Unha porción crecente da superficie na que traballan é tamén própria, o cal incrementa as marxes de beneficio da súa actividade. Importantes “próceres palilleiros” andan á procura de eucaliptos e piñeiros para cortar e transportar e perseguen tamén terras en áreas deprimidas para facerse con elas a módico prezo. No Rexistro de Empresas do Sector Forestal (RESFOR) figuran 709 empresas dedicadas á explotación da madeira. Aquí van algunhas:

Maderas Argimiro. Empresa de longa traxectoria familiar nacida no concello de Ourol, é unha das que máis madeira de eucalipto corta na Mariña para subministro de Ence-Navia. 

           Madeiras Blangon. Coñecida empresa que, radicada no concello de Nogueira de Ramuín, operou até hai poucos anos en toda a zona oeste da provincia de Ourense, introducíndose tamén na zona de Deza, onde sería denunciada por cortar e levar madeira sen autorización nin permiso da propriedade.

Maderas Patricio. Outra destacada empresa da madeira da zona da Mariña (tamén é de Ourol), con setenta anos de traxectoria. Anuncian que practican a “explotación e xestión forestal” e a “compra/venda, corta e transporte de madeira”. Case un 80% do volume total de madeira que cortan anualmente é de eucalipto, con destino principal a Ence-Navia. O seu radio de acción arredor de Ourol-Viveiro é desde Ortigueira a Foz, e até Xermade polo sur.

          Díaz Ramos Maderas. “Compra-venda de madeira ao por maior”. Tamén é unha empresa veterana, fundada en 1974 en Burela. Ao igual que outras empresas da zona da Mariña, céntrase en eucaliptos e piñeiros en toda a faixa norte de Lugo e Asturias.

            Maderas Villapol. Fundada en Trabada e tamén de longa traxectoria familiar, absorbe boa parte da produción de eucalipto do leste da Mariña e da comarca de Meira. Trátase dun curioso exemplo de despregamento industrial e de transformación a partir dunha actividade extractiva, pois ademais de cortar e vender, tamén mantén notábel actividade de serra e comercialización de madeiras tropicais, fabricación de perfís laminados de eucalipto para a elaboración de xanelas, taboleiros de listóns ou viguetas.

Entre as organizacións ou asociacións de empresas de explotación forestal destacan Fearmaga e Lugo Madeira. Esta última é a organización provincial que agrupa máis empresas do sector forestal no país. A súa presidenta é Ángeles Vila, de Madeiras Patricio. Pola súa parte, a Fearmaga concentra a maioría de empresas rematantes e serradoiros do resto das provincias. Hai case unha década, os empresarios da madeira de Lugo romperon a unidade asociativa con Fearmaga e crearon a súa propia asociación (o que hoxe é Lugo Madera). Con todo, non existe xa hostilidade ou conflitos abertos entre FEARMAGA e Lugo Madera e, de feito, as dúas organizacións colaboran en espazos sectoriais maiores e forman parte do mesmo ecosistema.

Estas empresas todas encontran non poucas facilidades administrativas para executar a súa función: subministrar materia prima para as celulosas e para a Finsa. Poden arrasar con mámoas, poden deixar feitos un cisco camiños e pistas ou poden provocar o arrastre de toneladas de terra e pedra cara ríos próximos á corta que nin a Conselleira Ninfuninfá nin a Conselleira Mentireira van mover un dedo para obriga-las a reparar os danos ou para sanciona-las. A non ser que un concello díscolo esixa a reposición das cousas ao seu estado orixinal.

