Incendios: o contexto mundial

 

Neste verán de 2025 non só ardeu a Península Ibérica. No Canadá arderon, ata o 16 de setembro, case 9 millóns de hectáreas en 5.349 incendios. Outras áreas nas que o lume está a golpear como nunca antes son o norte e oeste europeos (Reino Unido, Irlanda ou Francia, entre outros) ou a Federación Rusa, especialmente no leste e norte siberiano (en 2024 arderon case 9 millóns de hectáreas e a 13 de maio deste 2025 computábanse unhas 630.000).


Non hai dúbida de que as altas temperaturas, antes extraordinarias e hoxe frecuentes na primavera, están detrás do adiantamento da tempada de lumes en Siberia e norte da Federación Rusa. E as vagas de calor extremo preparan o terreo para a propagación e desenvolvemento de  voraces incendios estivais. É un feito que ese calor extremo deixa grandes extensións do Planeta listas para arder coa simple caída dun raio. E que a evolución recente da superficie queimada é de crecemento moderado acompañado de picos en anos dramáticos. Basta botar unha ollada á evolución experimentada en Siberia, no Canadá, Chile ou Suecia:





Recentemente, o World Resources Institute , unha organización privada centrada en promover a investigación en conservación dos recursos naturais, publicou unha reportaxe1 sobre o novo modelo de propagación e capacidade destrutiva dos incendios no Planeta:

“Os datos máis recentes confirman o que levabamos moito tempo temendo: os incendios forestais están a volverse máis estendidos e destrutivos en todo o mundo. Usando datos de investigadores da Universidade de Maryland, actualizados recentemente para cubrir os anos 2001-2024, calculamos que os incendios forestais queiman agora máis do dobre de cuberta arbórea cada ano que hai dúas décadas.”


Acompaña á reportaxe este gráfico:


Non debería ser preciso un informe como ese. En realidade, bastaría lembrar sucesos de hai pouco tempo. Pero a memoria é selectiva e teima en non traballar no caso das desgrazas. Que hai do poder destrutor dos incendios de California de 2025 e 2018, ou de Viña del Mar (Valparaíso, Chile) de 2024 ou, xa máis perto, o de Pedrogao Grande (Portugal) de 2017?. As enormes superficies calcinadas lembran os lumes galegos deste verán. Non é só esa a máis importante coincidencia. Tanto no caso de California como no de Valparaíso, as condicións climáticas fan cada vez máis fácil a aparición diso que chaman “ventás de oportunidade” para que os megaincendios se inicien, progresen e se apoderen de enormes superficies en áreas de monte próximas a núcleos poboados. Nos casos sinalados, as temperaturas elevadas propias da seca e as vagas de calor que se padecían prepararon a vexetación para arder. E os ventos fixeron o resto. En California, os denominados ventos de Santa Ana, que varren os vales desde as zonas altas cara a costa e os ventos costeiros en Valparaíso, alcanzaron os días dos lumes velocidades con picos de 130 km/h en Palisades (California) e 46.3 en Valparaíso. En ambos casos, as áreas afectadas encóntranse próximas á costa e en cadansúa beiramar, os ventos acostuman virar, mudar e ser imprevisíbeis. O incendio de Palisades pasou en vinte minutos de afectar 8 has a estenderse a máis de 80 e similar progresión experimentou o de Viña del Mar. No tocante ás causas dos incendios, existe un abano diverso, que vai desde a neglixencia no caso de Palisades 2025, á descarga eléctrica desde a rede de distribución en Pedrogao e Camp Fire (California, 2018) ou ao crime incendiario intencionado en Viña del Mar. 

Debemos lembrar que eses lumes lle custaron a vida a moitas persoas. 88 o de novembro de 2018 de California Norte, 137 o de febreiro de 2024 de Viña del Mar e 66 o de xuño de 2017 de Pedrogao Grande e outras localidades lusas. É inevitábel encontrar no noso país comarcas candidatas a sufrir unha traxedia desas dimensións. Por desgraza, e por fortuna, somos unha terra abeirada ao mar, que desfruta do seu alento en forma de ventos da máis diversa condición: brisas, galernas, marusías, ventos mareiros... Hai lugares onde parecen dar volta sobre o mar e son coñecidos polos mariñeiros, caso da zona de Ortegal, coa Mariña de espectadora, desde a cal gatuñan vizosos eucaliptais ata o Xistral. Mais tamén a Costa da Morte, onde os últimos vinte anos viron a intensa transformación daquel mosaico de piñeirais e prados a monótonos e extensos eucaliptais. Sen esquecer as montañas que se asoman ás Rías Baixas... Porque as masas de coníferas en montes públicos ou comunais, como as que levaron por diante os lumes deste verán, xa nos é máis doado imaxina-las a arder nos próximos anos. Non nos gustaría ver, en ningún caso, cartaces como este que incluímos. O encadeamento de avisos que nos dan algúns lumes, o último o de Barreiros, trazan unha traxectoria que arrepía.


Pero o despropósito forestal construído desde o franquismo, continuado na transición e asentado e reforzado por ducias de pretendidos expertos enxeñeiros e enxeñeiras na democracia é de tal calibre que desface-lo vai levar un enorme e custoso esforzo. Vendo as superficies forestais existentes en Galiza, case sen demasiado esforzo podemos trazar unha liña que separe as dúas zonas onde o risco potencial de propagación rápida de megaincendios estaría asociado ás diferentes especies forestais predominantes.

