Il Gattopardo. A obediencia debida e as pedras que arden
Estabamos inmersos na redacción
da terceira parte da análise da política forestal cando o noso Presidente
Neumático nos sorprendeu cun vibrante exercicio de gatopardismo, quizás levado
por esa estraña corrente sociolóxica que demanda kátharsis así que se achega o Entroido. Co cal vamos aparcar por
uns días a análise prevista, para detérmonos un chisco nesa operación de
cesamento de dúas pezas fundamentais da política forestal galega: o Director Xeral
de Planificación e Ordenación Forestal e o Director Xeral de Defensa do Monte.
Por agora, anónimos..
Giuseppe Tomasi di Lampedusa foi un escritor italiano dotado dunha portentosa capacidade para retratar as condutas perversas da sociedade aristocrática e política siciliana na época da nacente República. A súa única e coñecida novela Il Gattopardo é mostra sublime diso. E desa obra ten transcendido durante decenios a frase célebre pronunciada polo ambicioso personaxe de Tancredi: "Se queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie". Pero antes de entregarnos á perspectiva política lampedusiana, voltemos ao Entroido.
Sabido é que no Entrudo da
montaña ourensá as chocas, grandes ou pequenas, son elemento fundamental na
acción represora, dramática ou xiróvaga de peliqueiros, cigarróns, boteiros,
felos, pantallas ou mázcaras. O noso Presidente Neumático non debe ser
consciente a estas alturas que el tamén viste de choqueiro. O mesmo que a súa
leal compañeira de partido, a ínclita e impronunciábel Pa Prá, “la de los regalos de la hostia”. E ao
igual que outras elevadas figuras da Banda das Carrachas, reducidas á altura
dun chascarrillo debido ao efecto
arrastre de pesadas chocas penduradas do seu pescozo: Roberto Varela,
ex-Conselleiro de Cultura, co seu “Desván de los Monjes”, Pérez Varela, tamén
ex-Conselleiro de Cultura, coa súa imaxinaria soprano “Carmiña Burana”, a
ex-Conselleira de Educación con Fernández Albor, María Jesús Sainz, que se
gañou o alcume Made in Beiras de
“Conselleira Editora”, por insistir co “he dito moitas veces..”. E, por
suposto, quen esquece ao candidato a representar ao Estado Español polo mundo
adiante? Núñez Feijoo e a súa soberba pronuncia en inglés dos Chieftains deron para varios videos
virais no YouTube. Deixamos aquí unha mostra para botar uns risos, que non hai
nada máis san:
E claro, o Presidente Neumático
leva ao pescozo a choca das “pedras que arden”, unha insuperábel descrición da
natureza pirófila do noso chan pátrio. Por iso que o gatopardismo non o axudará
a aliviar a súa andaina de presidente a bufón de “tódolos” galegos, porque, sen
dúbida, hase superar. E activar o modo gatopardista para o seu programa de
acción política, aínda non sendo habitual no Club do Tangaraño, tamén coñecido
como PPdeG, xa non sorprende a ninguén. Iso de facer que todo mude para que
nada cambie lévano feito varias veces. E os altos cargos cesados eran de plena
confianza do Presidente. E non só do Sr. Rueda, tamén de Núñez Feijoo, porque
levaban anos-luz orbitando como altos cargos de diferentes gobernos. É o que
ten iso da obediencia debida, á cal sen dúbida recorren tanto José Luís Chan,
Director Xeral saínte de Planificación e Ordenación Forestal, como Manuel
Rodríguez, cesado como Director Xeral de Defensa do Monte. Dun momento para
outro serán catapultados a outra Dirección Xeral, Axencia de Palilleiros,
Confraría dos Milagres ou chiringuito similar para practicar o que mellor saben
facer, transmitir “ordes de arriba”.
O conto non merece máis historia.
O Presidente Neumático, se quere desfacerse da súa choca, podería empezar por
demostrar a vontade política de mudar de rumbo. Vámoslle dar varias
oportunidades. A primeira, recuar con esa excepción da moratoria do eucalipto
que permite transformar as masas doentes de Pinus
radiata para Eucalyptus globulus
ou E. nitens. Se iso lle parece
demasiado, pode centrarse nesa inmensa continuidade de piñeiral enfermo da
Serra do Xistral e da Toxiza, en Rede Natura, e orientar a súa transformación
cara Betula, Quercus ou Castanea. Ou dar pasos decididos na
mobilización de recursos humanos e materiais para salvagardar as faixas
secundarias de control de biomasa. Ou facer xa a Segunda Revisión do Plan
Forestal e incluír a perspectiva da mudanza climática e as medidas derivadas de
ruptura da continuidade do combustíbel forestal, diversificando especies nas
masas de árbores.
En fin. Operacións como esta
propia de Il Gattopardo o que fan é
que sintamos unha vez máis bater as chocas das “pedras que arden”, penduradas
ao pescozo de Alfonso Rueda. Ollo, porque aquí comeza a desorientación destes
fenómenos.
Deixámosvos cunha desas xoias
inmarcescíbeis, que ven que nin pintada para cantarlla ao noso Presidente Gattopardo.

Comentarios
Publicar un comentario