A industria

            Ence. Fundada en 1957 como Empresa Nacional de Celulosas, uns anos despois da privatización completa de 2001 mudou a denominación a Energía y Celulosa. Actualmente mantén dúas plantas, en Navia e Lourizán, onde procesa conxuntamente uns tres millóns de  metros cúbicos/ano de madeira de eucalipto, maiormente de globulus e na súa inmensa maioría tamén, de procedencia galega. Chegou ter importantes investimentos de extracción para subministro propio e para transformación celulósica no Uruguai. En 2023 a súa filial forestal Norfor, que operaba máis de 8.000 hectáreas en propriedade ou conveniadas, pasou a denominarse Ence Terra, disque por motivos de “reorganización corporativa”. Na actualidade atravesa dificultades importantes debido á baixada sostida de prezos que experimenta o tipo de celulosa que comercializa no mercado mundial, a pesar da diversificación produtiva cara outros produtos da celulosa.

               Finsa. Fundada en 1946 por Manuel García Cambón, nacido en Logrosa (Negreira), a partir dun primeiro serradoiro sito en Burgueiros (Trasmonte, Ames). A grande competidora de Ence polo espazo-monte. En tempos poderosa e beneficiaria dos varios centos de miles de hectáreas que ocupaba o Pinus pinaster no país, hoxe capea como pode as embestidas das celulosas e a viraxe traidora de antigos valedores institucionais. Mais segue a ser un elemento de primeiro orde no xogo de equilibrios da política forestal galega.

Greenalia. Como costuma dicirse, “o ovo da serpe”. Nacida probabelmente dun sospeitoso proceso de acumulación e traslado de capital co placet da Xunta, veu a ocupar o espazo ou nicho económico da produción enerxética a base de biomasa forestal. E a partir dese negocio subvencionado, xogando as bazas das portas xiratorias e aplicando os ditados da axenda política cociñada nos tempos nos que Ence pendía dun fío, Greenalia entrou tamén no pastel eólico e hoxe é peza fundamental do proxecto GAMA coa Altri.

The Navigator Company. Multinacional que nace como resultado da fusión de Portucel e Soporcel en 2001. Sen actividade industrial no país, desde que se aprobou en 2017 a moratoria portuguesa ao eucalipto tense convertido nun dos actores importantes no mercado da madeira, pois na actualidade conta con máis de 1.100 hectáreas en propriedade ou conveniadas con comunidades de montes veciñais. O seu papel estímase que será cada vez máis determinante mentres non muden as circunstancias en Portugal.

Altri. Se Greenalia era “o ovo da serpe”, a Altri é o “cavalo de Troia” para a Banda das Carrachas. O proxecto GAMA para levantar unha grande fábrica de celulosa solúbel e celulosa convencional de eucalipto na Ulloa saíu dos cenáculos pepeiros cando Ence atravesaba o seu particular vía crucis de incerteza e unha máis que posíbel perda de influencia industrial esixía un plan B, para neutralizar a caída en picado da demanda de madeira nas circunstancias máis desfavorábeis da saída de Ence de Lourizán. Embarcadas nun plan disparatado de apoio e complicidade, as carrachas pepeiras non saben xa como saír da calexa onde se meteron coa Altri.

Para calibrar as dimensións da industria, vexamos as cifras indicadoras da súa economía:

 

EMPRESA

2024

Volume Negocio

EBITDA

Beneficio

Débeda

Navigator

2.088 M

546,8 M

287 M

617 M

Finsa

1.208 M

197,6 M

126,7 M

 

Ence

876,2 M

165 M

32 M

321 M

Altri

855,3 M

218,3 M

107,2 M

214 M

Greenalia

51,5 M

25,5 M

-0.7 M

530.9 M

TOTAL

5.079

1.153,2

552,2

1.682,9

 

O orzamento da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza para o 2024 foi de 695 millóns de euros. O volume de negocio conxunto das principais empresas forestais que operan no país superou os 5000 millóns. É importante ter isto presente para nos decatar de quen marca o paso neste baile. 

A Orquestra Os Satélites

Aquí encontramos unha pléiade de corpúsculos, nebulosas e masas planctónicas en sincronía dando voltas arredor dos anteriores elementos de primeiro orde. Son como coristas que dan os graves e os agudos cando a dirección llo indica. Sen voz própria, actúan sempre segundo pactos tácitos e o único ao que aspiran é a preguntar “que hai de lo mio...”.

