Emerxencia civil e perda de credibilidade política. Da DANA aos lumes

 

“Aqueles que queren cantar sempre encontran unha canción”

Proverbio sueco

“O que as leis non prohiben, pode prohibilo a honestidade”

Séneca


Se hoxe fosen eleccións no País Valencià, PP e Vox, responsábeis da pronta, profesional e exemplar atención da emerxencia da DANA, probabelmente tocarían o seu mínimo electoral. Os méritos para ese previsíbel desastre non só os gañaron coa atención prestada desde o momento no que se desencadeou a emerxencia. Desde o día no que conxuntamente gañaron as eleccións, estes dous partidos fixeron méritos para o seu descrédito. Alardeando de pór fin a “chiringuitos”, cargáronse a axencia autonómica de atención ás emerxencias, e despois non sabían nin emitir unha alerta á poboación por telefonía móbil.

No caso dos lumes, o PP, e especialmente o Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG, leva anos desprezando a política preventiva, a diversificación forestal produtiva, a vocación  multifuncional do monte e a aplicación de políticas transversais para frear a depresión demográfica e o abandono rural. Méritos non lles faltan tampouco para coroarse como campións da montaña, seguindo o símil ciclista.

Noelia Núñez, outra gran mentireira do PP

Porque existe algo intanxíbel, pero tan necesario en política, tanto como o ar que respiramos para seguir vivos, que é a credibilidade. Sen credibilidade política, é imposíbel motivar e seducir á masa electoral e quen padece esa circunstancia só pode restar para a súa formación. Se a perda desa credibilidade é instantánea, un referente consolidado ou mesmo unha promesa xuvenil pasan ao estado cadavérico e de aí á mineralización sen ter tempo se quer para a putrefacción. Aí está o recente caso de Noelia Núñez, valida de Isabel Díaz Ayuso, convertida nun zombi desde que perdeu os títulos universitarios que nunca tivera, ao mesmo tempo que a súa irrecuperábel credibilidade. 

Certo é que a corrosión da credibilidade debido a emerxencias non afecta só aos partidos. Tamén, en xeral, son as institucións as que se ven erosionadas, por non ter previsto as consecuencias de potenciais emerxencias climáticas, sísmicas ou volcánicas en zonas sensíbeis. Pero cando se fan méritos para o descrédito desde partidos políticos concretos, as institucións vense liberadas en detrimento dos partidos, que ven como as súas primeiras espadas engrosan a listaxe de cadáveres políticos.

Farían ben na sala de máquinas do Club do Tangaraño, tamén coñecido como PPdeG, en reconsiderar as políticas citadas, tan fundamentais para abordar unha loita vitoriosa contra os incendios. Porque levan anos facendo méritos para o seu descrédito. E, como en outros moitos lugares, aquí vamos encargarnos de lembra-los un por un. Levará tempo. Pero mentres non se dean pasos decididos na corrección do rumbo, non queda outra alternativa que largar de cando en vez algunha vareada para sacar a vaca da corte.  

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

Sainete do lume na montaña de Ourense