Fonte: Inventario Forestal Continuo de Galicia


Enormes extensións de árbores pirófitas arrodean aldeas, estradas e infraestruturas industriais, sen que os cativos esforzos abordados ao redor desas masas poidan ofrecer seguridade ante a propagación dun deses grandes lumes que se desatan en circunstancias meteorolóxicas adversas. O que nos da pé para reflexionar se estas especies pirófitas son realmente rendíbeis, non só desde a perspectiva económica senón, sobre todo, do punto de vista social e civil. Interrogamos con firmeza a esas tres persoas retratadas sobre o vello cartel do Far West: que pasaría, se progresase un lume desa magnitude, en zonas como as múltiples estradiñas que comunican innúmeros lugares poboados por 3 ou 4 persoas, moitas delas dependentes, en Ourol, Mañón, O Vicedo ou Ortigueira? Parecidas circunstancias encontramos en terras do Eume na Capela ou As Pontes, na Costa da Morte en Muxía, Vimianzo ou Zas, no val do Tambre en Oroso, O Pino ou Frades, no val do Ulla, na Terra de Montes, no Condado en Ponteareas ou no Morrazo. Non tedes o valor nin se quer para ensaiar evacuacións de emerxencia por incendio forestal? Claaaro, non se pode porque o foco mediático pousaría inmediatamente sobre o modelo forestal que consentides, impulsades e, atreveríame incluso a afirmar, do que vos beneficiades economicamente. E a conclusión inmediata é que perseguides o baleiro demográfico precisamente para entregarlle grandes bolsas de territorio aos especuladores forestais e ás multinacionais mineiras. Iso é o que se percibe con propostas como a recente da Lei de Recursos Naturais de Galicia da que facedes agora campaña.

Todo o mundo debe ser consciente e responsábel do que ten entre mans. Así se lle esixe, por exemplo, a quen leva un camión tráiler de 40 toneladas pola autoestrada. Por iso, e xa é unha mensaxe para os arriba retratados, hai unha única culpabilidade no relativo a quen queima o monte, pero moitas responsabilidades cando se fala de quen deixa ou permite que arda, desde propietarios de montes a madeiristas que especulan coa propiedade como Argimiro, Patricio, Díaz Ramos ou calquera outro, pasando por medios de comunicación afíns que santifican a intensificación silvícola. Pero entre esas responsabilidades todas, A MÁXIMA RESPONSABILIDADE É A DE QUEN TENDO A FACULTADE DE TRANSFORMAR AS COUSAS E PALIAR A GRAVEDADE DOS FEITOS, TEIMA NA PASIVIDADE. POR ISO, CADA DÍA QUE PASAN NOS SEUS DESPACHOS ESTAS TRES PERSOAS SEN TRATAR DE RESOLVER O ENORME DESPROPÓSITO FORESTAL LEVANTADO POLOS SEUS PREDECESORES, ESTAN A DAR PASOS DECIDIDOS CARA O SEU ENXUIZAMENTO CRIMINAL POR INACCIÓN,  -e oxalá non sexa así- CON RESULTADO DE MORTE. Esa transformación da que falamos pasa por reformular a política forestal e dar máis relevancia á prevención, algo que abordaremos en próximas entregas. É doado inferir, como ven de ser mostrado, que a virulencia dos lumes vai ir a máis. Entón, que vamos facer? Manter o mesmo modelo? Ao contrario do que aconteceu en Portugal e así destacou a prensa galega no seu día2, esperamos non ter que contar cadáveres para mudar ese despropósito.

E xa para relaxarnos, vamos con música e con cine.

Unha música para lembrar que a industria petrolífera non é só responsábel do que hoxe se coñece como “cambio climático”. Tamén no seu momento foi responsábel de numerosos accidentes laborais. Diso fala este tema de Uncle Lucius.


E para dar conta da importancia que ten para un país como Rusia coidar do seu patrimonio, a película da que vos deixamos o enlace máis abaixo é unha mostra de que tamén se debe coidar, con orgullo, de quen traballa na extinción dos lumes. Trata sobre un episodio de vaga de lumes que afecta á Federación Rusa toda, centrándose nun grande incendio en Carelia. A pesar da súa, por momentos, falta de rigor e tratamento esaxerado (como o cine soviético), ten o seu interese. De entre as non poucas películas sobre incendios forestais, esta presenta a descrición máis completa da loita contra os grandes incendios que veñen atrás do cambio climático. Con momentos gloriosos incluídos, é un filme extremo e o suficientemente conmovedor para que quen toma decisións non arrisque máis coa inacción. Dous detalles. Primeiro: a bandeira rusa nos paracaídas dos protagonistas. Segundo: na realidade que nos toca vivir, non sempre as cousas acaban tan ben.. Película: Fire

                           

 

1 The Latest Data Confirms: Forest Fires Are Getting Worse. https://www.wri.org/insights/global-trends-forest-fires

2 https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2017/06/23/tragedia-pedrog-obliga-portugal-replantearse-deficiente-politica-forestal/0003_201706G23P4991.htm













Comentarios

Publicacións populares deste blog

A desolación no macizo de Pena Trevinca. Reportaxe fotográfica do impacto do lume

Reflexións dun incendiario

Sainete do lume na montaña de Ourense