-        Viveiros de produción de planta

Con independencia dos viveiros próprios de Ence ou das empresas portuguesas, á calor da crecente demanda de planta de Eucalyptus globulus para grandes predios e montes veciñais, naceron na década dos anos noventa e posteriores numerosos viveiros especializados na produción de planta certificada, muitos deles a gran nivel tecnolóxico. Nos últimos anos lanzáronse tamén á produción de nitens para dar cumprimento á demanda desta especie en zonas de maior altitude. Un dos viveiros de maior capacidade é Mañente, con sede en Foz. O despregamento comercial desta empresa é mui aparente e aproveita tanto os nichos do abandono da produción láctea como a penetración e avance dos comerciais das multinacionais da celulosa que procuran o seu proceso expansivo asinando novos contratos.

-        Profisionais, empresas de xestión, mundo académico e entidades de certificación

Este colectivo pinta cada vez menos e aínda que na Universidade de Vigo existe unha pomposa  Cátedra Ence que en realidade é simplemente un convenio anual polo que se activa un intercambio de favores académicos a cambio dun feixe de cartos, a multinacional sabe que dese mundo non vai vir ningunha ameaza e, por tanto, minimiza investimentos. No relativo ás empresas técnicas, de xestión e ordenación de montes, seguen a inercia imperante e teñen un nicho de traballo ben reducido. Ambos mundos, o académico e de investigación e o técnico e de xestión, deberían abrir o foco e explorar outras posibilidades para os nosos montes. Ben seguro haberían de agrandar os respectivos nichos laborais. Pero claro, quen se mova demasiado non sae na foto..

  -        As institucións

Fundamentalmente, a Xunta de Galicia. É o colectivo chimpancé, que cumpre co que se lle ordena de forma autómata, asumindo a obediencia debida. Todo o mundo devece pola súa rebelión, sen nos decatar que formamos parte do máis amplo colectivo gorila, igual de obediente. Habilmente desactivado polo Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG, e polas prebendas da industria, podería en calquera momento activar o AK-47 para disparar a matar, como naquel vídeo de YouTube que fora tan viral e que paga a pena desfrutar unha vez máis:


Os arietes forestalistas que fan cumprir coa cadea de mando son:

                O Presidente da Xunta

Cabeza visíbel do goberno e máximo responsábel de perpetuar, modificar ou variar radicalmente de rumbo unha determinada política cando se comproba que esta é contraproducente para o país, salvo que existan razóns de forza maior, habitualmente “contantes y sonantes”. Proporciona cohesión e activa o modo “obediencia debida” a quen ten por abaixo. Agora mesmo, a Conselleira Ninfuninfá María José Gómez (unha alieníxena con capacitación e coñecementos descoñecidos na materia que goberna) e as direccións xerais subalternas:

               Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Na actualidade, é o organismo público autonómico responsábel de materializar a blindaxe do statu quo na política forestal. Até hai uns días encabezada por un pión serio e exemplar niso da obediencia debida, como José Luís Chan, ocúpase de cuestións estritamente técnicas, como a estatística forestal, o seguimento de convenios, a xestión directa de montes veciñais no seu caso, a supervisión e aprobación diso que denominan “ordenación de montes” (concepto que merecerá por si só unha entrada deste IncenDiario) e todo o relativo á execución de traballos silvícolas nos montes xestionados pola Xunta. Para decatarnos do nivel de servilismo que profesaba este José Luís Chan, basta coñecer o número de denuncias practicadas polo Servizo da Propriedade Forestal por infraccións relacionadas con plantíos ilegais de eucaliptos ou por corta ilegal de carballeiras. 

               Dirección Xeral de Defensa do Monte

Esta outra dirección xeral é a actual responsábel, por exemplo, da política de defensa contra incendios. Sabendo este dato, xa nos imaxinamos o nivel de pancismo que profesan os seus altos cargos, aceptando, adoptando e executando as máis variadas decisións contractuais que impulse en materia de prevención de incendios o Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG. Por exemplo, alimentar ao Colectivo Arneirón (caciquiños locais provistos de maquinaria para abrir devasas, camiños e rozas) ou engordar os contratos de servizos de defensa aérea de grandes empresas de combate, contratos que deixan “flecos” suculentos de complicado rastreo.  

               Axencia Galega da Industria Forestal

Criada en 2017 cando Francisco Conde era Conselleiro de Economía, Emprego e Industria no goberno de Núñez Feijoo. Este da Axencia Galega da Industria Forestal é un caso curioso que revela a desvergoña coa que actúa o Club do Tangaraño PARA DEFENDER OS INTERESES DO MONOPOLIO DA INDUSTRIA DE DESINTEGRACIÓN DA MADEIRA. Lemos na propria web da axencia:

A Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) é unha axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia economía e industria pero con personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión nos termos que precisan as leis.

A Axencia Galega da Industria Forestal ten como finalidade actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada á industria forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación e tecnolóxicos vinculados á industria forestal.

En particular, a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) perseguirá, entre outros, os seguintes obxectivos:

-         - Mellorar a competitividade e a innovación das empresas do sector forestal desde a primeira fase de transformación do recurso, e con     especial incidencia na segunda e seguintes fases.

-        - Incentivar o deseño de produtos derivados do sector forestal na procura de solucións estruturais verdes que contribúan co ambiente.

-        - Impulsar a creación de emprego de calidade no medio rural.

-        - Incentivar a mellora da formación e a cualificación do persoal empregado no sector forestal.

Palabrería oca que soa mui ben e que se ten concretado na habilitación dun mecanismo de subsidio ás empresas extractoras que largou varios millóns de euros de subvencións, consolidando un sector desde a base para garantir o subministro das grandes empresas que dirixen o chiringuito, sen someter a ningún control ambiental a repercusión dese crecemento de capacidade de intervención.

O Comité de Enlace

Chamamos así a dous pseudópodos que permean e atenden coidadosamente as demandas “do sector”, é dicir, do aparello duplo constituído por industria de desintegración/empresas extractivas da madeira. Son, por un lado, o Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, de natureza empresarial, pois agrupa diferentes empresas do sector; e un pequeno grupo de ex-políticos situados nos consellos de administración de grandes empresas como Ence ou Greenalia, que ocuparan no pasado importantes cargos de goberno e inflúen agora sobre os departamentos con competencias. Estas dúas patas de apoio exercen como corpo político-empresarial gardián de que a bola siga a rodar polo carreiro por onde debe rodar e elaboran ou transmiten informes e propostas técnicas de como seguir dando voltas sobre o mesmo punto de apoio, que xa sabemos cal é. 

O funcionamento do mercado

Iso que chaman “mercado da madeira de Galicia” é un simples construto resultado de 90 anos de erosión, corrosión e destrución do sistema rural autóctono. Carece de carta de natureza endóxena e é o produto dunha renuncia expresa de quen, tendo os mandos da nave, llos entrega a multinacionais que operan destruíndo o tecido produtivo existente para perpetuar un sistema espoliador que expulsa poboación e faculta ao Colectivo Arneirón e á Banda das Carrachas para seguir chuchando dos tetos da vaca per secula seculorum. Esta é a crúa realidade. Pero vamos describir brevemente os trazos do seu funcionamento.

Cada ano córtase e ponse á venda un volume aproximado de 10 millóns de metros cúbicos de madeira (media 2015-2025: 9.606.316). A evolución deste indicador no período 2015-2025 é o que se recolle neste gráfico (fonte: indicadores-forestal.xunta.gal; estima relativa a “formacións específicas”), no que se percibe a dinámica crecente que imprime o mercado, traccionado principalmente polo sector da celulosa: 

Ano

Volume m3

Ano

Volume m3

2015

7.698.375

2021

10.022.184

2016

8.619.127

2022

11.025.549

2017

9.624.609

2023

9.799.572

2018

10.093.060

2024

9.425.798

2019

9.671.024

2025

10.683.269

2020

9.006.913

 

 

 


Podemos desagregar o volume total de cortas e ver a súa distribución por especies principais. Así, a evolución nese mesmo período do volume correspondente a cortas de eucalipto e piñeiros recóllese nas seguintes táboas:

 

Ano

E. globulus

E. nitens

Outros s.e.

Total

2015

 

 

 

4.040.600

2016

 

 

 

4.730.120

2017

3.398.563

1.040.837

636.351

5.075.751

2018

 

 

 

5.921.442

2019

 

 

 

5.621.413

2020

 

 

 

5.212.210

2021

 

 

 

5.591.473

2022

 

 

 

6.230.529

2023

 

 

 

5.658.771

2024

 

 

 

5.180.810

2025

 

 

 

5.615.810

                       Evolución volume anual (m3) de cortas do xénero Eucalyptus

Ano

P.pinaster

P.radiata

P.sylvestris

Outras

Total

2017

1.586.936

1.344.788

89.378

257.659

3.278.761

2018

1.694.241

1.772.070

134.513

255.783

3.856.607

2019

1.809.623

1.704.128

116.710

168.307

3.798.768

2020

1.600.332

1.608.444

113.606

74.775

3.397.157

2021

1.834.172

1.939.680

191.813

62.204

4.027.869

2022

2.178.848

1.982.932

222.317

110.545

4.494.642

2023

1.728.219

1.659.239

359.923

66.929

3.814.310

2024

1.664.960 

1.622.690 

 107.090

 51.720

3.446.460 

2025

2.073.570

1.833.840

203.770

51.880

4.163.060

                       Evolución volume anual (m3) de cortas do xénero Pinus


E retrocedendo até o ano 1996 podemos comprobar como a crecente demanda de madeira de eucalipto se traduce nun maior volume de cortas, obviamente porque se supón que hai máis existencias, reflexo da crecente eucaliptización. O cal tracciona do incremento do volume total anual de cortas:

 


A maioría das grandes empresas de celulosa optaron por asegurar o seu fornecemento impulsando convenios e contratos con comunidades de montes veciñais ou ben arrendando grandes predios (aí está o Sr. Aladino Barros e a súa lámpada máxica..).

Pero debemos entender que esa evolución crecente do volume de cortas e, por tanto, da superficie de eucaliptos cortada, é o resultado dunha das realidades máis perniciosas da industria da celulosa. Trátase dunha industria que ofrece un dos exemplos máis característicos de economía de escala. Isto quere dicir que a medida que aumentan a capacidade de produción, as empresas logran abaratar o custe de produción. De aí o mantra das celulosas e, especialmente, de Ence, que durante décadas se guiou pola máxima de “incrementar produción para abaratar custes”. E claro, nunha situación de evolución crecente da capacidade produtiva, resulta necesario tamén incrementar o consumo de materia prima. Esa é a orixe da voracidade desta industria. A necesidade de abaratar custes aparece sempre que o ciclo de prezos da celulosa no mercado mundial se encontra no nivel baixo, debido fundamentalmente á entrada en funcionamento de novas plantas de fabricación en lugares afastados, que provocan un incremento brusco da oferta e a conseguinte baixada de prezos. 

Esa inestabilidade dos prezos da lugar a outra das necesidades da industria. É fundamental contar cun “marco regulador” favorábel ou, mellor aínda, inexistente. Quere dicir que, cando o dragón precise devorar máis árvores, non encontre obstáculos legais ou administrativos para planta-las. E a expansión do eucalipto pode conseguirse a través de dúas vías. Unha que resulta máis laboriosa, paciente e segura, que é por medio dos convenios e contratos de compra coa propriedade. E a outra, que queremos pensar que forma parte do pasado, a través da indución indirecta da transformación de miles de hectáreas de predios onde os eucaliptos non son dominantes e son os piñeiros os que ocupan máis superficie. A pesar de que as coníferas tamén teñen un carácter marcadamente pirófilo, os eucaliptos e, nomeadamente o Eucalyptus globulus, superan en capacidade de adaptación tras incendio ao Pinus pinaster, por exemplo.

Pero unha sociedade, galega ou portuguesa, non pode soportar indefinidamente un nivel elevado de sinistralidade por incendio cada tres ou cinco anos. Por outro lado, a distribución do eucalipto xa tería alcanzado un nivel óptimo nunha primeira fase de expansión. Do que se trataría en fases posteriores é de mellorar e asegurar o fornecemento estábel de materia prima, para o cal resulta prioritario favorecer os convenios coas comunidades veciñais e grandes propriedades. Iso forma parte dunha estratexia que as celulosas veñen considerando como vital desde hai xa máis de trinta anos. Mais nestas últimas décadas a aposta é maior, dado o fracaso da “entrega” das terras agrarias.

A entrada nas comunidades de montes leva anos sendo un obxectivo por parte do “comisionado xunteiro”. A Lei de Montes Veciñais de 2012 e o aviso da Xunta desde 2018 da progresiva renuncia a renovar os convenios de xestión con aquelas comunidades de montes nas que a ausencia ou o envellecemento da poboación imposibilitaban a xestión directa veciñal, formaría parte dese obxectivo. Vexamos o caso de Navigator, que acusa a falta de materia prima en Portugal desde a aprobación en 2017 da “reforma florestal” e a moratoria do eucalipto. A  evolución da superficie de monte que controla indica claramente a súa aposta por facer da nosa terra unha fonte segura de materia prima a través do arrendamento ou de contratos e xestión directa con propietarios locais:


 

No caso de Ence, a través de filiais como Norfor (agora, Ence Terra), a multinacional procurou desde hai anos a produción directa en masas certificadas, de maneira que na actualidade conta con máis de 10.000 hectáreas en propriedade, consorciadas ou arrendadas en Galiza, ademais de outras miles de hectáreas máis en Asturias, Cantabria ou mesmo Huelva. Ademais, preocúpase especialmente por impulsar a penetración como referente “de negocio” entre a propriedade e colectivo de produtores/as, un proceso que definen como de “capilaridade”.

Quen fai as reglas?

A asociación cultural Mariña Patrimonio leva muitos anos tratando de conseguir que se protexa e respecte o patrimonio arqueolóxico existente nesa comarca do norte do país, onde a silvicultura intensiva de eucalipto domina a paisaxe. As denuncias de plantíos que invaden mámoas, petróglifos, restos de castros e áreas catalogadas e inventariadas como ben de interese cultural son constantes. Recentemente fixo público un informe no que cifra en 216 os elementos patrimoniais afectados a primeiros do ano 2025 por plantíos forestais1,2. Comentamos xa máis arriba que a propria Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantén un rexistro das denuncias efectuadas polo servizo de axentes ambientais relativas a plantíos ilegais de eucaliptos. Entón, como é posíbel que se poida dar tal circunstancia?               

Unha das explicacións é o descontrol das plantacións e a desmobilización dos axentes ambientais máis concienciados, defraudados e frustrados ante a magnitude de tal desfeita. E unha das peores vagas de plantíos ilegais foi, precisamente, a acontecida tras o anuncio en diferido de que a Xunta procedería a aprobar unha moratoria ao eucalipto. O anuncio fixo-o o propio Presidente da Xunta o 25 de febreiro de 2021, a moratoria aprobouse en maio como disposición adicional da Lei 11/2021 de recuperación de terras agrarias e entrou en vigor en decembro dese ano, o cal produciu que durante dez meses se vivise unha febre mobilizadora de miles de hectáreas para plantar nova superficie antes de que, efectivamente, se aplicase a restrición. Pero incluso, tras a aprobación, os plantíos ilegais non cesaron e o resultado de todo isto foi un incremento en máis de 25.000 hectáreas da superficie ocupada por masas do xénero Eucalyptus.

Esta é a concreción da política de tolerancia e complicidade coa industria da celulosa. Non hai vontade política porque o sistema operativo está fundamentado nunha ampla, densa e profunda rede de vontades compradas.

Tomado de Ence, a hipoteca dun povo, exposición organizada pola asociación Erva en 2005

Castro da Croa invadido por eucaliptos. Foto: Mariña Patrimonio


A ordenación real, chave da prevención dos lumes

Sabemos que as condicións meteorolóxicas características do noso país, que dependen de fenómenos planetarios, poden mudar en pouco tempo, dando lugar a circunstancias que favorecerían a propagación dos lumes en zonas tradicionalmente húmidas mesmo no verán, como A Mariña3,4. Despois de todo o que acabamos de ver, considerando as regras non escritas que imperan e o conxunto de elementos que traballan para manter o status quo, a posibilidade de avanzar pasaría por rachar o máximo desorde sobre o que descansa o sistema de espoliación. Poñer orde, nunca mellor dito. Ordenar o que nunca quixeron ordenar coa casca baleira denominada Plan Forestal. E aí existirían múltiples oportunidades para introducir medidas preventivas do desastre incendiario. Diso tratarán as próximas entradas do IncenDiario.

Pero antes de vos recomendar unha audición, habería que dicir que non, que non esquecemos describir que dimensión ten a industria que se sostén por volta da madeira de calidade de árbores frondosas autóctonas. Trataremos esta cuestión amplamente nalgunha próxima entrada. Pero agora só queremos sinalar outro elemento que reforza o que dixemos anteriormente. E vámolo facer de forma indirecta e con interrogantes: 

Sabe ese funcionariado da obediencia debida, que perdía literalmente o cu por apoiar e defender aquel Plan Forestal de 1992 que se marcaba 40.000 hectáreas como obxectivo de novos plantíos de castiñeiro, que superficie desta especie se plantou entre 1992 e 2025? (menos de mil hectáreas).

Sabe ese funcionariado da obediencia debida que o mellor serradoiro de castiñeiro do Estado Español, o máis experimentado, o de maior coñecemento e o que manexaba a materia prima de mellor calidade se encontraba en Galiza, concretamente na parroquia lalinense de Moneixas?

E sabe ese mesmo funcionariado que tanto cacarexa polo eucalipto, que ao finar o seu fundador e alma mater, Manuel Riádigos O Carriento, o seu legado, experiencia e coñecementos se perdeu como lágrimas na choiva, que diría Roy Batty?

E, considerando isto todo, a ese funcionariado da obediencia debida.., non vos da vergoña de vos mesmos?

A esa colección toda de ignorantes e soberbios/as, onde está o radicalismo forestal excluínte?

Para rematar, deixamos unha reflexión audiovisual protagonizada, na vertente musical, polo grupo vigués xa desaparecido Camarada Nimoy e a súa música Perdidos na aurora polar. No aspecto visual, no vídeo podedes ver imaxes históricas da primeira cordada galega que ascendeu o Montblanc, o Cervino e o Monte Rosa, conformada polos irmáns Constancio e Antonio Veiga e por Xosé María Pérez Berenguer, do Clube Montañeiros Celtas.


 

1 https://mrpatrimonio.blogspot.com/2025/03/un-cento-de-xacementos-arqueoloxicos-da.html

2 https://mrpatrimonio.blogspot.com/2013/01/o-patrimonio-arqueoloxico-da-marina-en_23.html

3 Van Westen et al (2024): Physics-based early warning signal shows that AMOC is on tipping course.  Physics-based early warning signal shows that AMOC is on tipping course | Science Advances

4 Westen et al (2024): Probability Estimates of a 21st Century AMOC Collapse. https://arxiv.org/html/2406.11738v1


Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

O devalo premeditado dun país: o abandono dos serradoiros de castiñeiro e piñeiro